Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2019 Páx. 30832

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 71/2019, do 13 de xuño, polo que se amplía a delimitación de ben de interese cultural dos muíños do Folón e do Picón no termo municipal do Rosal (Pontevedra).

O Decreto 27/1998, do 22 de xaneiro, declaraba ben de interese cultural, coa categoría de lugar de interese etnográfico, os muíños do Folón e do Picón, sitos en Santa Mariña, no concello do Rosal, provincia de Pontevedra.

No anexo descritivo do devandito decreto definíase un ámbito de protección integral do conxunto etnográfico a través dunha liña poligonal que, á vista da información dispoñible, non recollía a totalidade de muíños deste ámbito, senón só os asociados ao río do Folón, sen que tampouco coincidise a posición de cada un deles coas áreas sinaladas na información anexa ao decreto.

Malia que a existencia dos diferentes grupos de muíños era coñecida e está recollida nalgunhas publicacións e estudos, o Concello do Rosal advertiu de que o grupo de muíños do Picón, situados cara ao leste da delimitación actual, cunha disposición, funcionalidade, tipoloxía e materiais análogas aos do río do Folón, non estaban recollidos no decreto de declaración nin amparados polo mesmo nivel de protección.

Os muíños deste ámbito ampliado dispóñense dun modo semellante, sérvense das augas do sistema fluvial tanto permanente dos regos coma o descontinuo das fervenzas, e forman parte dun mesmo contexto social e económico, constituído non só polas edificacións de moer senón polo sistema de captación e distribución dos muíños de rego, como os dos lugares da Enxubrigada e do Nivel, elemento este de interese para a comprensión de todo o sistema, e que facilita uns amplos e magníficos panoramas.

No lugar existen regos e canles de abondosa variedade toponímica, así como un camiño tradicional cara á ermida de San Martiño que destaca en varios dos seus tramos polas súas características construtivas e estado de conservación.

Este grupo de muíños mantén cos xa declarados unha íntima relación de proximidade e comparte tradicións entre as comunidades locais, polo que a delimitación do lugar debe tamén estenderse cara ao noroeste para incluír a ermida de San Martiño, na cal se celebra no outono unha tradicional e multitudinaria romaría e que emprega o mesmo sistema de camiños, e cara ao sur para incluír o ámbito protexido do castro do Picón.

Mediante a Resolución do 17 de xullo de 2017 (DOG núm. 153, do 11 de agosto) a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acordou incoar o expediente para ampliar a delimitación dos muíños do Folón e do Picón no termo municipal do Rosal como ben de interese cultural coa categoría de lugar de valor etnolóxico. A resolución describía os inmobles, as súas características e a delimitación ampliada do lugar obxecto de protección.

Coa súa publicación abriuse un trámite de información pública, no cal se presentou unha única alegación que solicitaba ampliar aínda máis a delimitación cara ao norte, ben que non se considerou xustificada por non corresponder co mesmo modelo tipolóxico nin estar recollidos nas memorias e estudos históricos consultados na tramitación do expediente.

Na tramitación do expediente cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coas disposicións vixentes, ademais de contar cos informes dos órganos consultivos e asesores: Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario e Museo do Pobo Galego, segundo se establece no artigo 18.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que emitiron informe positivo da proposta recollida na resolución de incoación.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de xuño de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por finalidade ampliar a delimitación dos muíños do Folón e do Picón, no termo municipal do Rosal (Pontevedra), conforme a descrición e delimitación recollidas nos anexos desta resolución.

Artigo 2. Réxime de protección

O réxime de protección será o establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens inmobles de interese cultural e para os lugares de valor etnolóxico en particular.

Artigo 3. Réxime xeral de intervencións

De conformidade co establecido no artigo 39 e seguintes da LPCG, calquera intervención que se pretenda realizar en bens de interese cultural deberá ser autorizada pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, quedando a súa utilización subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.

Artigo 4. Réxime específico de intervencións

No referido ao seu réxime de protección, cómpre indicar que as construcións, froito do abandono sufrido dende mediados do século XX ata o momento do comezo da súa restauración xeneralizada en 1991, están reconstruídas na súa maior parte con técnicas e materiais tradicionais. Pode considerarse que os procesos de restauración foron respectuosos cos seus valores e tiveron a virtude de valorizalos, aínda que esta restauración non puido acadar a reconstrución de todos os sistemas hidráulicos e motrices.

1. Muíños: aínda que se considera axeitado aplicar un nivel de protección integral para as edificacións, enténdese que nas futuras actuacións e procesos de consolidación, restauración e reconstrución poderán revisarse puntualmente algunhas solucións construtivas que redunden na mellor interpretación e uso das técnicas tradicionais, tanto no uso de materiais, medios e técnicas tradicionais, como é o sistema construtivo da pedra en seco, os modelos de carpintarías, de remates da cubrición, pavimentos... con base nos orixinais que se documenten convenientemente.

Por outra banda, e posto que na actualidade a función esencial deste conxunto é a propiamente cultural, considérase que serán aceptables e mesmo recomendables as intervencións nalgún dos muíños e os seus alboios que permitan mellorar as condicións globais de uso dos visitantes, tanto para a valoración do conxunto e a súa interpretación como para o seu confort e seguridade, de tal forma que, naqueles que dispoñan das mellores condicións para isto ou que carezan de elementos internos ligados ao uso orixinal, poidan rehabilitarse para funcións complementarias, como a recepción de visitantes e servizos asociados a eles, aínda que só de forma puntual e sempre que se manteñan as condicións xerais da construción.

2. Ámbito territorial: no referido ao espazo e medio en que se asentan, as intervencións deberían procurar, como criterio específico, a recuperación dunha vexetación e arboredo propio e autóctono, de tal forma que o conxunto recupere as condicións de accesibilidade e visibilidade que lle son propias e características. Neste senso, os traballos das comunidades locais, propietarias da práctica totalidade dos predios que rodean as edificacións e os regos deben ser recoñecidos.

A incorporación de medios de seguridade como as pasarelas, pasais e varandas considéranse necesarias e oportunas en relación co uso, mais deben limitarse aos lugares estritamente necesarios e limitar a súa disposición e tamaño en función das perspectivas visuais e a proximidade aos muíños e ao resto de instalacións hidráulicas e nunca de forma xeneralizada e continua, de tal forma que poida chegar a perverter as condicións de apreciación e comprensión do conxunto e a súa autenticidade.

3. Sistemas de captación e distribución da auga: o sistema de augas, os seus percorridos e as instalacións necesarias son bens de tanto valor como os propios e máis evidentes muíños, polo que un obxectivo a medio prazo debera ser a súa recuperación, interpretación e posta en funcionamento, e non deben ser sacrificados estes aspectos en función doutros. Na actualidade parte destas captacións están realizadas con medias canas de pezas prefabricadas de formigón que, pola súa disposición, tamaño e paso do tempo, manteñen unhas suficientes condicións de integración ambiental, ben que poderían ser obxecto de avaliación, revisión e mesmo substitución nun futuro.

4. Ermida de San Martiño: para o caso da capela ou ermida de San Martiño, e dadas as características construtivas e de deseño recentes do seu pórtico, considérase que será axeitada unha protección estrutural dos muros de pedra da capela, e poderán ser revisadas en futuras intervencións tanto o pórtico de entrada como a propia solución de cuberta e carpintarías.

Disposición adicional primeira. Inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Esta modificación da delimitación inscribirase no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e notificarase ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.

Disposición adicional segunda. Publicidade

Este decreto publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición adicional terceira. Notificación

Este decreto polo que se amplía a delimitación destes muíños notificarase ás persoas e institucións interesadas e ao Concello do Rosal.

Disposición adicional cuarta. Recursos

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ou potestativamente, recurso de reposición perante este mesmo órgano, no prazo dun mes, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro que coiden procedente.

Disposición derradeira única. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de xuño de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO I

Descrición dos conxuntos de muíños do Folón e do Picón

1. Denominación: Muíños do Folón e do Picón.

2. Descrición:

a) Inmobles obxecto da declaración.

Os muíños do Folón eran coñecidos historicamente pola denominación de muíños de Riobó, nome empregado para o río do Folón ou de San Martiño, e teñen a súa orixe cando menos o século XVII, coa implantación e xeneralización do cultivo do millo, ben que é probable que aumentando o número dalgúns xa existentes con anterioridade. Os muíños do Picón, situados máis cara ao leste, alimentábanse das augas de recollida de varios regos e fontes, en especial do que adopta a denominación do rego da Cal, no lugar denominado O Nivel, e teñen un número e disposición semellante, ben que o seu funcionamento está condicionado pola periodicidade dos usos e caudais. Estes muíños tiñan a función principal de moer gran de millo, trigo e centeo, aínda que excepcionalmente está acreditado o uso para moer mineral, polo que mantiveron a actividade cotiá ata mediados do século XX, cando se produce case o seu total abandono. Todos os muíños do conxunto, ata un total de sesenta e sete (trinta e seis no Folón e trinta e un no Picón) teñen unha feitura moi semellante e homoxénea. Son construcións rectangulares de pequeno tamaño, de muros de cachotaría concertada con linteis, xambas e algún canto de cantaría traballada, e cubertas de tella curva a unha auga, sen beiril. Os ocos principais son o acceso, cunha porta de madeira, de folla partida, e os cubos de entrada da auga, protexidos cunha grade, e o inferno, no cal se asenta o enxeño hidráulico que move as moas.

Nestes ocos emprégase a mellor e máis precisa técnica de cantaría. Tamén dispoñen polo xeral dunha pequena bufarra para entrada da luz.

Nas cantarías son abondosas as inscricións, en especial cruces latinas con algunha sinxela ornamentación xeométrica, aínda que tamén hai inscritas iniciais e datas. Estes símbolos, que ás veces ocupan paneis enteiros de varias cruces, tamén se repiten en laxes exteriores próximas aos muíños. Ocasionalmente o sistema podía completarse cun pequeno alboio cuberto para as bestas, ás cales se lles dispuñan pías ou bacías para alimentalas.

O sistema construtivo e o seu uso continuo e intenso obrigaba a constantes reparacións e melloras, polo que debe entenderse como unha construción viva e adaptable que se axustaba a diferentes usos e circunstancias.

No interior dalgún muíño tamén existe, na parede a unha media altura, unha fornela ou lacena para as funcións auxiliares da moenda.

O pavimento é tamén de pedra, e acubilla de ordinario dúas estancias, unha a da moa –aínda que algún deles tiña dúas–, e outra a dos sacos (de gran ou de fariña) na cal podía existir tamén mesmo un pequeno lar e un lugar para durmir, separadas por un tabique lixeiro de madeira.

A auga condúcese a través de levadas e regos, que manteñen o potencial da súa forza motriz e o reparten para o funcionamento de todo o sistema.

Orixinalmente este sistema hidráulico compartía a súa función coa de rega de hortas e campos de cereal, polo que o funcionamento debía ser compartido, deixando a moenda para os meses máis propicios, co gran oureado e a auga abondosa, ben que con preferencia do uso para o regadío.

b) Outras partes integrantes.

b.1. Sistema hidráulico.

Considéranse partes integrantes do lugar de valor etnográfico, ademais das propias edificacións dos muíños, os sistemas hidráulicos para a captación, retención e distribución das augas, en especial as levadas e regos que conducen a auga aos cubos.

Os lugares da Enxubrigada, no cal se recollen e conducen as augas por unha longa canle, e O Nivel, no que se distribúen de forma equitativa coa base dunha pedra con orificios elaborada para tal fin, son moi importantes no funcionamento deste sistema. Parte destas canles están na actualidade feitas con prefabricados de formigón, se ben amosan unha boa integración cromática e funcional, sen que produza unha deturpación significativa dos seus valores.

b.2. Ermida de San Martiño.

Como parte integrante do lugar tamén se identifica a ermida de San Martiño, aínda que, dadas as súas características arquitectónicas, deberá aplicárselle un nivel de protección estrutural. O pórtico de acceso, de recente construción pode considerarse como un elemento deturpador, cando menos, desde un punto de vista estético.

b.3. Os camiños tradicionais.

Os camiños tradicionais, en especial o de San Martiño, aínda conserva algún pousadoiro e unha parte de pavimento aberto na propia pedra, con fondas rodeiras de carro, e os que soben polas carreiras de Martín e Cereixeira.

c) Outros elementos e manifestacións de valor cultural.

Só parcialmente algún dos muíños conserva en funcionamento a maquinaria que lles dá sentido funcional. Porén, tampouco pode acreditarse que todas elas sexan orixinais. Por tal motivo, aínda que se considera axeitada a procura da reconstrución integral do sistema de usos e maquinaria interior, non deben recollerse como bens mobles catalogados singularmente.

En calquera caso, as mostras, cunha función de valorización e de difusión, deberan completarse con outros mobles e enxoval relacionados coa actividade da moenda, como poden ser vasoiras, picos, pancas ou candís, trespés, perois e cacharros e outros que acrediten dunha forma verídica e complexa todas as dimensións da actividade.

Ademais da tradición ligada á moenda e ás relacións sociais que arredor dela se producían, tan abondosas no patrimonio inmaterial galego, tamén os dereitos sobre os muíños constitúen unha parte do seu interese cultural, xa que son reflexo das dinámicas sociais e económicas, e son ao tempo mostra de diferentes accesos á súa titularidade: propiedade e copropiedade, parzaría, maquía, alugueiro...

Tamén os preitos e as transmisións de dereitos son múltiples e de interese, así como os referidos aos dereitos das augas tamén para a rega que constitúen de por si un modo de organización propio e sinalable, entre os cales estarían o dereito ao acceso á auga de rega e as obrigas para o mantemento do sistema e as limpezas e reparacións necesarias.

Recoñécese, ademais, o valor cultural relevante da riqueza toponímica do ámbito así como a dos propios termos referidos á actividade. No expediente recóllense a terminoloxía e toponimia referidas na publicación Os muíños do Folón e do Picón na vila do Rosal de Juan Ramón Martínez Barbosa e Xoán Martínez Tamuxe (2009), que resulta o informe histórico e documental máis relevante e completo sobre o conxunto e as persoas relacionadas con el e que tamén foi usado como referencia para esta delimitación e identificación.

3. Estado de conservación.

A maior parte do conxunto de muíños está rehabilitado desde 1991 polo Concello do Rosal en diferentes fases, despois dun proceso de cesións por parte dos seus propietarios e titulares de dereitos recoñecidos, e coa reserva do seu uso. Algún foi mantido ao longo do tempo polos seus propietarios e outros, os menos, atópanse en ruínas ou deteriorados. As intervencións tiveron por obxecto a rehabilitación arquitectónica das edificacións, e só parcialmente dos enxeños hidráulicos da moa e rodicio, principalmente con funcións culturais. Así mesmo, a valoración do conxunto levou tamén á mellora e acondicionamento dos accesos e espazos de descanso, de tal xeito que o lugar pode ser desfrutado tamén como un percorrido con altos valores ambientais, como as augas en fervenza da Fonte do Aloque, ou panorámicas do treito final do río Miño e o Monte Trega.

Ambientalmente a contorna está nun proceso entre a propia valoración natural do lugar e o uso forestal de especies de crecemento rápido.

No actual contexto, a formación en serie dos repetidos muíños, dispostos en diferentes ringleiras, posúe un valor estético sobranceiro e son mostra de como unha instalación para aproveitar e explotar os recursos naturais pode reunir en si beleza e utilidade, ademais dun enorme potencial identitario relacionado coa historia da moenda, na cal participa toda a comunidade.

ANEXO II

Delimitación do lugar de valor etnolóxico dos muíños do Folón e do Picón

1. Xustificación da delimitación do ben.

O lugar de valor etnolóxico distribúese polas abas dos montes do Campo do Couto ao oeste e os montes da Valga ou San Martiño ao norte, nos cales se localizan todos os seus elementos, incluídos os camiños e as pesqueiras e levadas que conforman a totalidade do sistema hidráulico.

Polo norte estará limitado polo propio límite do termo municipal, enmarcado polos cumios dos altos de Picouto, Carrolo e Castelo, dos cales proveñen as augas principalmente polo rego da Cal ata A Enxubrigada. Polo leste, o propio rego da Cal ata O Picón, mentres que polo sur estaría delimitado polo lugar de Ponte das Penas e Martín e polo oeste polo Campo do Couto.

Este ámbito recolle a totalidade do sistema e inclúe a ermida de San Martiño no extremo noroeste e o castro do Picón no extremo sueste.

2. Contorno de protección e zona de amortecemento.

Dada a extensión do lugar de interese etnolóxico delimitado e polas súas características xeográficas e delimitación topográfica, non se considera preciso establecer ningún contorno de protección, xa que se delimitan todos os espazos necesarios tanto para a conservación da súa integridade como para manter as relacións co seu territorio.

Polo mesmo motivo, tampouco se establece unha zona de amortecemento específica.

3. Plano coa delimitación.

missing image file