Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 27 de xuño de 2019 Páx. 30568

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

EDICTO do 6 de xuño de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución de 29 de abril de 2019, relativa á revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común Veiga e Comunal de Escornabois, no concello de Trasmiras.

O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común adoptou o seguinte acordo, baseándose nos feitos e consideracións legais que a continuación se expoñen:

Feitos:

Primeiro. Con data do 22 de decembro de 2017 o presidente da xunta reitora da comunidade de montes veciñais en man común de Escornabois presentou un escrito no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural de Ourense (nº 5561/ rx 3128358) solicitando a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común Veiga e Comunal de Escornabois.

Coa solicitude achegou unha certificación da aprobación da proposta de revisión parcial do esbozo do comunal de Escornabois, realizado pola empresa Braña, S.C.L. e unha copia do documento con esta denominación.

Segundo. O Servizo de Montes elaborou unha proposta de revisión con data do 14 de setembro de 2018, en que fai constar os seguintes aspectos:

– Tramo 1 (vértice 1 ao vértice 123): na documentación da solicitude indícase que o vértice 1 é case coincidente co marco de deslindamento coa comunidade de montes veciñais en man común de Atás (en realidade na aliñación dos marcos 1 e 2) e vai ata o vértice 123. Revisada a documentación comprobouse que entre os vértices 1 e 2 do tramo a revisar hai un desaxuste moi pequeno coa cartografía catastral. Desde este servizo proponse que a revisión se axuste á cartografía catastral cumprindo así os requirimentos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade, tal como se establece no punto primeiro da citada disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012 e na Lei 13/2015, do 24 de xuño, de Reforma da Lei hipotecaria e da Lei do catastro inmobiliario.

– Tramo 2 (vértice 123 ao vértice 131): na documentación da solicitude indícase que neste tramo existen muros que delimitan as propiedades particulares e o monte veciñal en man común. A polígonal obrigaría a modificar a cartografía catastral das parcelas nº 265, 266, 453 e 455, todas do polígono 105, que no seu límite norte non se axustan ao trazado real dos muros. Indícase tamén que, provisionalmente, este tramo deixarase sen acordar ante as dificultades para localizar os propietarios afectados, e formalizar a avinza de lindes. A proposta remitida por este servizo axústase ao parcelario catastral á espera da realización dun deslindamento do monte veciñal en man común con estas propiedades particulares segundo o establecido no artigo 54 da citada Lei 7/2012, ou, de ser o caso, a que se estableza o lindeiro por sentenza ditada pola xurisdición ordinaria.

– Tramo 3 (vértice 131 ao vértice 235): coincide coa documentación da solicitude que se axusta ao límite do parcelario catastral ata o vértice 234. A partir do vértice 234 non se axusta ao parcelario catastral polo que deberá modificarse a cartografía catastral atendendo o que establece a citada Lei 13/2015.

– Tramo 4 (vértice 235 ao vértice 252): na documentación indícase que este tramo xa foi obxecto de avinza de lindes entre as partes, con base no informe pericial do enxeñeiro técnico agrícola, polo que procede a súa comunicación ao XPMMVVMC de Ourense para elevar a público o acordo adoptado. Enténdese desde este Servizo de Montes que deberá tramitarse un deslindamento segundo o procedemento establecido no artigo 54 da citada Lei 7/2012, iniciándose coa presentación por parte desa comunidade da correspondente proposta coa liña de deslindamento cunha certificación da súa aprobación por parte da asemblea xeral.

Como conclusión, a revisión parcial do esbozo deste monte veciñal en man común proposta desde este Servizo de Montes iníciase na intersección da aliñación dos vértices 1 e 2 do deslindamento realizado co monte veciñal en man común Carreiro Ladrón (acordo do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais do 24.3.2010) continuando, de sur a norte, polo perímetro estremeiro das seguintes parcelas catastrais coas propiedades particulares, segundo a cartografía catastral:

– Parcela catastral nº 9001, do polígono 276, do concello de Cualedro.

– Parcelas catastrais nº 9001, 494 e 500, do polígono 104, do concello de Trasmiras.

– Parcela catastral nº 658, do polígono 105, do concello de Trasmiras.

Consideracións legais e técnicas:

Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de montes veciñais en man común de acordo coa proposta do Servizo de Montes de data 14 de setembro de 2018, acordou por unanimidade o día 13 de marzo de 2019:

Aprobar a proposta de revisión do esbozo do monte veciñal en man común Comunal de Escornabois, no concello de Trasmiras.

Ourense, 6 de xuño de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense