Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Mércores, 22 de maio de 2019 Páx. 24730

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 10 de maio de 2019 pola que se acorda a cesión en propiedade dun motor foraborda, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal.

O Decreto 168/2015, do 13 de novembro (DOG núm. 221, do 19 de novembro), modificado polo Decreto 39/2018, do 5 de abril (DOG núm. 78, do 23 de abril) polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, dispón que esta é o órgano da Administración da comunidade autónoma ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores/as e demais organizacións e asociacións dos/das profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión gratuíta de bens da comunidade autónoma a outras administracións públicas, fundacións públicas e entidades sen ánimo de lucro, sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, quedando obrigado o cesionario a destinar os bens ao fin expresado no correspondente acordo.

A Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define ás confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

Mediante escritos con datas do 8 e 27 de marzo de 2019, a Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, solicita a cesión en propiedade dun motor foraborda, do que é titular a Consellería do Mar-Xunta de Galicia, e figura adscrita ao servizo de Gardacostas de Galicia:

A referida institución destinará o motor a fins de utilidade pública ou interese social e, de maneira especial, á realización da vixilancia no ámbito territorial determinado por los respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña. Polo tanto, considerase preciso cederlle en propiedade o ben moble antes sinalado.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 27, números 15 e 29, do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal, do seguinte ben:

Motor: YAMAHA-F200AETX (nº de serie 60LO601710).

Potencia 147,06 Kw (200 CV).

Artigo 2

O ben citado no artigo 1 atópase desafectado por Resolución da Consellería do Mar con data do 20 de febreiro de 2019.

Artigo 3

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a entidade cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de maneira especial, á realización de vixilancia no ámbito territorial determinado polos respectivos estatutos, á colaboración en salvamento marítimo e á loita contra a contaminación mariña.

b) Coa cesión outórgase á Confraría de Pescadores da Pobra do Caramiñal a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán a cargo da entidade cesionaria todos os gastos da conservación e mantemento do ben moble cedido.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, como se se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, previa taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

Artigo 4

A cesión formalizarase mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario/a en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 5

Corresponde á Consellería do Mar verificar a aplicación do ben cedido sinalado no artigo 1 ao fin para o que é cedido, podendo adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar