Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 19 de xuño de 2019 Páx. 29296

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se convoca un programa extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais.

A Constitución española establece no artigo 130.1 a necesidade de atender á modernización e desenvolvemento dos sectores económicos, particularmente, entre outros, a artesanía, co fin de equiparar a vida de todos os españois.

A nosa comunidade autónoma asumiu competencias exclusivas en materia de artesanía no artigo 27.17 do Estatuto de autonomía de Galicia. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle corresponde o exercicio, entre outras, de competencias en materia de artesanía, establecendo, así mesmo, que corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de artesanía.

Pola súa banda, a Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder de xeito eficaz ás exixentes demandas do mercado actual.

Tendo en conta o potencial da artesanía para xerar autoemprego como un dos mellores viveiros empresariais de novos creadores, procede impulsar desde a Administración autonómica accións e incentivos que permitan asegurar o remuda xeracional mediante a promoción e a estruturación da formación, propiciando as vocacións persoais e a divulgación das técnicas artesanais e contribuíndo a novas formas de cooperación. É preciso seguir traballando na mellora do grao de profesionalidade e competitividade do sector, non só desde o punto de vista da rendibilidade da actividade senón tamén para garantir a pervivencia dos oficios.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, regula o procedemento de obtención da carta de artesán como instrumento xurídico de recoñecemento da súa condición, creada pola Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 12.3, para obter a carta de artesán, débese presentar unha certificación de ter superados cursos en centros de ensino cunha duración mínima de 500 horas, ter traballado nun obradoiro artesán cunha asistencia mínima de 500 horas ou exercer unha actividade artesá.

Deste xeito, o labor da Administración autonómica non só se circunscribe á elaboración dun documento administrativo senón que a concesión da carta de artesán se converte nun procedemento de recoñecemento de oficios para todos os efectos, poñendo en valor un sector cunha importancia social, cultural e económica incuestionable.

Así, co obxectivo de incentivar e facilitar o acceso ao exercicio dun oficio artesán a Dirección Xeral de Comercio e Consumo pon en marcha no ano 2019 un programa extraordinario para o recoñecemento de oficios artesáns, mediante o outorgamento da carta de artesán ás persoas que veñan exercendo unha actividade artesanal e que ou ben non teñen unha formación artesá ou ben non tiñan traballado nun obradoiro artesán, superior ás 500 horas de formación ou de presenza respectivamente. Neste caso, a persoa interesada precisa dalgunha entidade que lle certifique a veracidade desa actividade.

Para iso a Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dun convenio coa Asociación Galega de Artesáns articulou o mecanismo formal para proceder á certificación dos méritos alegados daquelas persoas interesadas en obter a carta de artesán que non poidan acreditar de ningún outro xeito os requisitos do artigo 12 do decreto.

De acordo co que precede e no exercicio das competencias que en materia de artesanía ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar o programa extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais no ano 2019 de acordo coas seguintes bases:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar un programa extraordinario de recoñecemento de actividades artesanais para que aquelas persoas que, realizando unha actividade artesanal das comprendidas na sección de actividades artesanais do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, non posúan unha titulación adecuada nin experiencia profesional, poidan obter a carta de artesán que acredite esta condición.

Segundo. Requisitos dos beneficiarios

Poderán obter a carta de artesán as persoas que reúnan as condicións previstas no artigo 12.3 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, que exerzan unha actividade artesanal que supoña a creación, produción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular, así como a prestación de servizos, sempre que estas se presten ou obteñan mediante procesos nos que a intervención persoal constitúe un factor predominante e o produto final sexa de factura individualizada e distinta da propiamente industrial, tal e como se establece no artigo 2, punto 1º, da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

Terceiro. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentadas ao abeiro do programa extraordinario de recoñecemento de actividades artesanais poderán presentarase desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2019.

A solicitude presentarase ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo segundo modelo normalizado no anexo I do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, o cal se atopa dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento IN201A).

Cuarto. Documentación

De conformidade co establecido no artigo 13 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, xunto á solicitude deberá achegar:

a) Fotocopia do DNI ou NIF.

b) Memoria das actividades profesionais realizadas.

Unha vez recibida a documentación anterior, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo tramitará a solicitude, instando de oficio o informe acreditativo á Asociación Galega de Artesáns.

Quinto. Documentación acreditativa dos méritos alegados

Para os efectos de obter a documentación acreditativa requirida na letra c) do artigo 13, a Asociación Galega de Artesáns realizará as comprobacións necesarias dos méritos alegados e expedirá o correspondente documento no marco do convenio subscrito coa Consellería de Economía, Emprego e Industria con data 2 de abril de 2019.

A Asociación Galega de Artesáns deberá expedir o correspondente documento acreditativo no prazo dun mes dende a súa petición pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Sexta. Expedición da carta de artesán

Completada a solicitude e á vista da certificación emitida pola Asociación Galega de Artesáns e a proposta da Comisión Galega de Artesanía, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo expedirá, se é o caso, a carta de artesán.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio e Consumo