Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 10 de maio de 2019 Páx. 22574

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se regula o procedemento de comunicación de documentación de accidentes graves en que interveñan substancias perigosas.

O Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é competencia da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través das súas xefaturas territoriais, a recepción de diversa documentación relativa aos establecementos comprendidos no ámbito de aplicación do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, radicados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O dito decreto establece, ademais, que é obriga dos/as industriais a comunicación da citada documentación, que debe ser feita por medios electrónicos.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

1. Regular o procedemento de comunicación de documentación de accidentes graves en que interveñan sustancias perigosas, segundo se establece no Decreto 37/2019, do 21 de marzo, que terá asignado o código de procedemento IN300A.

2. Publicar o modelo de comunicación de documentación de accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, que se recolle no anexo I desta resolución.

3. A comunicación da documentación será feita polos/as industriais.

4. O procedemento IN300A é un procedemento administrativo de prazo aberto.

5. Establécese a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos para este procedemento, ao considerarse acreditado que o colectivo de persoas físicas solicitantes teñen suficiente capacidade económica e técnica para ter acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios.

6. A comunicación presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Se algunha das persoas interesadas presenta a súa comunicación presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da comunicación aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das comunicacións poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

7. As persoas interesadas deberán achegar coa comunicación os documentos seguintes que procedan:

– Notificación ou a súa actualización.

– Informe de avaliación da notificación ou da actualización da notificación coa cualificación de favorable emitido por un organismo de control.

– Política de prevención de accidentes graves ou a súa actualización.

– Informe de avaliación da política de prevención de accidentes graves ou da súa actualización coa cualificación de favorable emitido por un organismo de control.

– Informe de seguridade ou a súa actualización.

– Informe de avaliación do informe de seguridade ou da súa actualización coa cualificación de favorable emitido por un organismo de control.

– Plan de emerxencia interior ou de autoprotección ou a súa actualización.

– Informe de avaliación do plan de emerxencia interior ou de autoprotección ou da súa actualización coa cualificación de favorable emitido por un organismo de control.

– Análise cuantitativa do risco.

– Informe de avaliación da análise cuantitativa do risco coa cualificación de favorable emitido por un organismo de control.

– Informe dun organismo de control que posibilite un exame planificado e sistemático dos equipos técnicos, de organización e de modos de xestión aplicados no establecemento (artigo 17.2 do Decreto 37/2019, de 21 de marzo).

8. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI ou NIE da persoa comunicante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da persoa xurídica comunicante.

– NIF da persoa xurídica representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

10. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

11. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

12. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

13. Os modelos normalizados aplicables na tramitación deste procedemento regulado na presente disposición poderán ser modificados co obxecto de mantelos actualizados e adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación destes modelos adaptados ou actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

missing image file
missing image file