Antecedentes:
Primeiro. O día 14 de xuño de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 112) o anuncio do 30 de maio de 2017 polo que se somete ao trámite de información pública o documento do proxecto de construción Adaptación da AC-934 ao Plan de baixa IMD mellorada, treito I, puntos quilométricos 12+900 ao 17+300, de clave AC/10/094.02.1.1, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido.
Segundo. Actualízase á normativa técnica o proxecto anterior, mediante a redacción dun novo proxecto construtivo denominado Actualización do proxecto construtivo de adaptación da AC-934 ao Plan de baixa IMD mellorada, treito I, puntos quilométricos 12+900 ao 17+300, de clave AC/10/094.02.1.2, sen que a dita actualización modifique o trazado ou supoña novas afeccións por cuestións de trazado.
Este proxecto de construción ten por obxecto a mellora da seguridade viaria e establece como principal obxectivo a alarga da plataforma e a mellora das condicións xeométricas en determinados treitos que presentan parámetros mínimos, o que dificulta unha circulación cómoda e segura, polo que se proxecta a rectificación dunhas aliñacións curvas. Así mesmo, estúdase a mellora das interseccións mediante a disposición de semirrotondas, que permitan realizar as manobras de cambio de sentido, e a creación de cuñas de aceleración e desaceleración, que permiten unha mellor incorporación e saída da vía obxecto do estudo.
A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e cinco de abril de dous mil dezanove,
DISPOÑO:
Artigo único
Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto construtivo denominado Actualización do proxecto construtivo adaptación da AC-934 ao Plan de baixa IMD mellorada, treito I, puntos quilométricos 12+900 ao 17+300, de clave AC/10/094.02.1.2.
Santiago de Compostela, vinte e cinco de abril de dous mil dezanove
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade