Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 11 de xuño de 2019 Páx. 27929

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 61/2019, do 23 de maio, polo que se regulan a composición e as funcións da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde.

A Lei 1/2018, do 2 de abril, pola que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, engade un novo título XI a esta para crear a Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde.

A lei establece en tres artigos a regulación básica relativa á finalidade, á composición e ás funcións dese órgano, que ten como obxectivo a coordinación da actuación entre as consellerías competentes en materia de sanidade e educación no desenvolvemento de iniciativas de promoción, protección e educación para a saúde.

Principalmente, este órgano estudará os problemas de saúde relevantes e a súa incidencia no ámbito educativo, e realizará as propostas de actuación que considere necesarias para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo. O funcionamento desta comisión responderá aos principios de eficacia, eficiencia e participación.

O artigo 139 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, establece que a composición desta Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde se regulará mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia e nela procurarase unha presenza paritaria de mulleres e homes. Así mesmo, o mesmo artigo indica que formarán parte dela as persoas titulares das consellerías con competencia en materia educativa e sanitaria.

As funcións desta comisión son as recollidas no artigo 140 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, e para levalas a cabo estableceranse, a través dunha orde conxunta das consellerías competentes en materia educativa e sanitaria, as normas xerais de organización e funcionamento.

Na súa virtude, por proposta conxunta da conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional e do conselleiro de Sanidade, co referendo do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto do presente decreto é establecer a composición e as funcións da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde.

Artigo 2. Adscrición

A Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde estará adscrita ao centro directivo con competencias en materia de saúde pública.

Artigo 3. Finalidade

A finalidade da comisión é establecer de forma permanente a coordinación e o impulso necesarios para o desenvolvemento de iniciativas de promoción, protección e educación para a saúde. Na súa actuación a comisión atenderá aos principios de eficacia, eficiencia e participación.

Artigo 4. Composición

1. A Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde estará composta polas seguintes persoas:

a) A persoa titular da consellería competente en materia de educación.

b) A persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

c) A persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de educación.

d) A persoa titular do centro directivo da consellería competente en materia de educación que teña atribucións en educación, formación profesional e innovación educativa.

e) A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de recursos educativos complementarios.

f) A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de centros educativos.

g) A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de ordenación, innovación educativa e formación do profesorado.

h) A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de inspección, avaliación e calidade do sistema educativo.

i) A persoa titular do centro directivo da consellería competente en materia de sanidade que teña atribucións en saúde pública.

j) A persoa titular do centro directivo do Servizo Galego de Saúde competente en materia de asistencia sanitaria.

k) A persoa titular da subdirección xeral competente en materia de programas de control de riscos ambientais para a saúde.

l) A persoa titular da subdirección xeral de programas de fomento de estilos de vida saudables.

m) A persoa titular da subdirección xeral de información sobre saúde e epidemioloxía.

n) A persoa titular da subdirección xeral do Servizo Galego de Saúde competente en materia de planificación e programación asistencial.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causal legal, a persoa a quen lle corresponda a presidencia será substituída polo membro da comisión de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre as persoas compoñentes.

Así mesmo, en caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os demais membros titulares da comisión poderán ser substituídos por outros membros da Administración educativa ou sanitaria con suficiente capacidade de decisión nos temas que se traten na comisión, logo de comunicación á secretaría da comisión.

3. Exercerán de forma rotatoria as funcións da presidencia da comisión as persoas titulares da consellería competente en materia de sanidade e da consellería competente en materia de educación. A rotación da presidencia producirase anualmente, correspondendo o primeiro ano á persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

4. A persoa a quen lle corresponda a presidencia exercerá as funcións inherentes ao seu cargo de acordo coa normativa que regula os órganos colexiados da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Exercerá as funcións da secretaría da comisión, con voz e sen voto, unha persoa funcionaria dunha das dúas consellerías. Será nomeada mediante resolución das persoas titulares de ambas as dúas consellerías.

Artigo 5. Funcións

De acordo co artigo 140 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, son funcións da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde as seguintes:

a) A análise dos estudos dos problemas de saúde relevantes e a súa incidencia no ámbito educativo.

b) A aprobación ou proposta, de ser o caso, de liñas de actuación preferentes.

c) A coordinación dos diferentes recursos existentes para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo.

d) A coordinación das intervencións relacionadas coa protección da saúde; en particular, aquelas orientadas á seguridade alimentaria e á protección fronte a riscos ambientais.

e) A coordinación dos programas desenvolvidos para a atención aos escolares e ás escolares con necesidades especiais de saúde.

f) Aquelas outras que veñan establecidas por disposicións normativas de carácter xeral.

Artigo 6. Liñas de actuación

Serán liñas de actuación da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde as seguintes:

a) A coordinación dos diferentes recursos existentes para acadar unha maior eficiencia na promoción da saúde no ámbito educativo mediante o traballo conxunto nas intervencións relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva, saúde mental, hábitos de vida saudables, prevención da ludopatía, do alcoholismo, das adiccións relacionadas coas TICs e outras adiccións ou problemas de saúde que aprobe a comisión.

b) A coordinación e o traballo conxunto no ámbito escolar e sanitario dos programas desenvolvidos para a atención ao alumnado con necesidades especiais de saúde, cunha consideración especial cara ás enfermidades crónicas, á saúde mental, trastornos da conduta alimentaria, trastorno do espectro autista, outras enfermidades que impliquen dificultades na aprendizaxe e aqueloutras que se consideren en cada momento.

c) Todas aquelas que permitan levar a cabo as funcións do artigo 5 de conformidade cos principios de eficacia, eficiencia e participación.

Artigo 7. Comités específicos

1. A comisión poderá crear comités específicos para:

a) A coordinación e o control da execución das liñas de actuación propostas pola comisión, informar a comisión do estado de desenvolvemento das actuacións previstas e aqueloutras que lle sexan asignadas pola comisión.

b) A realización de traballos conxuntos e coordinados entre as persoas representantes de sanidade e educación que a comisión acordase previamente.

c) A realización de estudos ou informes que, mediante acordo da comisión, se consideren oportunos e necesarios para a súa toma de decisións.

2. A creación dos comités poderá ter lugar por un tempo determinado, extinguíndose no momento da presentación do estudo ou informe ou da finalización do traballo conxunto, ou poderá ter lugar con carácter permanente, ben que suxeita a unha revisión anual sobre a súa composición e funcionamento.

3. A composición destes comités será aprobada pola persoa a quen lle corresponda a presidencia da comisión e as súas persoas titulares poderán ser propostas por calquera persoa membro daquela.

Artigo 8. Presenza equilibrada de mulleres e homes

Na composición da comisión e dos comités atenderase ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes na medida do posible.

Disposición adicional primeira. Constitución da comisión

1. A sesión constitutiva da Comisión Interdepartamental en Materia de Educación e Saúde terá lugar no prazo máximo de tres meses a partir da entrada en vigor deste decreto.

2. Na primeira sesión da comisión figurarán entre os puntos da orde do día o acordo de constitución e a aprobación da proposta das normas xerais de organización e funcionamento, que serán aprobadas por orde conxunta de ambas as dúas consellerías.

Disposición adicional segunda. Impacto orzamentario

1. A constitución e posta en funcionamento da comisión e dos comités específicos a que se refire o artigo 7 non xerarán un incremento das consignacións orzamentarias das consellerías competentes en materia de sanidade e educación.

2. As persoas que pasen a formar parte dos devanditos órganos non percibirán ningunha retribución pola súa pertenza a estes.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízanse as consellerías competentes en materia de educación e sanidade para que de forma conxunta diten, no ámbito das súas competencias, cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza