Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 19 de xuño de 2019 Páx. 29435

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2019, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 7 de marzo de 2019 adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda, o acordo polo que se autorizou a modificación dos estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

Unha vez rematada a tramitación que establece a lexislación mercantil, en cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución, dos estatutos modificados da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2019

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

ANEXO

Estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo

TÍTULO I

Denominación, natureza xurídica, obxecto, duración e domicilio

Artigo 1. Denominación e natureza xurídica

1. Baixo a denominación de «Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo» constitúese unha sociedade mercantil pública autonómica de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública, que se rexerá polo disposto nestes estatutos e, no non previsto neles, polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo; pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo resto de disposicións que lle sexan de aplicación.

2. A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo ten a consideración de medio propio personificado da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico.

3. O réxime xurídico e administrativo aplicable ás encargas que se lle poidan conferir á empresa pública na condición de medio propio personificado é o previsto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

4. Pola súa condición de medio propio personificado, a empresa pública non pode participar en licitacións públicas convocadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo de que, cando non concorra ningún licitador, poida encargárselle a execución da prestación obxecto daquelas.

Artigo 2. Obxecto social

1. Constitúe o obxecto da sociedade a realización de actividades dirixidas á xestión dos servizos comúns da rede pública de albergues e do resto do seu patrimonio social, as relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, así como a planificación, programación, proposta e, se é o caso, execución das actuacións para a promoción e a organización dos actos que se desenvolvan con motivo dos anos santos xacobeos, así como apoiar os distintos departamentos, entidades e comisións da Xunta de Galicia para o desenvolvemento das súas funcións neste ámbito (CNAE: 8411-Actividades xerais da Administración pública).

2. En concreto, constitúe o obxecto da sociedade a realización das seguintes actividades:

a) A xestión dos ingresos e gastos derivados do funcionamento da rede pública de albergues e do resto de edificios da entidade.

b) A contratación, seguimento e xestión dos servizos de mantemento, seguranza, limpeza, atención así como todos aqueles que sexan necesarios para o correcto funcionamento da rede pública de albergues e do resto do patrimonio da entidade.

c) As relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago e entidades de promoción da cultura xacobea, así como as propostas de actuacións no ámbito da promoción, mantemento e conservación do Camiño de Santiago.

d) A planificación, programación, proposta, e, se é o caso, execución de actuacións para a promoción e organización dos actos que se desenvolvan con motivo dos anos santos xacobeos.

e) O asesoramento aos distintos departamentos, entidades e comisións da Xunta de Galicia para o desenvolvemento das actuacións que leven a cabo con motivo dos anos santos xacobeos.

Artigo 3. Duración e data de comezo das operacións

A sociedade comezará as súas actividades o día do outorgamento da escritura de constitución e terá duración ilimitada.

Artigo 4. Domicilio social

1. O domicilio social fíxase na estrada Santiago-Noia, km 3 (A Barcia) en Santiago de Compostela.

2. Correspóndenlle ao Consello de Administración as competencias para acordar o traslado do domicilio dentro do territorio nacional, así como para a creación, supresión ou traslado de sucursais, axencias ou delegacións, tanto no territorio nacional como no estranxeiro.

TÍTULO II

Capital social e accións

Artigo 5. Capital social

O capital social fíxase na cantidade de 601.012,00 euros, dividido en 100 accións nominativas de 6.010,12 euros cada unha delas, numeradas do un ao cen, ambos inclusive, totalmente subscritas e desembolsadas.

Artigo 6. Accións

1. As accións estarán representadas por títulos que poderán ser unitarios ou múltiples.

2. O título de cada acción conterá necesariamente as mencións sinaladas como mínimas na lei.

Artigo 7. Dereitos que confiren as accións

1. Cada acción confírelle ao seu titular a condición de socio/a con todos os dereitos inherentes a ela.

2. En caso de copropiedade, usufruto ou peñor de accións, aplicarase o que sobre estes puntos dispón a Lei de sociedades de capital.

Artigo 8. Transmisión das accións

1. As accións son indivisibles.

2. O alleamento de títulos representativos de capital propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá acordo do Consello da Xunta, por iniciativa da consellería ou entidade de adscrición, e por proposta da consellería con competencias en materia de facenda, de conformidade, en todo caso, coa Lei de patrimonio e o seu regulamento.

