Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Martes, 23 de xullo de 2019 Páx. 34161

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se aproba a lista definitiva de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia e se convoca o acto público de elección.

Mediante a Resolución do 2 de xullo de 2018 esta secretaría xeral técnica convocou o concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia. O punto segundo da citada resolución establece que a súa tramitación se rexerá polo disposto nos artigos 22 e seguintes do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia (modificado polo Decreto 66/2018, do 14 de xuño), sendo de aplicación o baremo específico de méritos e criterios de valoración establecido no dito decreto, así como no anexo II da citada resolución.

Por medio do Acordo do 5 de novembro de 2018 fíxose pública a lista definitiva de persoas admitidas e excluídas no citado concurso público, ao tempo que se requiriron a todas as persoas concursantes admitidas definitivamente para a presentación dos documentos acreditativos dos méritos indicados no anexo IV presentado xunto coa súa solicitude de participación no concurso.

Unha vez achegada a documentación acreditativa dos méritos alegados, a comisión de valoración constituída para o efecto procedeu, de acordo co sinalado no artigo 23 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, á valoración provisional dos distintos méritos, consonte o disposto no baremo específico de méritos e criterios para a súa valoración, e mediante a Resolución do 1 de marzo de 2019 aprobouse a lista provisional de puntuacións e outorgouse un prazo de quince (15) días hábiles para formular as oportunas reclamacións.

Unha vez analizadas todas as reclamacións, o resultado da dita valoración definitiva recolleuse nunha proposta da comisión, que contén unha relación das persoas concursantes xunto coas puntuacións definitivas obtidas por cada unha delas.

Así pois, finalizadas as actuacións anteriores cómpre agora, en cumprimento do previsto no artigo 25 do Decreto 66/2018, do 14 de xuño, proceder á aprobación da lista definitiva de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso, así como determinar a data, o lugar e a hora en que se realizará o acto público de elección de oficinas de farmacia.

Xa que logo, á vista da proposta formulada pola comisión de valoración, e de conformidade co disposto no artigo 25 do Decreto 66/2018, do 14 de xuño, esta secretaría xeral técnica

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a lista definitiva de puntuacións obtidas polas persoas participantes no concurso público para a adxudicación de novas oficinas de farmacia.

A citada lista poderá ser consultada na páxina web oficial da Consellería de Sanidade (www.sergas.es) desde o mesmo día da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Convocar a todas as persoas participantes no concurso que figuran na lista definitiva ao acto público de elección de oficinas de farmacia, que terá lugar o sábado 14 de setembro de 2019 ás 9.30 horas no salón de actos do Edificio Administrativo do Servizo Galego de Saúde en San Lázaro, Santiago de Compostela.

Terceiro. De acordo co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas concursantes poderán interpoñer contra a presente resolución recurso de alzada perante o conselleiro de Sanidade no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2019

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade