Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 13 de maio de 2019 Páx. 23003

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello da Coruña

ANUNCIO de bando municipal.

O alcalde do Concello da Coruña, o 2 de abril de 2019, aprobou o seguinte bando:

«Veciñas e veciños da Coruña:

Os incendios forestais son un problema que debemos afrontar entre todas e todos. O lume produce danos no medio, na flora e na fauna, nos solos, na atmosfera, nos ríos e no mar. Pero, sobre todo, poñen en risco a seguridade das persoas. As últimas vagas de lume produciron vítimas mortais e achegáronse perigosamente ás cidades; en 2017 morreron catro persoas en Galicia e moitas máis no país veciño.

O cambio climático eleva as temperaturas e alonga os períodos sen chuvia, e por iso os incendios son cada vez máis perigosos e difíciles de apagar. Temos entón que actuar na prevención, por exemplo, retirando o material combustible que se acumula ao redor das casas antes da época de maior risco no verán.

Precisamos da vosa colaboración, xa que a gran maioría das parcelas son privadas.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, obriga a manter as denominadas “redes secundarias de faixas de xestión de biomasa”, que son franxas de seguridade ideadas para evitar a propagación do lume nas zonas habitadas, as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais (artigo 20.4).

A dita lei establece nos seus artigos 21 e 22 os deberes das persoas físicas e xurídicas responsables das parcelas, que deberán cumprir coas obrigas de xestión da biomasa vexetal nestas (corta e roza) nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado, así como ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións, depósitos de lixo, parques e instalacións industriais situadas a menos de 400 metros do monte, de maneira que neses primeiros 50 metros non poderá haber piñeiros, eucaliptos, acacias, toxos, xestas, fentos, silvas, etc., de acordo cos criterios de xestión da biomasa establecidos na súa disposición transitoria terceira, e todo iso por seren especies moi combustibles.

As distancias no caso de edificacións, vivendas illadas ou urbanizacións mediranse desde o paramento destas. No caso de depósitos de lixo, parques ou instalacións industriais, mediranse desde o perímetro das instalacións.

Segundo o artigo 21.ter.3 da antedita Lei 3/2007, no solo urbano, de núcleo rural e urbanizable aplicaranse subsidiariamente estas obrigas.

As persoas responsables das parcelas conforme o artigo 21 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, deberán retirar o material vexetal combustible das faixas de protección antes do 31 de maio de cada ano.

No suposto de incumprimento destas obrigas por parte das persoas responsables, procederá a execución forzosa, mediante a imposición de multas coercitivas de 1.000 a 10.000 euros, sen prexuízo de poder acudir á execución subsidiaria e de instruír o procedemento sancionador que corresponda».

A Coruña, 2 de abril de 2019

Xulio Ferreiro
Alcalde