Artigo 9. Libro de rexistro

As accións figurarán nun libro de rexistro que levará a sociedade debidamente legalizado polo Rexistro Mercantil, en que se inscribirán as sucesivas transferencias ou constitucións de dereitos reais ou gravames sobre elas.

Artigo 10. Exercicio de dereitos

O exercicio dos dereitos que lle correspondan á Comunidade Autónoma, como titular de accións da sociedade, será competencia en todo caso da consellería con competencias en materia de facenda, conforme o disposto no artigo 106 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Ampliación ou diminución do capital social

1. O capital social poderá ser ampliado ou diminuído con suxeición ás normas legais aplicables.

2. En todo aumento de capital, os accionistas poderán exercer dentro do prazo que para ese efecto sinale o Consello de Administración, e que non será inferior a un mes, o dereito de subscribir na nova emisión un número de accións proporcional ao das que posúa.

3. A Xunta Xeral que decida a ampliación poderá acordar en beneficio da sociedade a supresión total ou parcial do dereito de subscrición preferente, na forma determinada pola lei.

TÍTULO III

Réxime de administración da sociedade

Artigo 12. Órganos da sociedade

O goberno e administración da sociedade están encomendados aos seguintes órganos, coas facultades que a uns e outros lles atribúen estes estatutos e, no non previsto por eles, a normativa reitora da materia:

1. A Xunta Xeral de Accionistas.

2. O Consello de Administración.

Sección 1ª. Xunta Xeral

Artigo 13. Xunta Xeral de Accionistas

1. A vontade dos socios, expresada por maioría na Xunta Xeral, rexerá a vida da sociedade de acordo coa lei; e os seus acordos, adoptados de conformidade coa lei e cos estatutos, serán obrigatorios para todos os/as accionistas, mesmo os ausentes, disidentes ou que se abstivesen de votar, deixando a salvo os dereitos de impugnación e separación, de ser o caso.

2. Cada acción dará dereito a un voto.

Artigo 14. Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria

As xuntas poden ser ordinarias ou extraordinarias, e convocaranse e terán a competencia prevista nestes estatutos e na lei.

Artigo 15. Convocatoria

1. O Consello de Administración convocará necesariamente a Xunta Xeral cando o solicite un número de socios/as que represente, polo menos, o cinco por cento do capital social, e esta deberase celebrar nun prazo máximo de trinta días.

2. En todo caso, a Xunta Xeral quedará validamente constituída para tratar calquera asunto sen necesidade de convocatoria previa se, atopándose presente ou representado todo o capital social, todos os/as asistentes aceptan por unanimidade celebrala.

Artigo 16. Presidente/a e secretario/a da Xunta Xeral

Actuarán como presidente/a e secretario/a da Xunta Xeral os/as que o sexan do Consello de Administración.

Sección 2ª. Consello de Administración

Artigo 17. Consello de Administración

1. O Consello de Administración estará integrado por un mínimo de cinco e un máximo de dez conselleiros/as, que serán nomeados pola Xunta Xeral.

2. Será presidente ou presidenta do Consello de Administración da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo a persoa titular do departamento competente en materia de turismo e vicepresidente ou vicepresidenta a persoa titular da dirección da Axencia Turismo de Galicia.

En caso de ausencia ou enfermidade do presidente ou presidenta ou de vacante no dito cargo, substituirao ou fará as súas veces o vicepresidente ou vicepresidenta, e na súa ausencia o/a conselleiro/a de maior idade.

3. O/a secretario/a do Consello de Administración será elixido polo Consello de Administración de entre os seus membros, por proposta do seu presidente/a e, en defecto da súa asistencia, asumirá as súas funcións o/a conselleiro/a de menor idade.

Artigo 18. Duración do cargo de conselleiro/a

1. Os/as conselleiros/as desempeñarán o seu cargo mentres desempeñen o que motivou o seu nomeamento, ata un máximo de cinco anos, e sen prexuízo da súa posible reelección.

2. Os/as conselleiros/as percibirán axudas de custo pola súa asistencia ás reunións do Consello de Administración. A súa contía será fixada pola Xunta Xeral, logo de autorización do Consello da Xunta e tras o informe da consellería con competencias en materia de facenda.

Artigo 19. Convocatoria do Consello de Administración

1. O Consello, salvo acordo especial, reunirase no domicilio social, sempre que o convoque o presidente ou presidenta, cando o solicite unha terceira parte como mínimo dos/as conselleiros/as e, preceptivamente, unha vez ao semestre.

2. A convocatoria, salvo casos de urxencia apreciada polo presidente ou presidenta, cursarase polo menos con corenta e oito horas de antelación, fixando simultaneamente a orde do día dos asuntos que se pretendan tratar.

3. Das sesións levantarase acta, que asinará o/a presidente/a e o/a secretario/a.

Artigo 20. Quórum das reunións e adopción de acordos

1. Para que o Consello poida deliberar e adoptar acordos necesitarase que concorra á reunión a metade máis un dos conselleiros/as que o compoñan. O que non asista á reunión poderá conferirlle a súa representación ao presidente/a ou a outro conselleiro.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos presentes e representados e a Presidencia decidirá os posibles empates.

Artigo 21. Facultades do Consello de Administración

Son facultades do Consello de Administración:

a) Representar a sociedade en xuízo e fóra del.

b) Aprobar os regulamentos de réxime interior, así como os de organización interna, estrutural e funcional.

c) Proporlle á Xunta Xeral Extraordinaria o aumento ou a diminución do capital, con cumprimento previo dos requisitos legalmente necesarios.

d) Convocar as xuntas xerais de accionistas, xa sexan ordinarias ou extraordinarias, e executar os seus acordos.

e) Recibir información sobre a marcha da sociedade, coa amplitude que o propio Consello xulgue necesario.

f) Formular as contas anuais, o informe de xestión, que incluirá, cando proceda, o estado de información non financeira, e a proposta de aplicación do resultado no prazo máximo de tres meses a partir do peche do exercicio social.

g) Dirixir o persoal e fixar a súa retribución.

h) Aprobar un cadro de persoal, que incluirá os postos de persoal directivo, e os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición de convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal. Todo o anterior requirirá necesariamente informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

i) As consignadas dunha maneira especial en artigos determinados nestes estatutos.

Artigo 22. Conselleiros/as delegados/as e creación de comisión

1. Por proposta da Presidencia, o Consello de Administración poderá nomear un ou varios conselleiros/as delegados/as coas facultades que se determinen no correspondente acordo.

Cando un membro do Consello de Administración sexa nomeado conselleiro/a delegado/a ou se Ile atribúan funcións executivas en virtude doutro título, será necesario que se celebre un contrato entre este e a sociedade que deberá ser aprobado previamente polo Consello de Administración co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros. O/a conselleiro/a afectado deberá absterse de asistir á deliberación e de participar na votación. En todo caso, a remuneración axustarase ao previsto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

2. O/a conselleiro/a delegado/a dirixirá a organización da sociedade e os seus negocios sociais, segundo o réxime de atribucións, dereitos, deberes, incompatibilidades, remuneracións e competencias que para o efecto estableza o Consello de Administración.

3. O Consello de Administración poderá constituír comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveña á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais.

Os comités e as comisións serán presididas polo/a presidente/a e, no seu defecto, polo/a conselleiro/a de maior idade.

4. As actas que, de ser o caso, se redacten serán autorizadas polo/a secretario/a do Consello.

Sección 3ª. O/a presidente/a

Artigo 23. O/a presidente/a

Corresponderanlle ao/á presidente/a do Consello de Administración as seguintes atribucións:

a) Exercer a representación institucional da sociedade.

b) Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións, arbitrar as deliberacións do Consello e desfacer os empates co seu voto de calidade.

c) Presentarlle ao Consello os informes que considere oportunos.

d) Calquera outra función expresamente encomendada ou que lle sexa delegada polo Consello de Administración de entre as de natureza delegable.

Sección 4ª. A Dirección de Administración e de Relacións coas Asociacións
de Amigos do Camiño de Santiago

Artigo 24. O/a director/a de Administración e de Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago

1. O/a director/a de Administración e de Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago será nomeado/a e separado/a libremente entre persoas que acrediten formación e/ ou experiencia tanto en administración e xestión pública como no ámbito cultural.

O seu nomeamento correspóndelle ao Consello de Administración por proposta da Presidencia, e será necesario que se celebre un contrato entre este e a sociedade que deberá ser aprobado previamente polo Consello de Administración co voto favorable das dúas terceiras partes dos seus membros. En todo caso, a remuneración axustarase ao previsto no Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

2. O/a director/a de Administración e de Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, como titular deste órgano executivo, dirixirá a xestión ordinaria da sociedade, segundo o réxime de atribucións, dereitos, deberes, incompatibilidades, remuneracións e competencias que para o efecto estableza o Consello de Administración.

3. O/a director/a de Administración e de Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións das xuntas e consellos, cando así se lle requira ou convoque.

Sección 5ª. Comisión de auditoría e control

Artigo 25. Comisión de auditoría e control

1. A comisión de auditoría e control estará integrada por tres persoas que serán designadas polo Consello de Administración, de entre os seus membros, por maioría simple, da seguinte forma, unha en representación do centro directivo con competencias en materia de turismo, outra en representación da consellería con competencias en materia de facenda e unha terceira elixida de entre os/as restantes conselleiros/as.

2. Entre as súas competencias estarán, como mínimo, as seguintes:

a) Coñecer os procesos de información financeira e os sistemas de control interno da sociedade.

b) Revisar as contas anuais da sociedade, vixiar o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.

c) Propoñerlle ao Consello de Administración para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas o nomeamento dos auditores de contas, mediante os procedementos de adxudicación previstos na normativa de contratación pública.

d) Servir de canle de comunicación entre o Consello de Administración e os/as auditores/as de contas e valorar os resultados de cada auditoría. Así mesmo, recibir información sobre todas as cuestións relacionadas co proceso de desenvolvemento da auditoría de contas, así como manter as comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e demais normas técnicas de auditoría.

e) Elaborar un informe anual sobre as súas actividades.

TÍTULO IV

Exercicio económico e aplicación do resultado

Artigo 26. Exercicio económico

Os exercicios sociais coincidirán cos anos naturais, excepto o primeiro exercicio, que comezará o día en que se asine a escritura de constitución, e concluirá o trinta e un de decembro do mesmo ano.

Artigo 27. Aplicación do resultado

1. A Administración da sociedade está obrigada a formular, no prazo máximo de tres meses contados a partir do peche do exercicio social, as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación de resultados.

2. As contas anuais serán aprobadas pola Xunta Xeral de Accionistas que, pola súa vez, resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio, de acordo co balance aprobado.

3. Dentro do mes seguinte á aprobación das contas anuais, presentaranse, xunto coa oportuna certificación da devandita aprobación e aplicación do resultado, para depositalas no Rexistro Mercantil.

TÍTULO V

Transformación, fusión, escisión e disolución

Artigo 28. Transformación, fusión, escisión e disolución

1. A transformación, fusión ou escisión da sociedade producirase na forma que establece a Lei 3/2009, do 3 de abril, de modificacións estruturais das sociedades mercantís, para o que se requirirá autorización previa do Consello da Xunta.

2. A sociedade disolverase polas causas e na forma que establece o vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital.

O acordo de disolución deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería con competencias en materia de facenda. No acordo de autorización previa determinarase, de ser o caso, o destino do haber social. A condición de liquidador corresponderalles ás persoas designadas pola Xunta Xeral da sociedade ou, no seu defecto, aos compoñentes do Consello de Administración, con exclusión por sorteo dun deles, se o número de compoñentes do Consello fose par no momento de acordarse a disolución.

TÍTULO VI

Outras disposicións

Artigo 29. Tutela funcional

1. Corresponde á Axencia Turismo de Galicia, a tutela funcional da sociedade, conforme o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

2. A Axencia Turismo de Galicia levará a cabo o control de eficacia da sociedade, sen prexuízo das atribucións que corresponden á consellería competente en materia de facenda.

Artigo 30. Incompatibilidades

Non poderán ocupar nin exercer cargos nesta sociedade as persoas incluídas nalgunha das prohibicións, incapacidades ou incompatibilidades establecidas pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, ou por outras disposicións legais vixentes, na medida e nas condicións fixadas nelas.

Artigo 31. Resolución de conflitos e xurisdición competente

1. Os socios, para as cuestións que teñan coa sociedade ou cos seus órganos, quedan sometidos á xurisdición dos xulgados ou tribunais do domicilio social, entendendo que polo mero feito de seren accionistas renuncian á propia xurisdición se for distinta.

2. As cuestións que poidan ser resoltas por arbitraxe de equidade, regulada pola Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe, coas modificacións operadas pola Lei 11/2011, do 20 de maio, serán sometidas a tal arbitraxe, salvo nos casos en que a lei estableza procedementos especiais con carácter imperativo, e os/as socios/as interesados/as nas devanditas cuestións quedarán obrigados a realizar os actos precisos para formalizar o compromiso.