Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2019 Páx. 24541

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se regula a incorporación e impartición do programa de dobre titulación de bacharelato e Baccalauréat -Bachibac- nos centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2019/20.

Co obxecto de continuar coas accións de mellora enmarcadas na Estratexia galega de linguas estranxeiras EDUlingüe 2020, así como coa vontade de seguir promovendo a cooperación en materia educativa con Francia e, tendo en conta os beneficiosos resultados obtidos coa implantación do programa Bachibac na Comunidade Autónoma de Galicia, procede regular a incorporación do programa de dobre titulación de bacharelato e Baccalauréat -Bachibac- en novos centros educativos para o curso 2019/20, así como a impartición do programa nos centros en que se estea desenvolvendo.

Con esta finalidade, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, resolve anunciar:

Primeiro. A regulación e convocatoria da incorporación e impartición do programa de dobre titulación de bacharelato e Baccalauréat -Bachibac- en centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2019/20 estará dispoñible na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional www.edu.xunta.gal/portal.

Segundo. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Terceiro. A solicitude de autorización formulada pola Dirección do centro, xunto con toda a documentación requirida, deberase dirixir á xefatura territorial correspondente, que a trasladará, co informe da Inspección Educativa, á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Ademais, remitirase copia ao correo electrónico edulinguas@edu.xunta.es nos prazos establecidos.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2019

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa