Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2019 Páx. 23798

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2019 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a xestión de dúas actividades de formación dos/as profesionais do Sistema público de saúde de Galicia propostas polo Comité de Ética da Investigación con Medicamentos (CEIm-G) de Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á resolución da Consellería de Sanidade, do 3 de maio de 2019, pola que se encomenda á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a xestión de dúas actividades de formación dos/as profesionais do sistema público de saúde de Galicia propostas polo Comité de Ética da Investigación con Medicamentos (CEIm-G) de Galicia.

– Actividade: encargar á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde a programación e a planificación, cos seus medios e instalacións, de dúas actividades formativas propostas polo CEIm-G. As actividades propostas teñen como obxectivo actualizar os coñecementos do persoal ao servizo do Sistema Público de Saúde de Galicia en materia de protección de datos de carácter persoal en actividades de investigación biomédica, e están xustificadas pola entrada en vigor do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, de 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento do seus datos persoais e á libre circulación deses datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE, así como da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a encomenda ten natureza de encarga a medio propio, de acordo co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico. Tal condición de medio propio vén determinada no artigo 5 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos.

– Prazo de vixencia: desde o día seguinte á sinatura da encomenda ata o día 31 de decembro de 2019.

Santiago de Compostela, 3 de maio de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade