Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 3 de xullo de 2019 Páx. 31270

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 18 de xuño de 2019 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2019/20 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados agrarios, prevé dous réximes de axudas destinados a mellorar a distribución de produtos agrarios no alumnado de centros escolares. O primeiro réxime refírese á distribución de produtos dos sectores das froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano (Programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas) e o segundo á distribución de leite e de produtos lácteos (Programa de consumo de leite nas escolas).

O Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, substitúe estes dous réximes por un único, con efectos a partir do curso escolar 2017/18. Este réxime único dota estas axudas dun marco xurídico e financeiro común, máis adecuado e efectivo, que maximice o impacto da distribución e aumente a eficacia na xestión dos programas escolares.

Xunto con este, o Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, establece medidas relativas á fixación das axudas e restitucións en relación á organización común de mercados dos produtos agrícolas.

Finalmente, cómpre completar o marco normativo comunitario co Regulamento de execución (UE) 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que atinxe á axuda da Unión para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite e, finalmente, co Regulamento delegado (UE) 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo á axuda da Unión para a subministración de froitas e hortalizas, plátanos e leite nos centros escolares e se modifica o Regulamento delegado (UE) nº 907/2014 da Comisión.

Na actualidade segue existindo unha tendencia á baixa no consumo de froitas e hortalizas frescas e de leite, por iso os regulamentos establecen a necesidade de centrar a distribución de forma prioritaria nestes produtos. Así mesmo, deben realizarse esforzos para garantir a distribución de produtos locais e rexionais.

En Galicia, a regulación da axuda recollida nesta resolución desenvolve a normativa básica estatal contida no Real decreto 511/2017, do 22 de maio, polo que se desenvolve a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación co Programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite, que establece as modalidades de aplicación da nova normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite.

Esta resolución contén, no seu capítulo I, as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, e no seu capítulo II, a convocatoria das axudas para o curso escolar 2019/20.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria –Fogga– (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo), e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de Autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, incluída a loxística e repartición, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidas na presente resolución.

2. Igualmente, é obxecto desta resolución a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2019/20, consonte o disposto no Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013 polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.

3. A axuda abrangue dous procedementos diferenciados: o procedemento MR265B, de solicitude de axuda para a subministración de produtos aos centros escolares e o procedemento MR265C, de solicitude do pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.

Capítulo I

Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria obrigatoria.

As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar.

Artigo 3. Produtos que se subvencionan e restricións

1. Poderán ser obxecto de distribución no Programa escolar os seguintes grupos de produtos:

a) Froitas frescas e castañas.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

2. A axuda da Unión concederase unicamente para os produtos a que se refire o anexo I.

3. Os produtos non poderán ser obxecto de distribución no marco das comidas escolares.

4. Os produtos distribuídos serán sempre de excelente calidade. No caso das froitas frescas, serán preferentemente de tempada, atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo e serán consumidas no seu estado natural, non poderán someterse a ningún procesamento, incluída a elaboración de zume. A castaña consumirase cocida ou asada.

5. Optarase preferentemente pola distribución de produtos da Comunidade Autónoma de Galicia, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co ambiente.

6. Os produtos recollidos no anexo I terán que cumprir, se é o caso, os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004 e do Regulamento (CE) nº 853/2004 e, en particular, os relativos á preparación nun establecemento autorizado, así como os de marcación de identificación especificados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4. Período de subministración, calendario de distribución e racións

1. A subministración dos produtos nos centros escolares farase durante un ou os dous seguintes períodos de repartición autorizados:

1º período: de novembro de 2019 a febreiro de 2020 (ambos incluídos).

2º período: de marzo a xuño de 2020 (ambos incluídos).

A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo, para cada un dos períodos, durante dez (10) días lectivos consecutivos.

A distribución de leite líquido de consumo levarase a cabo, para cada un dos períodos, durante un mínimo de vinte (20) días lectivos consecutivos.

2. A ración máxima de consumo por alumno/a e día é de:

a) Froitas frescas e castañas: 0,17 kg.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa: 200 cc.

Para cada centro escolar admitirase unicamente un provedor por grupo de produto e período de repartción.

Artigo 5. Axuda da Unión para a subministración e a distribución de produtos

1. A axuda da Unión destinarase a financiar a subministración e distribución, incluídas a loxística e a repartición dos produtos subvencionables a que se fai referencia no artigo 3. O IVE será financiado con cargo ao orzamento da Xunta de Galicia.

2. O importe máximo aplicable ao produto para a subministración e distribución, incluídos os custos de loxística e repartición, será o establecido no anexo I. Ao dito importe engadiráselle o importe correspondente ao IVE.

Non obstante, cando as rutas de distribución supoñan máis de 350 quilómetros, poderase complementar o importe aplicable ao produto para cubrir gastos extra de transporte, tal e como se establece na alínea c) do anexo I.

3. Os importes do anexo I, excepto os gastos extra de transporte, incrementaranse nun 20 % para produtos avalados por réximes de calidade recoñecidos pola UE, establecidos no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e no Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) nº 2092/91, ou dos réximes de calidade a que se refire o artigo 16, número 1, letras b) e c), do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

Artigo 6. Persoas solicitantes da axuda para a subministración e distribución dos produtos

1. Poderán solicitar a axuda as persoas físicas ou xurídicas que exerzan a actividade de produción e/ou comercialización dos produtos subvencionables determinados no artigo 3, cuxas empresas ou establecementos estean dados de alta no correspondente Rexistro Sanitario Oficial (Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, RXSEAA, ou Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos, Regasa) e que reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.

2. Para os efectos da aplicación da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, será persoa beneficiaria da axuda unha persoa solicitante que fose aprobada para participar no Programa no curso escolar 2019/20, de acordo co establecido na Resolución do 9 de xullo de 2018 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares e se convocan para o curso escolar 2018/19, e a convocatoria da declaración de participación para o curso escolar 2019/20.

As persoas solicitantes que pretendan participar no Programa escolar deberán figurar na listaxe do FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) de participantes aceptados para distribuír froita e leite escolar, curso 2019/20, na Comunidade Autónoma de Galicia. A listaxe pode consultarse na seguinte páxina web do Fogga:

https://fogga.xunta.gal/gl/intervencion_de_mercados

A participación poderá ser suspendida por un período de un a doce meses, ou retirada, pola Dirección do Fogga, en calquera momento atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos pola persoa declarante ou pola existencia de irregularidades, logo de ponderar as circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, polo menos, doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia da persoa interesada, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

3. Non poderá concedérselle/s a axuda a aqueles que estean incursos nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de persoa beneficiaria previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

4. Para os efectos de xustificar o cumprimento dos requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas solicitantes asinarán unha declaración de cumprimento dos ditos requisitos, que se contén no anexo II desta resolución.

Artigo 7. Presentación e tramitación da solicitude de axuda (código do procedemento MR265B)

1. Aqueles que foron aprobados pola Dirección do Fogga para participar no Programa escolar no curso 2019/20 presentarán a solicitude de axuda no servizo territorial do Fogga onde radiquen os centros escolares a que subministren. A solicitude presentarase no prazo establecido no capítulo II, segundo o modelo do anexo II.

Empregarase un modelo do anexo II para froitas frescas e castañas e outro para leite.

Previamente á presentación da solicitude, a persoa provedora gravará na aplicación informática que o Fogga habilitará para estes efectos os datos relativos á repartición de produtos por centro escolar.

Rematada a gravación, a aplicación xerará un código de peche que será imprescindible para cubrir o anexo II de solicitude de axuda.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

A presentación electrónica será obrigatoria para as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica e as persoas representantes destas.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. No caso de que os importes solicitados superen a contía das dispoñibilidades orzamentarias, reduciríase proporcionalmente o dito importe.

4. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga validarán, a través da aplicación informática creada para esta xestión, as solicitudes presentadas, para que a Dirección do Fogga dite a correspondente resolución, entendéndose desestimadas por silencio negativo aquelas que non sexan resoltas e notificadas no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes de axuda.

5. As persoas solicitantes da axuda que foron aprobadas deberán comunicar ao Fogga previamente á repartición dos produtos as modificacións que pretendan realizar na distribución dos produtos da súa solicitude de axuda.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. A persoa provedora xuntará, a través da aplicación informática, a seguinte documentación complementaria tendo en conta o grupo de produto que se distribúa:

1º anexo II-A de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar (para o grupo de produto de froitas frescas e castañas).

2º anexo II-B de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar (para o grupo de produto de leite líquido de consumo).

2. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos e recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias co Estado.

b) Certificación de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento para o pagamento da axuda (código do procedemento MR265C)

1. As persoas provedoras solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo III desta resolución, na forma establecida no artigo 7.2, e dirixirase ao servizo territorial do Fogga da provincia onde radiquen os centros escolares correspondentes.

Previamente á presentación da solicitude, a persoa provedora gravará na aplicación informática que o Fogga habilitará para estes efectos os datos relativos á repartición de produtos por centro escolar.

Rematada a gravación, a aplicación xerará un código de peche que será imprescindible para cubrir o anexo III de solicitude de pagamento.

2. Só será admisible unha única solicitude de pagamento para cada período de distribución e grupo de produto.

3. A solicitude de pagamento presentarase no prazo establecido no artigo 25.1 desta resolución.

Se o prazo de presentación da solicitude de pagamento se excede en menos de 60 días naturais, a axuda verase reducida como se indica a continuación:

a) Un 5 %, se o prazo se supera entre 1 a 30 días naturais.

b) Un 10 %, se o prazo se supera entre 31 a 60 días naturais.

Cando o prazo se exceda en máis de 60 días naturais, a axuda reducirase, ademais, nun 1 % por cada día adicional, calculado sobre o saldo restante.

4. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos e recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

Artigo 11. Documentación complementaria

A persoa provedora xuntará, a través da aplicación informática, a seguinte documentación complementaria:

a) As facturas das cantidades de produtos efectivamente subministradas, por centro escolar e por grupo de produto (froita ou leite).

b) Os albarás de entrega dos produtos, asinados e selados polo centro escolar.

c) O certificado, selado e asinado polo centro escolar, no cal figuren o número de alumnos/as matriculados/as ao comezo do curso escolar e o número de alumnos/as participantes na liña de axuda, por nivel de ensino e tipo de produto, coas cantidades efectivamente subministradas.

d) No caso de subministrar produtos avalados polos réximes de calidade recollidos no artigo 5.3 desta resolución, achegarase a documentación acreditativa correspondente:

1º. Provedores produtores: certificado emitido polo órgano competente correspondente de que os produtos distribuídos nos centros escolares están avalados por un réxime de calidade diferenciada, e/ou fotografía da etiquetaxe dos produtos distribuídos onde figure a dita denominación.

2º. Os demais: copia da factura de compra dos produtos que se distribuíron aos centros escolares onde figure a denominación de produto de calidade diferenciada e/ou fotografía da etiquetaxe dos produtos distribuídos onde figure a dita denominación.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias co Estado.

b) Certificación de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

c) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Controis

1. O Fogga establecerá un plan de controis co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta axuda, de acordo co establecido nos artigos 9 e 10 do Regulamento de execución (UE) nº 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016.

2. Levaranse a cabo controis administrativos a todas as solicitudes, que incluirán a comprobación dos xustificantes previstos en relación coa distribución dos produtos. Tamén se realizarán controis sobre o terreo nas instalacións do solicitante, que se complementarán con controis nas instalacións dos centros escolares incluídos na listaxe do solicitante.

Artigo 14. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades na calidade dos produtos subministrados, a distribución incorrecta a todo o alumnado participante (lugar, horario, forma e produto), a superación das racións máximas de consumo por alumno/a e día lectivo, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio do alumnado, poderá implicar a suspensión ou retirada da participación de acordo co previsto no artigo 6.2 desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo nas que puidesen incorrer as persoas responsables do centro escolar e/ou a persoa provedora.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous números anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 15. Tramitación e resolución das solicitudes de pagamento

1. Efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da xefatura territorial, á Dirección do Fogga, sobre as solicitudes de pagamento presentadas, para que esta dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será o establecido no artigo 25.2 desta resolución.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior implica que as solicitudes presentadas se entenderán desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Reintegro da axuda

Para a recuperación dos importes pagados indebidamente será de aplicación mutatis mutandis o artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014.

De conformidade co disposto no artigo 8 do Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, no caso de incumprimento das obrigas establecidas en virtude do Programa escolar, excepto as recollidas no artigo 64.2, alíneas a) a d), do Regulamento (UE) nº 1306/2013, a persoa solicitante, ademais de devolver os importes pagados indebidamente, pagará unha sanción administrativa equivalente á diferenza entre o importe exixido inicialmente e o importe a que teña dereito.

Artigo 19. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola Dirección do Fogga poderase interpoñer recurso de alzada, ante a Presidencia do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 112, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Se a resolución non é expresa, poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 20. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, as persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21. Publicidade sobre a distribución de produtos nos centros escolares

Os centros escolares que participen no Programa escolar deberán publicitar, na entrada principal do centro e nun lugar onde se poida ver e ler claramente, que este está subvencionado pola Unión Europea, mediante os carteis elaborados e facilitados polo Fogga.

CAPÍTULO II

Convocatoria das axudas para o curso escolar 2019/20

Artigo 22. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o curso escolar 2019/20 as axudas para a subministración, ao alumnado de centros escolares, dos produtos sinalados no anexo I da presente resolución.

Artigo 23. Participación como persoa provedora

As persoas solicitantes que pretendan participar no Programa escolar deberán figurar na listaxe do FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) de participantes aceptados para distribuír froita e leite escolar, curso 2019/20, na Comunidade Autónoma de Galicia. A listaxe pódese consultar na seguinte páxina web do Fogga:

https://fogga.xunta.gal/gl/intervencion_de_mercados

Artigo 24. Solicitude de axuda

1. As persoas solicitantes que fosen aprobadas para participar no Programa escolar segundo o establecido no artigo anterior solicitarán a axuda ata o 20 de setembro de 2019 (incluído) e asumirán os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8.1 desta resolución.

2. As solicitudes de axuda serán resoltas e notificadas no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes de axuda.

Artigo 25. Solicitudes de pagamento

1. As solicitudes de pagamento presentaranse nun prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate de cada período de subministración autorizado establecido no artigo 4.1 desta resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será de tres meses contados a partir do día de presentación da solicitude de pagamento válida e completa, menos que se iniciasen investigacións administrativas.

Artigo 26. Axuda da Unión

Estas axudas fináncianse no 100 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). O imposto sobre o valor engadido (IVE) será subvencionado coa axuda da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 5 desta resolución, o importe aplicable para cada produto será o indicado no anexo I.

Artigo 27. Financiamento

1. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2019/20, polo importe máximo de 1.427.491,54 euros, segundo as seguintes anualidades e grupo de produto:

Exercicio 2019: 142.749,15 euros, dos cales 92.407,12 euros corresponden ao programa de leite (88.853,00 euros de fondos Feaga e 3.554,12 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 50.342,03 euros ao programa de froita (48.405,80 euros de fondos Feaga e 1.936,23 euros de fondos da Xunta de Galicia).

Exercicio 2020: 1.284.742,39 euros, dos cales 831.664,09 euros corresponden ao programa de leite (799.677,01 euros de fondos Feaga e 31.987,08 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 453.078,30 euros corresponden ao programa de froita (435.652,21 euros de fondos Feaga e 17.426,09 euros de fondos da Xunta de Galicia).

2. En todo caso, a concesión da axuda condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase á dispoñibilidade orzamentaria e deberase tramitar o oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito, no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

3. As ditas dotacións orzamentarias poderanse incrementar, se for procedente, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma. Neste suposto, tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Artigo 28. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou se deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 29. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 30. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Fogga publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recollidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería do Medio Rural/Fondo Galego de Garantía Agraria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/información-xeral-protección-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos cales dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais

Disposición adicional segunda. Normativa aplicable

Para todo o non previsto nesta resolución será de aplicación a sección I do capítulo II do título I da parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas normas de desenvolvemento e aplicación, así como o Real decreto 511/2017, do 22 de maio; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o seu regulamento, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e tamén a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009.

Disposición derradeira

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso escolar 2019/20.

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2019

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto

a) Froitas frescas e castañas.

Produto

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto (€/kg)

Albaricoque

3,70

Ameixa

2,69

Amorodo

3,75

Caqui

2,25

Castaña

6,00

Cereixa

4,74

Clementina

2,72

Figo fresco

4,38

Froitas tropicais (chirimoia, manga, papaia...)

2,62

Froitos vermellos (framboesa, arando, grosella...)

12,87

Granada

2,70

Kiwi

2,99

Laranxa

1,98

Mandarina

2,02

Mazá

1,88

Melón

2,99

Nectarina

2,56

Néspera

3,92

Paraguaio

2,97

Pera

2,19

Pexego

2,41

Plátano

2,45

Sandía

1,16

Uva

3,23

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

Produto

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto (€/kg)

1.1

Leite tratado termicamente (pasterizado)

1,30

1.2

Leite tratado termicamente (os demais) en envases de 200 cc

1,34

1.3

Leite tratado termicamente (os demais) en envases distintos de 200 cc

0,95

1.4

Leite tratado termicamente. Sen lactosa. En envases de 200 cc

1,36

1.5

Leite tratado termicamente. Sen lactosa. En envases distintos de 200 cc

0,96

(1 litro de leite equivale a 1,03 quilogramos)

c) Transporte.

Traxecto total da ruta de distribución

Axuda sen IVE complementaria para gastos de transporte (€/kg)

Máis de 350 km, pero menos de 500 km

0,0726

Máis de 500 km, pero menos de 750 km

0,0953

Máis de 750 km

0,1083

Suplemento por transporte frigorífico

0,0085

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file