BDNS (Identif.): 460519.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono concilia as familias residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontren nos supostos seguintes:
a) Ter un fillo ou filla nacido ou nacida con posterioridade ao 31 de decembro de 2016.
b) Estar en calquera das circunstancias seguintes:
1º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2019/20 e non obtela, sempre que se exercese a opción do programa Bono concilia.
2º. Ter solicitado praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2019/20 exercendo a opción do programa Bono concilia e que, tendo dereito por puntuación a unha praza, o horario demandado non coincida co de apertura da escola infantil, porque ambos/as os/as proxenitores/as traballan en quenda de tarde ou en quendas rotativas, circunstancia que se acreditará documentalmente.
3º. Obter praza en escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos para o curso 2019/20 e que se modifiquen considerablemente as condicións en que esta foi concedida.
4º. Ter obtido axuda deste programa no curso 2018/19 e solicitala para a mesma nena ou neno.
5º. Ter un fillo ou filla que renove a axuda deste programa para o curso 2019/20 e solicitala para un irmán ou irmá.
6º. Residir en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas cales se rexerá a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia competitiva, para a atención educativa de nenas e nenos de 0 a 3 anos, nas modalidades establecidas no artigo 4.2, en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia (procedemento BS403A), e proceder á súa convocatoria para o curso 2019/20.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 29 de maio de 2019 pola que se regulan as axudas económicas para a atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos a través do programa Bono concilia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2019/20.
Cuarto. Importe
A axuda consistirá nunha cantidade mensual para contribuír ao pagamento do importe da praza nunha escola infantil 0-3 non sostida con fondos públicos por un período máximo de 11 meses, e estará en función da renda per cápita da unidade familiar.
Ás axudas obxecto desta convocatoria destínase un orzamento total de tres millóns catrocentos oitenta e nove mil douscentos euros (3.489.200 €), que se imputará á aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.1, distribuído en dúas anualidades, dos cales 1.268.800 euros corresponden á parte do curso 2019/20 que se desenvolve en 2019 e 2.220.400 euros á que se desenvolve en 2020.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo para a presentación de solicitudes de axuda será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao seguinte día hábil e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. Con carácter excepcional, poderanse presentar solicitudes fóra do prazo ordinario establecido no número 2 e con data límite do 31 de outubro de 2019, nos seguintes supostos:
a) As familias que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou do neno con posterioridade á finalización do dito prazo.
b) As familias en que se producise un nacemento, acollemento ou adopción da nena ou neno con posterioridade á finalización do prazo ordinario e que tivesen unha irmá ou un irmán beneficiarios do Bono concilia.
c) As mulleres vítimas de violencia de xénero que residan en concellos onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos ás cales se lles expedise a documentación acreditativa desta condición con posterioridade á finalización do dito prazo.
d) As galegas e os galegos que retornen a Galicia durante o ano 2019, que residisen fóra de España, sempre que o dito retorno se producise con posterioridade ao prazo de presentación de solicitudes e para un concello onde non existan escolas infantís 0-3 sostidas con fondos públicos.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2019
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social