Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Martes, 4 de xuño de 2019 Páx. 27095

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se aproba a desafectación dun ben comunal do Concello de Castro de Rei, para a súa cualificación como ben patrimonial.

O Concello de Castro de Rei acordou iniciar un expediente de desafectación do ben comunal denominado predio número 923 no sitio de Vedro Cerrado, cunha superficie total dunha hectárea, setenta e seis áreas e noventa centiáreas (17.690 m2), con referencia catastral 27010E005009230000FA, para dedicalos á súa cualificación como ben patrimonial. O inmoble atópase incluído no libro de inventario de bens municipais coa natureza de dominio público comunal.

Segundo consta no expediente, os terreos sobre os que trata este expediente non foron obxecto de aproveitamento comunal durante máis de dez anos.

O procedemento, no cal se acredita a súa oportunidade e legalidade, deu cumprimento aos requisitos exixidos na lexislación vixente, concretamente nos artigos 81.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, 78.1 do Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, 269 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e 8 e 100 do Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais, e seguiu os trámites que a seguir se indican:

Primeiro. A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Ordenación Forestal, con data do 4 de outubro de 2018, emitiu informe favorable á citada desafectación.

Segundo. O Pleno do Concello de Castro de Rei, en sesión do 9 de novembro de 2018, acordou, por maioría absoluta do seu número legal de membros, a desafectación do ben comunal: predio número 923 no sitio de Vedro Cerrado, cunha superficie total dunha hectárea, setenta e seis áreas e noventa centiáreas (17.690 m2), inscrita no Rexistro da Propiedade número 2 de Lugo, tomo 1071, libro 93, folio 169, predio 12592, con referencia catastral 27010E005009230000FA.

Terceiro. O expediente foi exposto a información pública polo prazo dun mes no BOP de Lugo núm. 281, do 10 de decembro de 2018, no taboleiro de anuncios do concello e por notificación individual aos lindeiros. Consta certificación do Concello de que non se realizaron alegacións durante o período indicado.

Cuarto. Mediante escrito do 25 de marzo de 2019, o alcalde remitiu o expediente á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para a súa aprobación.

O artigo 100 do Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de bens das entidades locais exixe que os expedientes de desafectación de bens comunais sexan aprobados pola comunidade autónoma. O Decreto 74/2018, do 5 de xullo, que establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúe no artigo 22.3.n) a competencia da Dirección Xeral de Administración Local para «...; a tramitación dos expedientes suxeitos a intervención autonómica en materia de patrimonio das entidades locais...».

Por todo isto, esta dirección xeral

RESOLVE:

Aprobar o expediente, incoado polo Concello de Castro de Rei, de desafectación do ben comunal predio número 923 no sitio de Vedro Cerrado, cunha superficie total dunha hectárea, setenta e seis áreas e noventa centiáreas (17.690 m2), con referencia catastral 27010E005009230000FA, e a súa cualificación como ben patrimonial.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución de conformidade co artigos 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local