Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2019 Páx. 32878

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 1 de Lugo

EDICTO (DSP 652/2018).

Eu, Rafael González Alió, letrado da Administración de xustiza do Xulgado do Social número 1 de Lugo, fago saber que no procedemento co número 652/2018 deste xulgado do social, seguido por instancia de Ivelisse Inmaculada Rosario Salazar contra Jesús Amigo Santín, sobre despedimento, se ditou a sentenza cuxa resolución é a seguinte:

«Que, estimando a demanda formulada por Ivelisse Inmaculada Rosario Salazar contra a empresa Jesús Amigo Santín e o Ministerio Fiscal, declaro improcedente o despedimento da demandante con efectos do 6 de xuño de 2018 e condeno a demandada a que, no prazo de cinco días contados desde a notificación desta resolución, opte entre readmitir a demandante no seu posto de traballo ou indemnizala pola extinción da relación laboral coa cantidade de 893,21 euros, sen salarios de tramitación, debendo pór en coñecemento do xulgado no dito prazo se optan ou non pola readmisión. No caso de que se opte pola readmisión, a traballadora terá dereito aos salarios de tramitación a razón de 32,48 euros diarios.

Así mesmo, condénoa a que lle aboe á demandante a cantidade de 647,55 euros en concepto de salarios de seis (6) días de xuño e compensación económica por vacacións non desfrutadas, cos xuros moratorios.

Impóñolle á empresa demandada as custas procesuais causadas (incluídos os honorarios do letrado da parte demandante ata o límite de 600 euros).

Notifíqueselles esta resolución ás partes e fágaselles saber que non é firme e que contra ela cabe interpor, ante este xulgado, recurso de suplicación que resolverá a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O recurso de suplicación deberase anunciar ante este xulgado, por escrito ou comparecencia, dentro dos cinco días seguintes ao da notificación da sentenza.

Ao anunciar o recurso deberase xuntar o documento que acredite o ingreso de 300 euros como depósito para interpor recurso no Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado correspondente ao presente procedemento número 2322-0000-65-0652-18, baixo apercibimento de non dar trámite ao recurso, salvo que o recorrente sexa traballador, habente causa seu, beneficiario do réxime público da Seguridade Social, o Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e as entidades de dereito público vinculadas ou dependentes deles, sindicato ou beneficiario do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

Ademais, cando a sentenza condenase ao pagamento de cantidade, o recorrente que non goce do beneficio de xustiza gratuíta deberá acreditar, no momento de anunciar o recurso, ter consignado no Banco Santander, na conta de depósitos e consignacións deste xulgado correspondente ao presente procedemento 2322-0000-60-0652-18, a cantidade obxecto da condena, e poderase substituír a consignación en metálico polo aseguramento mediante aval solidario de duración indefinida e pagadoiro a primeiro requirimento emitido por entidade de crédito.

No caso de que algún dos anteriores ingresos se verifique mediante transferencia bancaria, esta deberase dirixir á conta ES 55 0049 3569 92 0005001274, facendo constar como beneficiario o Xulgado do Social número 1 de Lugo e como “Concepto” o número de conta correspondente ao presente procedemento que proceda dos dous mencionados nos dous parágrafos que anteceden.

Advírteselles, ademais, ás partes que deberán facer constar nos escritos de interposición do recurso e de impugnación, de ser o caso, un domicilio na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para efectos de notificacións, dando cumprimento ao disposto no artigo 198 da Lei reguladora da xurisdición social.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza, da cal se levará testemuño aos autos».

Para que lle sirva de notificación en forma a Jesús Amigo Santín, en ignorado paradoiro, expido e asino este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 20 de xuño de 2019

O letrado da Administración de xustiza