Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2019 Páx. 22697

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 27 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se someten a información pública a modificación substancial e a revisión da autorización ambiental integrada para a planta de tratamento e valorización de residuos de Codisoil, S.A., no concello de Marín, provincia de Pontevedra (expediente 2018-IPPC-M-97).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 251, do 19 de outubro de 2013), regulan os procedementos de modificación substancial e revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

– Proxecto básico de modificación substancial da AAI de Marín e revisión das MTD. Peticionario: Codisoil, S.A. Febreiro de 2019.

Para que calquera interesado poida consultalos e, de ser o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará á disposición dos administrados, en horario de atención ao público, nas seguintes dependencias:

– Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático-Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, poderán acceder a esta información na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/→medioambiente e sostibilidade→prevención e control de actividades→autorización ambiental integrada→proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2018-IPPC-M-97.

Titular: Codisoil, S.A.

CIF: A79322947.

Enderezo social: paseo de la Castellana, 259D, planta 50, Edificio Torre Espacio, 28046 Madrid.

Localización da instalación: Edificio de Servicios Muelle Norte, s/n, puerto de Marín y ría de Pontevedra, 36900 Marín, Pontevedra.

Actividade: planta de almacenamento e valorización de residuos Marpol tipo C, residuos de aceites e residuos hidrocarburados e eliminación de residuos non perigosos.

Descrición: a instalación constará de tres liñas para a actividade de xestión de valorización de residuos perigosos. Nunha liña trataranse residuos de Marpol tipo C e noutra trataranse residuos de aceites usados, e en ambas obterase combustible como produto. Outra liña tratará outros residuos hidrocarburados, e nela obterase un residuo valorizado que se enviará a un xestor final. A instalación contará cunha nova actividade, que será a xestión de eliminación de residuos non perigosos, que consistirá no tratamento de lodos externos no sistema de tratamento biolóxico da instalación.

As augas residuais de proceso trataranse no sistema de tratamento biolóxico da instalación antes da súa vertedura ao colector xeral do porto de Marín. As augas residuais pluviais e industriais de vertedura trataranse nun separador de hidrocarburos antes da súa vertedura ao colector xeral do porto de Marín. As augas residuais fecais verteranse, sen tratamento previo, ao colector xeral do porto de Marín.

Inclúese na documentación presentada o grao de implantación das mellores técnicas dispoñibles, atendendo ao recollido na Decisión de execución (UE) 2018/1147 da Comisión, do 10 de agosto de 2018, pola que se establecen as conclusións sobre as mellores técnicas dispoñibles (MTD) no tratamento de residuos, de conformidade coa Directiva 2010/75/UE do Parlamento Europeo e do Consello.