Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 15 de maio de 2019 Páx. 23668

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 30 de abril de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que se somete a información pública e audiencia o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural Souto da Retorta.

O Souto da Retorta declarouse monumento natural mediante o Decreto 77/2000, do 25 de febreiro. Ademais, tanto o Souto da Retorta coma o eucalipto chamado O Avó aparecen recollidos no Decreto 67/2007, do 22 de xaneiro, polo que se regula o Catálogo galego de árbores senlleiras, como formación senlleira e árbore senlleira, respectivamente. Parte deste espazo, concretamente, 1,23 hectáreas, está incluído na zona de especial conservación ES1120012 Río Landro.

Os artigos 31, 37, 38, 39 e 40 da Lei 9/2001, do 2 de agosto, de conservación da natureza establece como instrumento de planificación para o monumento natural o plan de conservación, que establecerá os réximes de usos e actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo e o seu contido mínimo, e dispón que o dito plan será formulado como decreto pola Consellería de Medio Ambiente, que o someterá a información pública e audiencia dos interesados.

A Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, establece, no seu título III, o dereito a que o público poida expresar observacións e opinións cando están abertas todas as posibilidades, antes de que se adopten decisións sobre o plan, programa ou disposición de carácter xeral.

Conforme o establecido no artigo 16 desta lei,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, por un prazo de quince (15) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do monumento natural Souto da Retorta. Un documento base do dito plan xa foi sometido previamente á participación da cidadanía, sen terse recibido ningunha alegación.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do proxecto de decreto na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: reximexuridico.cmatv@xunta.gal

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicado no punto segundo deste anuncio.

Cuarto. Ás alegacións recibidas por calquera medio dos anteriormente mencionados daráselles contestación a través dunha ligazón na web de transparencia, que será obxecto de publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 abril de 2019

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería
de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda