Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 22 de xullo de 2019 Páx. 33925

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se abre o prazo de presentación da solicitude de devolución de dereitos de exame correspondentes ás probas de obtención e renovación do certificado de conselleiro de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

O 18 de xuño de 2019 publicáronse na sección de formación da páxina web da Subdirección Xeral de Inspección do Transporte as listas definitivas de persoas admitidas e excluídas nas probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

Segundo a base sétima punto 4 da Resolución do 20 marzo de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, devolveráselles os dereitos de exame ás persoas aspirantes que resulten excluídas definitivamente, sempre que o soliciten.

Advertido erro na comunicación á sede electrónica de apertura do prazo de presentación da solicitude de devolución de dereitos de exame, debe procederse á emenda da posta á disposición na sede electrónica do modelo que figura como anexo IV da citada Resolución do 20 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade.

Polo exposto, as persoas aspirantes que resultaron excluídas definitivamente das probas dirixidas á obtención e renovación do certificado de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril, poderán solicitar a devolución dos dereitos de exame que figura como anexo IV da Resolución do 20 marzo de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade, que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co código IF310C, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade