Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34061

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN 3/2019 sobre procedemento de autorización de proxectos regulados ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se crea o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Exposición de motivos.

As sucesivas modificacións lexislativas producidas nos últimos anos, motivaron, entre outros aspectos, a liberalización do sector eólico en Galicia. Esta liberalización, enmarcada nunha planificación territorial definida, pretende o desenvolvemento do sector dun xeito continuado no tempo e que garanta a sustentabilidade ambiental.

Deste xeito, o procedemento de autorización regulado na Lei 8/2009, do 22 de decembro, foi modificado na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia co obxectivo da súa adaptación ao novo réxime xurídico.

Neste sentido, na disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, número seis, modifícase o título IV da Lei 8/2009, do 22 de decembro: «Título IV: Procedemento de autorización administrativa das instalacións de parques eólicos».

Na citada Lei 8/2009, no seu artigo 29 «Artigo 29. Presentación de solicitudes de autorización administrativa previa e de construción», establece os requisitos para o inicio do procedemento administrativo de autorizacións para a instalación destes proxectos, así como o modelo normalizado das solicitudes e a documentación necesaria que se acompañará a ela.

No artigo 33, da citada lei «Artigo 33. Instrución do procedemento» regúlase a fase de instrución do procedemento administrativo para a obtención das autorizacións administrativas correspondentes, e no artigo 34 «Resolución da autorización administrativa previa e de construción e finalización do procedemento», indícase que unha vez realizada a instrución do procedemento e acreditado por parte do solicitante o acceso e a obtención do punto de conexión á rede de transporte e distribución, segundo corresponda, a dirección xeral competente en materia de enerxía ditará a resolución correspondente.

O acceso e a conexión a un punto da rede eléctrica vén regulado no artigo 33 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, definíndose «permiso de acceso» aquel que se outorga para o uso da rede a que se conecta a instalación e «permiso de conexión a un punto da rede» aquel que se outorga para poder conectar unha instalación de produción de enerxía eléctrica ou consumo a un punto concreto da rede de transporte ou, de ser o caso, de distribución.

A obtención dos permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes é un requisito previo sine qua non se poderá obter a autorización administrativa previa dunha instalación de xeración eléctrica.

Co fin de lograr a máxima racionalización e coordinación en favor do fomento e da planificación da actividade económica e favorecer a execución de proxectos viables, enmarcados nunha planificación territorial existente recollida no vixente Plan sectorial eólico de Galicia, preténdese racionalizar os recursos administrativos e dilixenciar con maior axilidade aqueles proxectos que dispoñan dun acceso e conexión máis viable e maduro, entendido como aqueles proxectos que conten co permiso de acceso e conexión concedido polo xestor da rede e acreditada tal circunstancia ante a Administración autonómica, tendo en conta que a acreditación dun requisito material ou de fondo con carácter previo á obtención do dereito de que se trate, neste caso a autorización administrativa, pódese requirir en calquera momento da fase de instrución, tal e como se establece no artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Polo exposto, e tendo en conta as competencias da Comunidade Autónoma establecidas nos artigos 27.13, 28.3 e 30.1.2 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1081, do 6 de abril, así como as atribucións da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de conformidade co establecido no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa finalidade de coordinar o exercicio polos distintos órganos da Consellería das competencias de execución que teñen atribuídas e unificar os criterios na aplicación da normativa vixente, cómpre ditar as seguintes

INSTRUCIÓNS:

Primeira. Unha vez verificado o cumprimento dos requisitos de capacidade das persoas solicitantes e das solicitudes, indicados nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, por estrito orde temporal, requiriráselles ás persoas solicitantes que acrediten o estado de tramitación dos permisos de acceso e conexión, segundo se establece no artigo 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.

Segunda. A dirección xeral competente en materia de enerxía enviará á unidade tramitadora correspondente os expedientes para continuar coa fase de instrución, atendendo ao estado de tramitación dos permisos de acceso e conexión, tendo en conta que se considera os seguintes estados:

a) Permiso de acceso e conexión concedido por parte do xestor da rede de transporte ou distribución, dependendo do caso, e acreditado mediante comunicación correspondente.

b) Permiso de acceso concedido pendente de permiso de conexión, e acreditado mediante comunicación correspondente.

c) Solicitude de acceso e conexión en tramitación.

Terceira. A unidade tramitadora continuará coa fase de instrución do procedemento, sometendo a información pública os documentos indicados nos artigos 7 e 8 do artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas