Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2019 Páx. 25999

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 10 de maio de 2019 pola que se autoriza a Fundación Galicia Europa para realizar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa e se aproban as bases reguladoras para a súa convocatoria (código de procedemento PR816A).

A disposición derradeira sétima, número 2, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, dá nova redacción ao número 1 da disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que pasa a dispoñer que as fundacións do sector público unicamente poderán conceder subvencións cando así se autorice á correspondente fundación de forma expresa mediante acordo do ministerio de adscrición ou órgano equivalente da Administración ao cal a fundación estea adscrita.

Esta modificación normativa, que segundo a disposición derradeira primeira ten o carácter de lexislación básica, entrou en vigor o 3 de outubro de 2015, de conformidade coa disposición derradeira décimo oitava.2 da citada Lei 40/2015, polo que, a partir desa data, o outorgamento de subvencións pola Fundación Galicia Europa require a autorización expresa da Consellería de adscrición, no presente caso, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Así mesmo, conforme establece a mesma disposición adicional décimo sexta da Lei 38/2003, do 17 de novembro, na redacción dada pola disposición derradeira sétima da Lei 40/2015, do 1 de outubro, a aprobación das bases reguladoras será exercida polos órganos da Administración que financien en maior proporción a subvención correspondente.

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa é unha entidade sen ánimo de lucro e ente instrumental do sector público autonómico galego que depende orgánica e funcionalmente do centro directivo en que se encadren as competencias fundamentais de acción exterior.

Conforme o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Vicepresidencia a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ten, entre outras funcións, a de proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da Fundación Galicia Europa.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das competencias que me foron atribuídas,

DISPOÑO:

Primeiro. Autorización

Autorizar a Fundación Galicia Europa para convocar actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

Segundo. Bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa
(código de procedemento PR816A)

Artigo 1. Introdución

Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 178/2015, do 26 de novembro, polo que se regula a acción exterior da Comunidade Autónoma de Galicia, a Fundación Galicia Europa (en diante, FGE) ten o mandato da Xunta de Galicia para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea (en diante, UE) seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. A FGE prestará apoio aos distintos departamentos e entidades da Xunta de Galicia, así como ás restantes administracións públicas, organismos e corporacións galegas, no exercicio da súa participación nos asuntos da UE, e colaborará na preparación de viaxes e visitas institucionais das autoridades de Galicia ás institucións e órganos da UE, así como das autoridades das citadas institucións e órganos a Galicia.

A Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ten, entre outras funcións, a proxección exterior de Galicia e a execución da actividade exterior da Xunta de Galicia, sen prexuízo das competencias sectoriais doutros órganos ou unidades, así como a coordinación e seguimento da xestión da FGE segundo o Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A FGE constitúese ao abeiro do artigo 34.1 da Constitución española e réxese pola Lei 12/2006, do 1 de decembro, sobre o réxime das fundacións de interese galego, ademais de pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galicia. Deste modo, esta fundación creada en 1988 é un ente instrumental do sector público autonómico galego que ten por finalidade promover o achegamento entre Galicia e Europa.

O traballo da FGE materialízase en catro grandes ámbitos de acción que responden aos obxectivos de defender os intereses de Galicia perante a UE, informar sobre a UE en Galicia, promover a participación galega en proxectos europeos e formar e sensibilizar sobre Europa. Conforme estes dous últimos obxectivos, a FGE ten afianzado un programa de formación de especialización en financiamento comunitario, programa TecEuropa, co que se pretende mellorar o coñecemento sobre as diferentes fontes de financiamento comunitario de xestión directa ou indirecta e impulsar a participación das entidades galegas na captación destes fondos, así como crear unha rede de técnicos en Galicia especialistas en financiamento comunitario que compartan coñecementos e desenvolvan proxectos conxuntos.

En relación coa presentación das solicitudes, debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento de acordo co artigo 31 da Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

Artigo 2. Obxecto

Estas bases regulan as condicións polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de prazas para o desenvolvemento de actividades formativas dentro do programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa (código de procedemento PR816A).

Artigo 3. Condicións xerais e obxectivos das actividades formativas

1. A FGE poderá convocar actividades formativas dentro do programa TecEuropa, especificando, para cada convocatoria, o número de edicións, as prazas convocadas, a duración e o lugar de realización das actividades formativas. As convocatorias poderán establecer a especialización dunha ou varias edicións das actividades formativas nos diferentes tipos de fondos estruturais.

2. As actividades desenvolveranse en Bruxelas co obxectivo de coñecer de primeira man as institucións comunitarias e as políticas impulsadas pola UE, especialmente a política de cohesión. De forma complementaria, en Santiago de Compostela poderanse organizar sesións sobre a xestión de fondos estruturais e sobre a preparación e desenvolvemento de proxectos europeos.

3. Estas actividades terán por obxectivo:

a) Familiarizar os participantes coas distintas fontes de financiamento comunitario existentes e coas políticas comunitarias en que se encadran.

b) Dar a coñecer a política de cohesión da UE: obxectivos, fondos e instrumentos, xestión e comunicación.

c) Poñer en contacto a xestores de fondos europeos en Galicia para facilitar o intercambio de coñecementos e experiencias, e fomentar o desenvolvemento de proxectos conxuntos.

4. Durante o desenvolvemento das actividades formativas, levarase a cabo un control de asistencia en cada unha das sesións a través da sinatura das persoas participantes.

Artigo 4. Financiamento da actividade

1. As convocatorias establecerán o financiamento das actividades formativas.

2. As convocatorias poderán estar cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, obxectivo temático 13 «Asistencia técnica»; prioridade de investimento 13.01. «Asistencias técnicas»; obxectivo específico 13.1.1. «Lograr unha eficaz implementación do programa operativo apoiando a actividade de xestión e control e o desenvolvemento da capacidade nestas áreas»; alínea de actuación 62 «Apoio ás tarefas de xestión, inspección e control»; campo de intervención 121, «Preparación, execución, seguimento e inspección».

En relación co documento de Criterios e procedementos de selección de operacións (CPSO) do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, prevese como actuación subvencionable a 13.1.1.1. «Preparación, execución, seguimento e inspección».

3. As convocatorias poderán estar cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, obxectivo temático 13: «Asistencia técnica», prioridade de investimento 13.01.: «Asistencia técnica», obxectivo específico 13.01.01.: «Alcanzar unha xestión e control de calidade que permita a consecución dos obxectivos do programa operativo asegurando unhas taxas de erro mínimas». Así mesmo, está encadrada nos Criterios de selección de operacións aprobados polo Comité de Seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, do 16 de febreiro de 2016.

4. As convocatorias estableceran a asignación aos participantes en compensación polos gastos realizados polo desprazamento e estadía en Bruxelas. O importe mínimo desta asignación é de 700 €.

Artigo 5. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar a participar no programa TecEuropa as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Pertencer a algunha das seguintes categorías de entidades:

a) Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades membros do padroado da FGE: Xunta de Galicia (Administración xeral da Comunidade Autónoma ou entidades instrumentais do sector público autonómico), Abanca, Consorcio Zona Franca de Vigo, Deputación Provincial da Coruña e Deputación Provincial de Lugo ou outras entidades que poidan formar parte do padroado no futuro.

b) Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial nalgunha das entidades locais galegas (concellos e deputacións).

c) Persoal con relación laboral, estatutaria ou funcionarial en entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro que deben ter o seu domicilio social e realizar as súas actividades maioritariamente en Galicia.

As convocatorias poderán limitar a participación a unha ou varias das entidades anteriormente citadas.

2. Non estar incursas en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A convocatoria poderá establecer o requisito de non ter participado en edicións anteriores do programa TecEuropa tendo en conta as actividades formativas a desenvolver.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) O anexo III que inclúe:

I. Memoria explicativa da motivación e interese da acción formativa para a entidade para a que traballa.

II. Breve exposición dos fondos estruturais nos que a persoa candidata participa na xestión (Feder e FSE/Outros).

III. Breve exposición da experiencia da entidade en proxectos europeos e ideas de proxectos nas que estea a traballar.

IV. Autorización á participación e certificación dos puntos I, II e III polo representante da entidade.

b) Os estatutos no caso das entidades públicas e privadas sen ánimo de lucro (artigo 5.1.c).

c) Documentos acreditativos das horas de formación en asuntos, proxectos ou fondos europeos e nas linguas inglesa ou francesa (ver artigo 12. Criterios de adxudicación).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación complementaria será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de adxudicación

A Comisión avaliará as solicitudes admitidas de acordo cos seguintes criterios:

1. De existir máis persoas candidatas que prazas, aplicaranse o seguinte sistema de adxudicación:

a) En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que xestionen fondos estruturais en que a edición está especializada ou ben as persoas que traballen en entidades con experiencia na participación en proxectos europeos ou que estean a preparar algunha candidatura específica para un proxecto europeo. Estes criterios valorarase a través da breve exposición do anexo III.

b) En segundo lugar, terán preferencia as persoas candidatas que acrediten máis horas de formación en fondos estruturais, proxectos ou asuntos europeos.

c) Finalmente, valorarase o nivel de coñecemento das linguas inglesa e/ou francesa.

2. As convocatorias poderán establecer para cada edición unha reserva mínima de prazas para cada unha das categorías do artigo 5.1 co fin de asegurar unha representación equilibrada do persoal das distintas entidades. Neste caso, aplicaranse os criterios do punto 1 para a selección de candidatos dentro dunha mesma categoría.

No caso de non cubrirse as prazas reservadas nunha categoría, as prazas vacantes asignaranse proporcionalmente ás outras categorías.

Así mesmo, as convocatorias poderán establecer unha limitación de persoas beneficiarias dunha mesma entidade por cada edición, salvo no caso de vacantes na categoría. As entidades do artigo 5.1.a) quedan exceptuadas do anterior.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. Dentro dos 15 días naturais seguintes ao da publicación da correspondente convocatoria do programa TecEuropa, o director da FGE designará unha comisión de valoración que será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios de adxudicación sinalados no artigo anterior, así como de elevar ao órgano instrutor a proposta de concesión ou denegación.

O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia ou normativa que a modifique.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidencia: a directora da oficina da FGE en Bruxelas ou persoa en quen delegue.

Secretaría: a persoa titular da Subdirección Xeral de Relación coa Unión Europea da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a persoa en quen delegue.

Vogais: ata un máximo de tres vogais que serán designados entre o persoal da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e FGE.

A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/

3. A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico que considere necesario, o cal asistirá ás sesións con voz pero sen voto.

Artigo 14. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para resolver as solicitudes de concesión corresponderalle ao director da FGE.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Relacións coa Unión Europea que realizará cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución.

3. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a persoa titular da Subdirección Xeral de Relacións coa UE aprobará a listaxe provisional das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE.

As persoas candidatas excluídas disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión.

A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na listaxe definitiva das persoas candidatas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión, que será publicada na páxina web da FGE e remitida á comisión para que valore as solicitudes das persoas candidatas admitidas.

4. A comisión valorará os méritos acreditados polas persoas candidatas e, tras a avaliación, publicarase na páxina web da FGE a listaxe provisional das persoas candidatas beneficiarias do programa.

Contra estas listaxe poderán presentarse reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio. Non se terá en conta neste prazo de reclamacións a achega de novos méritos que non fosen acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

5. Logo de resolverse as reclamacións, a comisión de valoración formulará un informe no que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a listaxe definitiva das persoas candidatas beneficiarias do programa. A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita nesta listaxe definitiva. O informe será remitido ao órgano instrutor.

6. O órgano instrutor elevaralle o informe xunto coa proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes ao órgano competente para resolver.

7. A resolución de adxudicación publicarase na páxina web da FGE, http://www.fundaciongaliciaeuropa.eu/. As persoas beneficiarias deberán comunicarlle por escrito á FGE, nun prazo de dez (10) días hábiles, a súa aceptación ou renuncia. Se, transcorrido o prazo, non se produce manifestación expresa, esta entenderase tacitamente aceptada. Se a persoa beneficiaria renuncia expresamente a participar nas actividades formativas, a praza outorgarase á seguinte persoa candidata segundo a listaxe de suplentes establecida.

8. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión será de catro meses, desde a data de publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Recursos

A resolución do director da FGE non pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación de conformidade co establecido nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 26.2.c) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sen prexuízo de que poida exercer calquera outro recurso que xulgue pertinente. Transcorrido este prazo sen terse presentado o dito recurso, esta resolución adquirirá firmeza na vía administrativa.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da concesión da axuda.

2. Xestionar a organización da viaxe e estadía en Bruxelas.

3. Realizar as actividades de formación nas datas que figuren na convocatoria. Salvo causas de forza maior, a asistencia as actividades formativas deberanse realizarse na súa totalidade.

4. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

5. A asignación é incompatible con outras que se poidan percibir pola mesma actividade.

Artigo 17. Compromisos da FGE

A FGE comprométese a:

1. Facer o pagamento das obrigas económicas derivadas da concesión das prazas formativas.

2. Organizar as actividades formativas.

3. Outorgar un certificado de asistencia aos participantes que completen satisfactoriamente as actividades formativas.

Artigo 18. Incidencias no desenvolvemento das accións formativas

1. O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. As funcións derivadas do reintegro e, de ser o caso, de imposición de sancións, así como as funcións de control e demais que supoñan o exercicio de potestades administrativas, serán exercidas pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. Para ter dereito ao pagamento das axudas, as persoas beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación, axustada aos modelos que figuran na páxina web da FGE:

a) Unha declaración responsable de que non se obtiveron outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades formativas e de que se está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma (modelo 1).

b) Unha relación dos gastos realizados e pagados polo desprazamento e estadía en Bruxelas dentro do período de realización dos gastos (modelo 2).

Esta relación estará acompaña da documentación acreditativa dos gastos, que consistirá en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa e da documentación acreditativa da realización dos pagamentos.

2. O período de realización dos gastos comprenderá desde o día seguinte a publicación na web da FGE da resolución de adxudicación e ata cinco días seguintes á realización da actividade de formación en Bruxelas.

3. A xustificación debe presentarse no prazo máximo de quince (15) días dende a finalización da actividade formativa.

4. O pagamento da asignación efectuarase tras a presentación da xustificación unha vez verificada a asistencia as actividades formativas a través do control efectuado en cada unha das sesións.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a FGE publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Fundación Galicia Europa, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explícita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Artigo 22. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu Regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade correspondente.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file