Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2019 Páx. 32944

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2019 de nomeamento de novos membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

A presidenta do Comité Territorial de Ética da Investigación de A Coruña-Ferrol enviou, o día 20 de xuño de 2019, un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade mediante o cal solicita o nomeamento de María Ángeles Freire Fojo e Isaac Martínez Bendayán como novos membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

Antecedentes.

Mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2018, que se publicou no DOG núm. 29, do 9 de febreiro de 2018, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol, estableceuse a súa sede e nomeáronse membros as persoas que se relacionaban no seu anexo.

Consideracións legais e técnicas.

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, polo que se regulan os comités de ética da investigación en Galicia, recolle no capítulo III a regulamentación correspondente aos comités territoriais.

No que atinxe á súa composición, os comités territoriais de ética da investigación terán, segundo dispón o número 1 do artigo 9, «unha composición multidisciplinar e estarán formados por un mínimo de nove e un máximo de quince membros, de xeito que se asegure a súa independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións».

Na actualidade, o Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol conta con trece membros polo que, coa incorporación dun novo membro, a súa composición se axusta aos citados topes numéricos.

Pola súa banda, o número 5 do artigo 9 sinala que «os membros destes comités serán designados e nomeados pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada de homes e mulleres».

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

Nomear a María Ángeles Freire Fojo e Isaac Martínez Bendayán novos membros do Comité Territorial de Ética da Investigación da Coruña-Ferrol.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade