Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 7 de maio de 2019 Páx. 21940

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Ribadeo 132/20 kV: implantación de sistema de medida nas liñas de 132 kV como puntos fronteira entre compañías, no termo municipal de Ribadeo (expediente IN407A 2018/8662 AT).

Feitos:

Primeiro. O 2 de febreiro de 2012 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se autorizou administrativamente, se aprobou o proxecto de execución e se declarou a utilidade pública, en concreto, do modificado do proxecto da subestación Ribadeo 132/20 kV (sistema de 132 kV), no termo municipal de Ribadeo (expediente 036/2008 AT), promovido pola empresa E.On Distribución, S.L. (actualmente, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.).

Esta infraestrutura eléctrica, actualmente propiedade da empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa), presenta as seguintes características técnicas: subestación eléctrica 132/20 kV (unicamente a parte de 132 kV) formada basicamente por un sistema en intemperie con tipoloxía de simple barra, composto por 6 posicións (dúas de liña de 132 kV, dúas de transformador de 132 kV e unha de medida de barras), e dous transformadores de 132/20/12 kV e 40/40/15 MVA de potencia, instalados, así mesmo, en intemperie, con aparellaxe composta por equipamentos convencionais e equipamentos compactos con illamento en SF6 e edificio para albergar os equipamentos de control, protección, comunicacións, servizos auxiliares e celas de 20 kV.

Segundo. O 7 de agosto de 2018 a empresa Begasa presentou a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Ribadeo 132/20 kV: implantación de sistema de medida nas liñas de 132 kV como puntos fronteira entre compañías, xunto co proxecto de execución.

Segundo consta no proxecto de execución, esta ampliación, que ten por obxecto establecer os puntos fronteira entre compañías eléctricas, Viesgo e Begasa, consistirá na instalación de seis transformadores de intensidade, tres para cada posición de liña de 132 kV, cunha relación de transformación de 200-400-800/5-5-5-5 A. Instalaranse na posición que actualmente ocupan os illadores de apoio que se encontran entre o equipo híbrido e a entrada de liña.

Terceiro. O 3 de decembro de 2018 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción para a dita infraestrutura eléctrica de ampliación da subestación Ribadeo, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 24 de decembro de 2018 e no Boletín Oficial da provincia do 27 de decembro de 2018.

Durante o período en que a dita solicitude se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 6 de febreiro de 2019 a xefatura territorial trasladou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas un resumo da tramitación administrativa da dita infraestrutura eléctrica de ampliación da subestación Ribadeo, xunto unha copia do expediente, para os efectos da súa resolución.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Segunda. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e en exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

• Outorgar á empresa Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A. (Begasa) as autorizacións administrativas previa e de construción para a infraestrutura eléctrica denominada Ampliación subestación Ribadeo 132/20 kV: implantación de sistema de medida nas liñas de 132 kV como puntos fronteira entre compañías, no termo municipal de Ribadeo (expediente IN407A 2018/8662 AT).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Begasa, titulado Ampliación subestación Ribadeo 132/20 kV: implantación de sistema de medida nas liñas de 132 kV como puntos fronteira entre compañías, asinado polo enxeñeiro industrial Damián Alonso Salas (colexiado nº 1.489 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Cantabria) e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia co número 20182082 e data do 16 de xullo de 2018, e no que figura un orzamento total de 85.559,35 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, que deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas