Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Luns, 24 de xuño de 2019 Páx. 29994

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2019, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se somete a información pública a solicitude de licenza para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica do Concello de Muíños (Ourense).

O Concello de Muíños (Ourense) presentou o 8 de xuño de 2018 unha solicitude de licenza para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica.

A Secretaría de Estado para o Avance Dixital resolveu con data do 26 de abril de 2019 acordar a reserva provisional de frecuencia a favor deste municipio, unha vez que se indicou a súa viabilidade técnica e se cumpriron os requisitos exixidos no artigo 4.b) e c) do Real decreto 1273/1992, do 23 de outubro, polo que se regula o outorgamento de concesións e a asignación de frecuencias para a explotación do servizo público de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia polas corporacións locais.

Segundo o artigo 26 do Decreto 102/2012, do 29 de marzo, que desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, previamente ao outorgamento da licenza para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais, é necesario avaliar se o novo servizo se axusta á misión de servizo público e se altera a competencia no mercado audiovisual, co obxecto de que o resto dos prestadores do servizo de comunicación audiovisual radiofónica, do mesmo ámbito de cobertura, formulen as alegacións que consideren convenientes. Daquela

RESOLVO:

Someter ao trámite de información pública por un período de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a solicitude do Concello de Muíños (Ourense) dunha licenza para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica coas seguintes características.

Municipio:

Muíños

FMHz (frecuencia de emisión en megahertz):

107.2

Lonxitude:

007W5818

Latitude:

41N5726

Cota (en metros, do centro emisor):

619

HEFX (altura efectiva máxima da antena en metros):

148

PRAH (potencia radiada aparente máxima da compoñente horizontal, en quilowatts):

0,025

PRAV (potencia radiada aparente máxima da compoñente vertical, en quilowatts):

0,025

P (polarización da emisión):

mixta

D (característica de la radiación):

non directiva

Os prestadores do servizo de comunicación audiovisual do mesmo ámbito de cobertura que se consideren afectados poderán presentar as súas alegacións a esta secretaría xeral a través do Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, no prazo de 20 días hábiles. Así mesmo e durante o mencionado prazo, tamén se poderá examinar a citada solicitude.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019

Mar Sánchez Sierra
Secretaria xeral de Medios