Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Luns, 3 de xuño de 2019 Páx. 26682

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 15 de maio de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Vedra no SUND-4 parque empresarial.

O Concello de Vedra (A Coruña) remitiu a modificación puntual referida do plan xeral, en solicitude por segunda vez da súa aprobación definitiva ao abeiro do artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Analizada a documentación achegada polo concello; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta

I. Antecedentes.

1. O Concello de Vedra dispón de Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente de forma parcial pola Orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes do 30.1.2007; e no resto pola Orde do 8.5.2007.

2. O secretario-interventor do concello emitiu un informe con data do 21.3.2016, sobre a lexislación aplicable e o procedemento de tramitación da modificación.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 21.6.2016 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou o informe ambiental estratéxico con data do 10.10.2016, resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria, e establecendo determinacións ambientais para o proxecto. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da SXOTU:

a) Subdirección Xeral de Xestión do Dominio Público Hidráulico de Augas de Galicia: informe do 30.9.2016, con prescricións.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: resposta do 19.5.2016, sen impacto da actuación sobre as súas competencias.

c) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 14.6.2016, en que se indica que a modificación non xerará efectos significativos na paisaxe.

d) Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural: informe do 6.5.2016, sen obxeccións.

5. O arquitecto municipal emitiu un informe sobre a modificación o 3.11.2016.

6. O Concello Pleno aprobou inicialmente a modificación o 28.11.2016. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 24.12.2016 e o Diario Oficial de Galicia do 17.1.2017). Foi presentada unha alegación.

7. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG), a DXOTU emitiu informe sobre o resultado do trámite o 30.5.2017:

a) Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 2.2.2017, de innecesariedade de informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 22.2.2017, sen afeccións.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 11.4.2017, sen obxeccións.

• Dirección Xeral do Patrimonio Cultural: informe do 7.3.2017, favorable.

• Consellería de Economía, Emprego e Industria do 20.3.2017, sobre enerxía eléctrica.

b) Foron solicitados os informes de Augas de Galicia, Consellería de Medio Rural e Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, sen que fosen emitidos.

c) Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela e Teo, respondendo unicamente o de Boqueixón.

8. En materia de informes sectoriais non autonómicos, o expediente remitido contén:

a) Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ADIF: alegacións do 9.1.2017, de carácter xenéricas sobre o cumprimento da lexislación ferroviaria e acústica.

b) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital: informe do 16.1.2017, favorable.

c) Xunta de Goberno local da Deputación Provincial da Coruña: informe favorable do 3.2.2017.

d) Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Fomento: informe do 7.4.2017, favorable con condicións.

9. O arquitecto municipal emite o 26.6.2017 un informe en que desestima a alegación presentada e favorable ao documento.

10. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello Pleno con data do 19.7.2017.

11. O Concello da Estrada respondeu fóra de prazo ao trámite de audiencia do artigo 60.7 da LSG mediante escrito 10.10.2017, sen obxeccións.

12. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o 30.10.2017 informe en materia de solos contaminados, en que se indica que non existen.

13. O 30.1.2018 tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia proxectos de modificación aprobados inicial e provisionalmente acompañados de:

a) Informe da demarcación de estradas do Estado en Galicia do 11.1.2018, en que indica que a modificación é autorizable.

b) Informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 7.4.2017, completo e favorable.

c) Informe da Secretaría municipal do 19.1.2018, favorable.

d) Informe do arquitecto municipal do 23.11.2017, favorable.

e) Informe do arquitecto municipal do 21.12.2017, sobre a incidencia nas infraestruturas.

14. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio resolveu non outorgar a aprobación definitiva á modificación mediante a Orde do 11.4.2018.

15. O proxecto de modificación con cambios foi aprobado provisionalmente por acordo do Concello en Pleno con data do 20.2.2019.

16. O concello solicita a aprobación definitiva da modificación o 4.4.2019, achegando:

a) Proxecto de modificación subscrito polo arquitecto Fermín González Blanco con data do 23.10.2018, con dilixencia da súa aprobación provisional.

b) Informe do Servizo de Montes da Consellería de Medio Rural, do 20.11.2018, sen obxeccións.

c) Informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático do 30.10.2017, que se remite de novo o 17.12.2018, en que se indica a inexistencia de solos declarados como contaminados ou información inventariada ao respecto.

d) Informe de Augas de Galicia do 4.2.2019, favorable coa condición de que se solicite un novo informe sobre o instrumento de desenvolvemento do SUND-4.

e) Informe do arquitecto municipal do 15.2.2019, favorable.

f) Informe-proposta da Secretaría municipal do 12.2.2019, favorable.

g) Expediente administrativo cotexado, remitido o 7.5.2019.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual afecta as condicións de desenvolvemento do solo urbanizable non delimitado SUND-4 (parque empresarial) previstas no vixente plan xeral.

2. O plan xeral exixe para o desenvolvemento dos futuros plans de sectorización do SUND-4 a execución de varias obras de ampliación ou reforzo das redes de saneamento (estación depuradora EDAR Ribeira e un total de 2.664,1 m de colectores xerais) e abascemento de auga (depósito regulador de Sobredo e un total de 4.900 m de rede xeral e principal).

3. Está en elaboración un plan de sectorización para o ámbito, con ocasión do cal fixéronse estudos económicos que, valorando o actual momento socioeconómico, conclúen que as cargas de obras son desproporcionadas; o que supón un serio risco de paralización do proceso. Así mesmo, sinálase que as obras relativas ao abastecemento de auga non están directamente vinculadas ao ámbito e xa foron executadas con cargo a axudas da Xunta de Galicia. En canto á rede de saneamento, óptase por cambiar o criterio do plan xeral de xeito que cada sector de solo urbanizable resolva autonomamente as súas necesidades de depuración.

As modificacións afectan a ficha de desenvolvemento do SUND-4 e o cadro resumo da alínea Condicións comúns para os ámbitos de solo urbanizable non delimitado da normativa vixente.

4. O proxecto agora remitido ten os seguintes cambios respecto do que foi obxecto da Orde da CMAOT de non aprobación do 11.4.2018:

a) No punto 4 Modificación proposta da memoria da modificación descríbense os cambios que a modificación supón na rede de saneamento: eliminación dun treito de colector xeral de 1.314 m (a conexión do SUND-4 coa rede xeral), redución da capacidade da depuradora de Ribeira prevista no PXOM dado que a ela xa non vai verter o saneamento do SUND-4 (pasa de 1.000-2.000 a 500 habitantes equivalentes) e previsión dunha nova depuradora en Fontao (de 500 habitantes equivalentes) e colectores de saneamento asociados. A actuación, sobre terreos xa obtidos, impútase ao concello con execución inmediata. Inclúese o estudo económico do custo da actuación.

b) Incorpora no citado punto 4 e en normativa e plano as determinacións sinaladas no informe da Dirección Xeral de Aviación Civil do 7.4.2017.

c) Engádense os seguintes documentos modificados do plan xeral, en que se modifican as determinacións sobre a depuradora de Ribeira, se introduce a de Fontao e se inclúen os cambios nas redes previstas:

• Na memoria do plan xeral, anexo B, páxinas 86-87, no punto B.2.4, sobre a conca de saneamento de Trobe-Vedra-San Pedro de Sarandón.

• Na estratexia de actuación do plan xeral, páxina 96.

• No estudo económico do plan xeral, páxinas 102 e 103.

• No plano de ordenación 4.2 Ordenación-Rede de saneamento do plan xeral, follas 6, 7, 9 e 10.

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, en relación coas observacións feitas na Orde do 11.4.2018 e as alteracións que o novo proxecto supón respecto do daquela presentado, obsérvase que este incorpora os cambios para dar satisfacción ao indicado no punto III.2 da Orde do 11.4.2018.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM do concello de Vedra sobre as condicións de desenvolvemento do SUND-4.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, de 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda