Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 6 de maio de 2019 Páx. 21547

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión do proxecto de construción da obra de mellora da eficiencia enerxética e rehabilitación da estación de autobuses de Noia (clave AC.18.007).

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión de carácter técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a supervisión do proxecto de construción da obra de mellora da eficiencia enerxética e rehabilitación da estación de autobuses de Noia (clave AC.18.007), que ten as seguintes características:

– Obxecto: a elaboración dun informe técnico co fin de verificar que se tiveron en conta as disposicións xerais de carácter legal ou regulamentario, así como a normativa técnica que resulten de aplicación para o proxecto.

– Estos documentos serán emitidos por persoal técnico cualificado da AXI.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao seren a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a AXI órganos pertencentes á mesma consellería con personalidade xurídica propia.

– Prazo de vixencia: a presente encomenda terá a duración estritamente necesaria para a elaboración do referido informe técnico de supervisión anteriormente sinalado e concluirá coa entrega deste, que será efectuada como data límite o 31 de decembro de 2019.

– Supostos de finalización anticipada: por incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou por mutuo acordo.

– Taxas: a encomenda non liquidará ningunha taxa a favor da AXI en concepto de custo polos servizos que se presten no seu desenvolvemento.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2019

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade