Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 7 de xuño de 2019 Páx. 27595

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, pola que se declara de interese galego a Fundación Tutelar Chamorro e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Tutelar Chamorro, unha vez vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 13 de novembro de 2018, José Luis Oñate Barjau, presidente do padroado da Fundación Tutelar Chamorro, formulou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Tutelar Chamorro foi constituída en escritura pública outorgada en Ferrol o 31 de outubro de 2018, ante o notario Pedro Luis García de los Huertos Vidal, co número 1.795 do seu protocolo, pola Asociación Nuestra Señora de Chamorro.

Esta escritura pública emendouse por outra outorgada o 1 de marzo de 2019 na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 471 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto proporcionar protección e garantía efectiva dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento (PDID) con capacidade modificada, velando pola súa persoa e intereses, acompañándoa na súa vida tendo en conta os seus desexos, ilusións e aspiracións, desde o compromiso ético, para conseguir plena inclusión e unha óptima calidade de vida, favorecendo a pluralidade e o respecto pola diferenza.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (DOG núm. 242, do 19 de decembro).

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, obxecto e actividades, o domicilio e ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luis Oñate Barjau como presidente, Abilio Villena Pérez como vicepresidente, Begoña Echevarría Sanchón como secretaria, María Concepción Lage Menéndez como tesoureira e José Manuel Rilo González Valles, en representación de Rilo Gestión, S.L., como vogal.

Sétimo. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 8 de abril de 2019, elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Tutelar Chamorro consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 47 da antedita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 12 de abril de 2019, clasificouse como de interese asistencial a Fundación Tutelar Chamorro e adscribiuse á Consellería de Política Social para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito da fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Tutelar Chamorro, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social, da Fundación Tutelar Chamorro, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Tutelar Chamorro.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Tutelar Chamorro no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada, ante a conselleira de Política Social, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social