Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 24 de maio de 2019 Páx. 25437

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2019 pola que se recoñece a Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia como organización de produtores pesqueiros de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes:

Primeiro. Con data do 17.10.2018, Juan Antonio Pérez Vidal, con NIF ***9530**, en nome e representación da Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia Ltda., con NIF F15025877, presentou solicitude para o recoñecemento como organización de produtores pesqueiros (OPP) de ámbito autonómico.

Segundo. Con data do 21.12.2018 a Subdirección Xeral de Acuicultura e Comercialización Pesqueira, do Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación, certificou a non pertenza das unidades de produción a ningunha OPP de ámbito nacional ou transnacional.

Terceiro. O 28.1.2019 notificóuselle á Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia Ltda. un requirimento de emenda. Con datas de rexistro do 15.2.2019 e 21.3.2019 tivo entrada na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, da Consellería do Mar, a documentación requirida.

Cuarto. O 6.3.2019 emítese o informe do Servizo de Análise e de Rexistros para efectos de determinar o ámbito da OPP, a actividade económica suficiente e o segmento de pesca a que pertence, de conformidade cos artigos 2.3, 3.3.a) e 2.4 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

Quinto. O 2.4.2019 emítese o informe de Portos de Galicia para efectos de determinar o estado da concesión administrativa á Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia Ltda.

Sexto. Con data do 3.4.2019 emítese o informe favorable do Servizo de Mercados á solicitude da Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia, Organización de Productores Pesqueros, de recoñecemento como OPP de ámbito autonómico para o sector da pesca e o segmento de litoral.

Sétimo. Con data do 4.4.2019 asínase a proposta de recoñecemento da Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia, Organización de Productores Pesqueros, con NIF F15025877, como OPP de ámbito autonómico, para o sector da pesca e o segmento de litoral, e concédese neste mesmo acto trámite de audiencia ao solicitante.

Oitavo. Con data do 22.4.2019 ten rexistro de entrada na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica a aceptación da proposta de recoñecemento da Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia, Organización de Productores Pesqueros, con NIF F15025877, como OPP de ámbito autonómico, para o sector da pesca e o segmento de litoral.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 14.1 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, e se modifican os regulamentos (CE) núm. 1184/2006 e (CE) núm. 1224/2009, do Consello, e se derroga o Regulamento (CE) núm. 104/2000, do Consello, establece que poden ser recoñecidas como OPP todas as agrupacións creadas por iniciativa de produtores do sector pesqueiro que o soliciten, sempre que cumpran os principios establecidos no artigo 17 do dito regulamento, desenvolvan unha actividade económica suficiente, teñan personalidade xurídica e estean en condicións de perseguir os obxectivos recollidos no artigo 7 do presente regulamento, entre outros.

Segundo. O artigo 2 do Regulamento de execución (UE) núm. 1419/2013, da Comisión, do 17 de decembro, relativo ao recoñecemento das organizacións de produtores pesqueiros e as organizacións interprofesionais, a aplicación extensiva das normas das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais e a publicación dos prezos de activación, de conformidade co Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón os prazos, procedementos e formularios de solicitude de recoñecemento das organizacións de produtores e as organizacións interprofesionais.

Terceiro. O Regulamento de execución (UE) núm. 1418/2013, da Comisión, do 17 de decembro, relativo aos plans de produción e comercialización en virtude do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Cuarto. A Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, modificada pola Lei 33/2014, do 26 de decembro, dispón no artigo 55 que o recoñecemento oficial das OPP, da súa representatividade e o seu carácter exclusivo nunha zona, corresponde ás comunidades autónomas cando se trate dunha OPP cuxa produción pertenza principalmente a unha soa comunidade autónoma, e nas porcentaxes e nos termos que regulamentariamente se establezan.

Quinto. O Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, establece nos artigos 2, 3 e 9 os requisitos para que unha OPP poida ser recoñecida e, no seu artigo 3.6, dispón que o recoñecemento dunha OPP, así como a súa modificación e retirada, corresponderá aos órganos competentes das comunidades autónomas no caso de ámbito autonómico.

Sexto. O artigo 2 do Real decreto 956/2017, do 3 de novembro, polo que se establece o marco regulador de axudas ás organizacións profesionais do sector da pesca e da acuicultura, cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e as súas bases reguladoras de ámbito estatal, e polo que se modifican o Real decreto 418/2015, do 29 de maio, polo que se regula a primeira venda de produtos pesqueiros, e o Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, polo que se regulan as organizacións profesionais no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, define a administración competente, no caso dunha comunidade autónoma.

Sétimo. Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca marítima de Galicia, modificada por Lei 6/2009, do 11 de decembro, nos artigos 90 e 91 establece que as organizacións de produtores son entidades recoñecidas oficialmente, constituídas por iniciativa das persoas produtoras co fin de garantir o exercicio racional da pesca, do marisqueo e da acuicultura e a mellora das condicións de venda da súa produción; e que validamente constituída unha asociación de produtores, para obter o recoñecemento oficial de OPP, os seus membros deberán ter principalmente o seu domicilio social e a súa produción en Galicia, nas porcentaxes e nos termos establecidos na normativa vixente nesta materia, que regulamentariamente se estableceran as condicións e os requisitos para acceder e conservar o recoñecemento de OPP e que este recoñecemento se poderá retirar cando se incumpran os requisitos que determinaron o seu outorgamento.

Oitavo. O artigo 1 do Decreto 168/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, establece a competencia da Consellería do Mar para propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, entre outros, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española. Así mesmo, segundo o artigo 8, á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica correspóndelle exercer a dirección e coordinación das competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores e acuicultura; das industrias de transformación e comercialización e almacenamento dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura, entre outros.

Noveno. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Décimo. Demais normativa de aplicación.

Na súa virtude, esta consellería en cumprimento do artigo 55.1.a) da Lei 3/2001, do 26 de marzo, de pesca marítima do Estado, e do establecido no artigo 3.6 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño,

RESOLVO:

Primeiro. Recoñecer a Sociedad Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia, Organización de Productores Pesqueros, con NIF F15025877, como organización de produtores pesqueiros de ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o sector da pesca e o segmento de litoral.

Este recoñecemento queda supeditado ao cumprimento das condicións e obrigas das OPP establecidas na lexislación vixente e, en particular:

– Comunicar á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, da Consellería do Mar, calquera cambio nas condicións que deron lugar ao seu recoñecemento.

– Adaptar os seus estatutos ás exixencias que deriven da evolución da Organización Común de Mercados (OCM) ou normativa vixente que afecte as OPP.

– Aplicar as medidas previstas no artigo 8 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro, para acadar os distintos obxectivos establecidos no artigo 7 do dito regulamento.

– Cumprir os principios de funcionamento interno establecidos no artigo 17 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro.

– Manter unha estrutura organizativa propia dotada do persoal, da infraestrutura e do equipamento necesario para poder cumprir as obrigas establecidas na normativa, en particular, o coñecemento da produción dos seus membros e da xestión orzamentaria.

– Levar unha contabilidade diferenciada para a xestión da OPP.

– Facer constar por escrito as normas que adopten en materia de explotación, produción e comercialización, e velar polo seu cumprimento.

– Velar polo cumprimento por parte dos produtores membros das normas estatutariamente adoptadas.

– Facilitar o labor de inspección e subministrar a documentación e información que se precise por requirimento da Administración competente.

– Rexerase, no seu funcionamento, polo disposto no capítulo V da OCM, así como na Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia, de xeito que non exista unha posición dominante no mercado da OPP.

– Cumprir coas normas comúns de comercialización vixentes e en particular co disposto nos artigos 34 e 47 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro.

– Manter unha actividade económica suficiente conforme os artigos 3.3 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– Impoñer aos seus membros a obriga de permanecer na organización un período mínimo de un ano natural desde a data da súa admisión. Una vez transcorrido o dito período, a renuncia á condición de membro comunicarase por escrito cunha antelación de polo menos catro meses á data efectiva da baixa, de acordo co artigo 3.2 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– Notificar á Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica as novas adhesións e as baixas, para dar cumprimento ao disposto no artigo 3.8 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño, e poder determinar o cumprimento da actividade económica suficiente.

– Presentar ante a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica un plan de produción e comercialización, no prazo de dous meses a partir do día seguinte á resolución de recoñecemento, cun prazo de aplicación ata o 31 de decembro do ano seguinte ao seu recoñecemento. Posteriormente, poderán presentar un plan anual ou plurianual, de conformidade co disposto no artigo 14.3 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño. Os plans de produción e comercialización posteriores presentaranse antes do 31 de outubro do ano en que finalice a vixencia do seu plan aprobado de conformidade co artigo 14 da dita norma.

– Presentar ante a Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica un informe anual de actividades desenvolvidas no marco do plan de produción e comercialización establecido no artigo 28 do Regulamento (UE) núm. 1379/2013, do 11 de decembro. Este informe deberá presentarse antes do 28 de febreiro de cada ano segundo o artigo 15 do Real decreto 277/2016, do 24 de xuño.

– En todo caso, o incumprimento das condicións de recoñecemento como OPP pode levar consigo a retirada deste.

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución de recoñecemento como OPP no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira do Mar no prazo máximo dun (1) mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente desta orde xurisdicional, no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa notificación.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar