Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 27 de xuño de 2019 Páx. 30528

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as e a resolución provisional da primeira fase do concurso de traslados para a cobertura de postos de traballo de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria, convocado mediante a Resolución do 25 de setembro de 2018.

Mediante a Resolución desta dirección xeral, do 25 de setembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 193, do 9 de outubro), convocouse concurso de traslados para a cobertura de postos de traballo de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria.

Mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2019 (Diario Oficial de Galicia núm. 33, do 15 de febreiro) publicouse a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as no dito proceso.

De conformidade co previsto na base décima da Resolución de convocatoria do proceso, do 25 de setembro de 2018 (Diario Oficial de Galicia núm. 193, do 9 de outubro), logo de finalizada a análise das reclamacións presentadas contra a lista provisional de admitidos/excluídos e finalizada a baremación dos méritos alegados e acreditados polos/as concursantes, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as no concurso de traslados para a cobertura de postos de traballo de persoal sanitario funcionario incluído baixo o ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, pertencentes á escala de saúde pública e administración sanitaria, convocado mediante a Resolución do 25 de setembro de 2018.

Segundo. Declarar resolto provisionalmente a primeira fase do dito concurso, coa publicación das puntuacións e dos destinos provisionalmente asignados.

As listas coa relación definitiva de admitidos/as e excluídos/as, así como as puntuacións provisionais e os destinos provisionais, se é o caso, asignados están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Terceiro. Contra as listas definitivas de admitidos/as e excluídos/as, as persoas interesadas poderán interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Potestativamente, e con carácter previo, poderán interpor recurso de reposición, ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao desta publicación.

Cuarto. De conformidade coa base décima da Resolución do 25 de setembro de 2018, os/as concursantes admitidos/as disporán dun prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para formularen reclamación contra os resultados da baremación e adxudicación provisionais.

Tales reclamacións deberán dirixirse á Dirección Xeral de Recursos Humanos e poderán presentarse no Rexistro Xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos dispoñibles do artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Entenderanse rexeitadas ou admitidas na resolución definitiva que aprobará a autoridade convocante e que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos