Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Luns, 27 de maio de 2019 Páx. 25871

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño

EDICTO (85/2016).

Estafanía Ave Prieto, letrada da Administración de xustiza, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño, dou fe e testemuño que nos autos de xuizo verbal 85/2016 consta sentenza, que literalmente se pasa a transcribir a seguir:

«Sentenza nº 28/2017

Xuízo verbal (XVB) 85/2016

Sobre: outros verbal

Demandante: Proquideza, S.L.

Procuradora: Eugenia Amoedo Lusquiños

Demandado: Aisgal Noroeste, S.L.

O Porriño, 20 de abril de 2017

Teresa A. Fernández Molinos, xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 do Porriño, viu os presentes autos de xuízo verbal número 85/2016, seguidos por instancia de Proquideza, S.L., representada pola procuradora Sra. Amoedo Lusquiños e asistida do letrado Sr. Dichós Martí, fronte a Aisgal Noroeste, S.L., en situación de rebeldía procesual, sobre reclamación de cantidade derivada de incumprimento contractual.

Antecedentes de feito

Primeiro. Con data 16 de febreiro de 2016, a procuradora dos tribunais Sra. Amoedo Lusquiños, en nome e representación de Proquideza, S.L., formulou demanda de xuízo verbal fronte a Aisgal Noroeste, S.L., na cal, con base nos feitos consignados no seu escrito e alegando a continuaicón os fundamentos que considerou convenientes ao seu dereito, rematou suplicando a este xulgado que se dite sentenza pola que, estimando a demanda, se condene a demandada a aboarlle á demandante a cantidade de 2.889,61 euros en concepto de principal, os xuros ex artigo 7 da Lei 3/2004 e as correspondentes custas procesuais.

Segundo. Admitida a demanda, non compareceu a parte demandada nin deduciu escrito de contestación á demanda, malia ser emprazada a través de edictos tras reiterados intentos negativos de notificación persoal, polo que foi declarada en situación de rebeldía procesual por dilixencia de ordenación con data do 13 de decembro de 2016.

Terceiro. Retirado o edicto para a notificación á demandada da súa declaración de rebeldía, e ao non solicitar ningunha das partes a realización de vista, por dilixencia de ordenación do 12 de abril de 2017 acordouse pasar as actuacións para resolver.

Cuarto. Na tramitación deste procedemento observáronse todas as prescricións e formalidades establecidas na lei.

Fundamentos de dereito

Primeiro. Delimitación das pretensións das partes

Formula a procuradora dos tribunais Sra. Amoedo Lusquiños, en nome e representación de Proquideza, S.L., demanda de xuízo verbal contra Aisgal Noroeste, S.L., na que cita como feitos que a mercantil demandante se dedica á fabricación de pesticidas e outros produtos agroquímicos; que a demandada contactou con aquela co fin de adquirir os seus produtos; que, froito das relacións comerciais entre ambas, existen facturas pendentes de cobramento correspondentes a os produtos adquiridos, cos seus correlativos albarás; e que, por causa da demora da demandada en pagar a débeda contraída, a demandante lle reclamou a cantidade debida a través dunha empresa de xestión de cobramentos, sen ningunha resposta. Con base no anteriormente exposto, solicita que se condene a a demandada a aboarlle a cantidade de 2.889,61 euros, en concepto de principal, máis os xuros legais ex artigo 7 da Lei 3/2004 e as custas procesuais correspondentes.

Fronte á dita pretensión non consta oposición da demandada, que, malia ser emprazada en legal forma, non compareceu nin deduciu contestación á demanda, polo que foi declarada en situación de rebeldía procesual por dilixencia de ordenación con data do 13 de decembro de 2016.

A propósito deste último aspecto, é dable lembrar que no noso ordenamento xurídico a rebeldía non implica o recoñecemento dos feitos e, en tal medida, non pode ser equiparada á conformidade. En consecuencia, a aquel que reclame o cumprimento dunha obriga incúmbelle probar a existencia desta, sen que a situación de rebeldía da parte demandada o exima da dita actividade probatoria, con excepción dos supostos expresamente previstos na lei.

Segundo. Marco normativo

Na medida que a presente demanda encontra o seu fundamento nun incumprimento contractual, convén ter en conta o disposto no Código civil, que establece no seu artigo 1.088 que “as obrigacións nacen da lei, dos contratos e cuasicontratos, e dos actos e omisións ilícitos ou en que interveña calquera xénero de culpa ou neglixencia”. Pola súa vez, o artigo 1.091 sinala que “as obrigas que nacen dos contratos teñen forza de lei entre as partes contratantes, e deben cumprirse a teor deles”.

Polo demais, o citado texto legal prevé a liberdade de forma nos contratos, aos cales non se exixe que revistan ningunha formalidade, polo que poden ser mesmo verbais. En tal sentido, prescribe o artigo 1.254 do Código civil que “o contrato existe desde que unha ou varias persoas consenten en obrigarse, respecto doutra ou outras, a dar algunha cousa ou prestar algún servizo”. Desta forma, os contratos son enteiramente válidos sempre que cumpran os requisitos do artigo 1.261 do Código civil, isto é, consentimento, obxecto e causa.

Terceiro. Análise do suposto de autos

Pois ben, á luz da proba incorporada ás actuacións, entendemos que no caso de autos queda cumpridamente acreditada a relación contractual existente entre ambas as partes, o incumprimento da obriga de pagamento que lle incumbía á demandada e, consecuentemente, a existencia e contía da débeda cuxa satisfacción solicita a demandante.

Así, atendendo á documental que consta en autos, non impugnada pola demandada nin desvirtuada por ningún outro medio probatorio, consta no expediente que Aisgal Noroeste, S.L. realizou diversos pedidos de material a Proquideza, S.L. e que, a raíz das ditas adquisicións, esta última entidade emitiu albarás e facturas por un importe total de 2.889,61 euros, que a demandada non satisfixo e están, por tanto, pendentes de aboamento.

En consecuencia, xustificado o vínculo contractual que mediaba entre as partes, o incumprimento por parte da mercantil demandada e a realidade das cantidades que esta debe á demandante, pois nin probou Aisgal Noroeste, S.L. o feito extintivo de efectuar o seu pagamento nin ningún outro feito impeditivo ou excluínte que obste á prosperabilidade da demanda, tal e como lle correspondería conforme o establecido no artigo 217 da Lei de axuizamento civil, procede estimar a demanda e, en consecuencia, condenar a demandada a aboarlle á demandanda a cantidade de 2.889,61 euros.

Cuarto. Xuros

Por último, tendo en conta que a débeda reclamada se enmarca no ámbito das operacións comerciais ás cales resulta de aplicación a Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberá igualmente a entidade demandada aboar os xuros devindicados pola cantidade reclamada en concepto de principal, de conformidade co previsto no artigo 7 da citada lei e nos termos temporais previstos nos seus artigos 4, 5 e 7.

Quinto. Custas procesuais

Impóñense á demandada as custas procesuais causadas, con suxeición ao criterio do vencemento que acolle o artigo 394 da Lei de axuizamento civil.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Decisión

Que, estimando integramente a demanda promovida pola procuradora dos tribunais Sra. Amoedo Lusquiños, en nome e representación de Proquideza, S.L., fronte a Aisgal Noroeste, S.L., en situación de rebeldía procesual, debo condenar e condeno a entidade demandada a aboarlle á mercantil demandante a cantidade de dous mil oitocentos oitenta e nove euros con sesenta e un céntimos (2.889,61 €), máis os xuros legais devindicados pola dita cantidade ex artigo 7 da Lei 3/2004, nos termos recoñecidos no fundamento de dereito cuarto desta resolución; todo iso, con expresa imposición de custas á demandada.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, con apercibimento de que é firme e contra ela non cabe recurso ningún, de conformidade co establecido no artigo 455.1 da Lei de axuizamento civil.

Así, por esta a miña sentenza, da cal se unirá certificación aos autos da súa razón, e definitivamente xulgando nesta instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

O anteriormente transcrito concorda ben e fielmente co seu orixinal ao que me remito, extendéndose o presente edicto.

O Porriño, 24 de abril de 2017

A letrada da Administración de xustiza