Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 16 de xullo de 2019 Páx. 33208

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 1 de xullo de 2019 pola que se suprimen as oficinas dos rexistros auxiliares de Augas de Galicia, radicadas na rúa Tomiño e na rúa doutor Maceira, de Santiago de Compostela, e do Rexistro Auxiliar do Servizo de Consumo de Pontevedra.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 196, do 13 de outubro), dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas, por proposta da consellería ou entidade correspondente, logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

No anexo I do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, figura a listaxe inicial de oficinas de rexistro. A relación actualizada delas está á disposición da cidadanía no portal institucional www.xunta.gal, segundo o previsto na disposición adicional segunda dese decreto.

Con data do 23 de maio de 2019, a directora do ente público Augas de Galicia remitiu escrito á Secretaría Xeral Técnica desta consellería, en que solicita a supresión de dous dos tres rexistros de que dispón o organismo en Santiago de Compostela, en concreto os rexistros situados na rúa doutor Maceira, número 18, baixo e na rúa Tomiño, número 16, baixo.

As dúas oficinas de rexistro teñen una baixa carga de actividade; ademais, no caso da situada na rúa Tomiño, está a escasos metros da oficina de rexistro da propia entidade pública e do Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, que poden asumir perfectamente a carga de traballo das dúas oficinas suprimidas.

Con data do 3 de xuño de 2019, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia comunica que con data 31 de maio de 2019 se trasladou o Servizo de Consumo de Pontevedra ao edificio da Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, e tendo en conta que o edificio administrativo dispón de rexistro propio para as distintas unidades administrativas que acolle, solicita que se suprima o do Servizo de Consumo.

Esta supresión faise tendo sempre en conta os principios de eficacia e economía que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único. Suprímense as oficinas dos rexistros auxiliares da entidade pública Augas de Galicia, situadas na rúa doutor Maceira, número 18, baixo e na rúa Tomiño, número 16, baixo e a do Rexistro Auxiliar do Servizo de Consumo en Pontevedra.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Nesa mesma data, actualizarase para a cidadanía a relación de oficinas de rexistro auxiliar existente na páxina web institucional.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza