Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Xoves, 9 de maio de 2019 Páx. 22170

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 12 de abril de 2019 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Tutelar Chamorro.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Tutelar Chamorro, con domicilio no Camiño da Calzada, 16, 15541 O Val-Narón (A Coruña).

Feitos:

1. O 13 de novembro de 2018, José Luis Oñate Barjau, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Tutelar Chamorro foi constituída en escritura pública, outorgada en Ferrol o 31 de outubro de 2018, ante o notario Pedro Luis García de los Huertos Vidal, con número de protocolo 1795, pola Asociación Nuestra Señora de Chamorro.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto primordial «proporcionar protección e garantía efectiva dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento (PDID) con capacidade modificada, velando pola súa persoa e intereses, acompañándoa na súa vida tendo en conta os seus desexos, ilusións e aspiracións, desde o compromiso ético, para conseguir plena inclusión e unha óptima calidade de vida, favorecendo a pluralidade e o respecto pola diferenza».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por José Luis Oñate Barjau como presidente; Abilio Villena Pérez como vicepresidente; María Begoña Echevarría Sanchón como secretaria; María Concepción Lage Menéndez como tesoureira, e José Manuel Rilo González Valles, en representación de Rilo Gestión, S.L., como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Tutelar Chamorro, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Política Social.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 8 de abril de 2019,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Tutelar Chamorro e adscribila ao protectorado da Consellería de Política Social.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza