Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Martes, 9 de xullo de 2019 Páx. 32283

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 27 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións en materia de ecoinnovación comercial e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CO300D).

BDNS (Identif.): 464899.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.go.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nos solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:

1. Comerciantes retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o seu domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade. No caso de comerciantes que realicen a actividade comercial en liña, deberán ter o domicilio social na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que, tendo a condición de peme conforme os requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa Recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DOUE 124, do 20 de maio, p. 36), empreguen menos de cincuenta (50) traballadores e non teñan a consideración de grande establecemento comercial segundo a normativa aplicable.

c) Que estean dados de alta nalgunha das epígrafes do IAE que se relacionan nos anexos II e III e que esta constitúa a actividade principal do solicitante. No caso de que a actividade principal sexa unha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, deberán estar dados de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.

d) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.

2. Obradoiros artesáns que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, terán ata o último día de prazo para a presentación de solicitudes para solicitar a inscrición no dito rexistro.

3. As asociacións de vendedores das prazas de abastos, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas, e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As asociacións de comerciantes de carácter territorial, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas e cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, que leven a cabo proxectos de interese e transcendencia en centros comerciais abertos.

Para estes efectos, terán a consideración de centros comerciais abertos as agrupacións de establecementos comerciais definidas no artigo 24 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que conten, en todo caso, cunha unidade de xestión profesionalizada que deberá cumprir os requisitos contidos na Orde CO300A, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo (DOG núm. 64, do 2 de abril de 2019).

Segundo. Obxecto

Subvencións para a execución de proxectos ecoinnovadores no desenvolvemento da actividade comercial.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente na convocatoria.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas subvencións destínanse as seguintes cantidades con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019:

09.30.751A.770.4 Ecoinnovación comercial: titorización e impulso de proxectos de sustentabilidade e ambiente no sector comercial

612.409,00 €

09.30.751A.781.1 Asociacionismo comercial e servizos para pemes comerciais

225.000,00 €

Total

837.409,00 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2019

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria