Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 3 de maio de 2019 Páx. 21382

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 24 de abril de 2019 pola que se crea a Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria e se establecen a súa composición, organización e funcionamento.

As infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria (en diante, IRAS) supoñen un dos riscos máis relevantes que poden afectar as persoas durante a súa atención nun centro sanitario, polas elevadas taxas de morbilidade e mortalidade que comportan. Ademais, o seu tratamento vese cada vez máis limitado pola aparición e difusión de resistencias bacterianas. Debido á súa importancia sanitaria e pola súa transcendencia a nivel económico e social, as IRAS constitúen un desafío permanente para as institucións sanitarias.

A Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, no seu artigo 3 recolle que os medios e as actuacións do sistema sanitario estarán orientados prioritariamente á promoción da saúde e á prevención das enfermidades, polo que as administracións públicas competentes organizarán e desenvolverán todas as accións sanitarias a que se refire o título I, dentro dunha concepción integral do sistema sanitario, segundo se recolle no artigo 4.1.

Pola súa banda, a nosa Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, recolle no seu artigo 2.3, como ámbito propio de actuación, a planificación sanitaria do Sistema público de saúde de Galicia e a definición das actuacións e intervencións públicas en materia de saúde. Así mesmo, o artigo 32.3 da citada lei proclama como un dos principios reitores do Sistema público de saúde de Galicia o da concepción integral da saúde, que inclúe, entre outros aspectos, a protección fronte a situacións e circunstancias que supoñan risco para a saúde, en particular a prevención da enfermidade e a asistencia sanitaria. Por outra parte, recoñece no artigo 12.8, entre os dereitos das persoas usuarias relacionados coa prestación de servizos sanitarios por parte do Sistema público de saúde de Galicia, o dereito a medidas de prevención da enfermidade de probada efectividade e seguridade.

A Recomendación do Consello, do 9 de xuño de 2009, sobre a seguridade dos/as pacientes, en particular a prevención e a loita contra as infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria (2009/C 151/01), instou os países membros da Unión Europea a adoptaren e aplicaren unha estratexia para tal fin que perseguía, entre outros obxectivos, potenciar a prevención e o control da infección nos centros asistenciais como parte dun plan de acción contra a ameaza crecente das resistencias bacterianas. Así mesmo, tamén se lles recomendaba aos Estados membros que adoptasen, no nivel dos centros asistenciais, medidas que favorezan a contención das IRAS e que permitan crear ou reforzar sistemas de vixilancia activa fomentando unha documentación microbiolóxica e unhas historias clínicas de gran calidade, vixiando a supervisión de incidencia de tipos específicos de infección con indicadores de proceso e de estrutura que permitan orientar e avaliar a aplicación das medidas de loita contra a infección; e estudando a posibilidade de vixiar tipos específicos de infeccións ou determinadas cepas de patóxenos relacionados coa asistencia sanitaria para detectar a tempo os organismos relacionados coa asistencia sanitaria en caso de alerta ou os grupos de infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria en xeral.

Na Estratexia de seguridade do paciente do Sistema nacional de saúde, desenvolvida polo Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social e aprobada para o período 2015-2020 polo Consello Interterritorial do Sistema nacional de saúde, recóllense, na liña estratéxica 2, obxectivo xeral 2.2, as prácticas clínicas seguras recomendadas para previr e controlar as IRAS e reflíctense, entre os obxectivos específicos, a promoción e implantación de programas de uso racional e optimizado de antimicrobianos, a promoción da prevención e o control das resistencias antimicrobianas, con especial atención ao control da difusión de microorganismos multirresistentes e a promoción dos sistemas de vixilancia das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria, para permitir o control da súa evolución e a comparatividade de resultados entre centros e servizos.

Así mesmo, a Estratexia Sergas 2020 destaca na liña estratéxica 7 a necesidade de levar a cabo actividades específicas para a prevención e o control das IRAS en todas as unidades de coidados críticos do Servizo Galego de Saúde: UCI adultos, UCI pediatría, unidades de reanimación, de coidados coronarios e de queimados, e na liña estratéxica 18 destaca, a pertinencia de desenvolver un sistema de vixilancia con información homoxénea e sistemática que permita coñecer e comparar a incidencia e a prevalencia das IRAS para promover accións de prevención e control destas infeccións.

A Lei de saúde de Galicia recolle que para o adecuado desenvolvemento das competencias, que no ámbito sanitario lle corresponden á Comunicade Autónoma de Galicia, se configura o Servizo Galego de Saúde, creado mediante a Lei 1/1989, do 2 de xaneiro, como un organismo autónomo de natureza administrativa, dotado de personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins, entre os cales se encontran, o goberno, a dirección e a xestión dos centros, servizos e establecementos sanitarios propios ou adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

Neste contexto, o Servizo Galego de Saúde considera unha prioridade a creación dunha Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria como un órgano colexiado de asesoramento e multidisciplinario que consensúe e desenvolva accións específicas para a vixilancia, a prevención e o control das IRAS e para a loita contra a aparición e diseminación das resistencias aos antimicrobianos, integrándoas no proceso transversal da asistencia sanitaria.

Por todos estes motivos, a Consellería de Sanidade crea a Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria que estará integrada por persoal experto en distintas materias sanitarias, así como en materias de calidade e de seguridade asistencial.

Na súa constitución cumpriuse co establecido no artigo 15 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que regulará, xunto coa Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, o seu réxime de organización e funcionamento.

Para o tratamento dos datos persoais e da información en materia de saúde que obteña a Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria, como consecuencia das actuacións que realice, así como os dereitos dos cidadáns relacionados coa confidencialidade, aplicarase o disposto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

En virtude do anterior, e coas atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto, adscrición, natureza e ámbito de actuación

1. Esta disposición ten por obxecto a creación e regulación da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria (en diante, IRAS), como órgano colexiado interno de asesoramento da consellería competente en materia de sanidade, adscrito ao órgano directivo con competencia en materia de asistencia sanitaria, como un instrumento a través do cal se desenvolverán estratexias específicas para a vixilancia, a prevención e o control das IRAS, e para a loita contra a aparición e diseminación das resistencias aos antimicrobianos.

2. O seu ámbito de actuación será a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Finalidade

A Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria ten como obxectivo xeral contribuír á diminución da incidencia e prevalencia das infeccións relacionadas coa asistencia sanitaria e das resistencias antimicrobianas mediante a vixilancia e a promoción de estratexias de prevención e control destas infeccións, así como de estratexias que diminúan a aparición e difusión das resistencias aos antimicrobianos.

Artigo 3. Funcións

1. Son funcións da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria as seguintes:

a) Actuar como órgano colexiado interno de asesoramento competente en materia de vixilancia, prevención e control da infección e da política antibiótica para os centros sanitarios.

b) Asesorar e orientar a consellería competente en materia de sanidade e o Servizo Galego de Saúde en relación coa promoción de estratexias de prevención e control das IRAS, así como da aparición e difusión das resistencias aos antimicrobianos nos centros sanitarios.

c) Establecer o procedemento para coñecer os datos indicativos da prevalencia e incidencia das IRAS nos centros sanitarios, os seus factores de risco e os patóxenos causantes das infeccións.

d) Coordinar e promover o desenvolvemento e a difusión de programas asistenciais e procedementos para a prevención e o control das IRAS.

e) Definir a estratexia do Servizo Galego de Saúde para a constitución, o desenvolvemento e a normalización dos equipos do Programa de optimización do uso de antibióticos (Proa) no ámbito sanitario.

f) Avaliar os programas e os procedementos de vixilancia, prevención e control das IRAS e uso adecuado de antimicrobianos nos centros sanitarios.

g) Colaborar coas entidades estatais e europeas implementando as súas recomendacións e compartindo a información obtida na nosa Comunidade.

h) Desenvolver unha estratexia de investigación epidemiolóxica para facilitar a realización de estudos de intervención e a avaliación do impacto das medidas preventivas.

i) Fomentar a formación dos/das profesionais do ámbito sanitario en materia de vixilancia, prevención e control da infección, así como na adecuación da prescrición dos antimicrobianos.

j) Calquera outra función que lle sexa encomendada pola consellería competente en materia de sanidade ou polo Servizo Galego de Saúde en relación coa infección relacionada coa asistencia sanitaria.

2. A Comisión elaborará e aprobará o seu regulamento de organización e funcionamento interno, sen prexuízo da aplicación do previsto na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e na sección 3, subsección I, do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, no que se refire ao réxime de constitución, organización e funcionamento dos órganos colexiados.

3. No desenvolvemento das súas funcións, a Comisión integrará a perspectiva de xénero, para o cal se terán en conta as diferenzas que na análise, avaliación e intervención en materia de coidados se poidan dar en función do sexo.

Artigo 4. Composición

1. Formarán parte da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria:

a) Presidencia: a persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue.

b) Secretaría: un/unha profesional pertencente á dirección xeral con competencia en materia de asistencia sanitaria.

c) Vogais: poderanse nomear un máximo de quince (15) vogais. As persoas que ocupen as vogalías deberán pertencer ao Servizo Galego de Saúde e serán designadas respectando a seguinte composición:

1º. Unha persoa pertencente ao órgano directivo con competencia en materia de saúde pública.

2º. Unha persoa pertencente ao órgano directivo con competencia en materia de farmacia.

3º. Unha persoa pertencente ao órgano con competencia en materia de calidade e seguridade asistencial.

4º. Un/unha farmacéutico/a.

5º. Un/unha facultativo/a especialista de área en Microbioloxía e Parasitoloxía.

6º. Un/unha facultativo/a especialista de área en Medicina Preventiva e Saúde Pública.

7º. Sete persoas licenciadas en Medicina e Cirurxía, unha delas da especialidade de Pediatría e as súas áreas específicas, con representación de Atención Primaria e Atención Hospitalaria.

8º. Dúas persoas diplomadas ou grao en Enfermaría, unha de Atención Primaria e outra de Atención Hospitalaria.

d) A Comisión poderá ser asistida por persoal asesor especialista que para ese efecto considere oportuno e poderá constituír os grupos de traballo específicos que considere necesarios para a consecución dos obxectivos.

2. O persoal electivo integrante da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria será nomeado e destituído pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria por un período de tres anos, prorrogable de maneira sucesiva ao finalizar cada trienio.

Na súa composición procurarase o respecto ao principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 5. Presidencia

1. Son funcións da Presidencia:

a) Dirixir, promover e coordinar a actuación da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria.

b) Desempeñar a representación institucional da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria.

c) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como a determinación da orde do día das sesións, tendo en conta as propostas e peticións formuladas polos seus membros.

d) Convocar e presidir as sesións da Comisión, moderar o desenvolvemento dos debates, suspendelos por causas xustificadas e dirimir co seu voto os empates para os efectos de adopción de acordos.

e) Aprobar o calendario de reunións.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

g) Solicitar en nome da Comisión a colaboración que considere necesaria a institucións, autoridades, organismos, entidades, asociacións ou particulares, así como convidar a participar no pleno ou nas comisións que, de ser o caso, se poidan crear, a persoas expertas de recoñecida competencia nos asuntos de que se trate.

h) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da Comisión.

Artigo 6. Secretaría

1. En caso de ausencia, vacante ou enfermidade as súas funcións serán exercidas por outra persoa designada pola Presidencia.

2. Correspóndelle á Secretaría:

a) Asistir ás sesións da Comisión con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación entre a Comisión e os seus membros, así como recibir e cursar as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións da Comisión.

e) Expedir as certificacións das consultas, acordos aprobados ou, de ser o caso, ditames e informes emitidos, de conformidade co acordado pola Comisión.

f) Custodiar e arquivar as actas, resolucións, informes, ditames, propostas e documentación da Comisión.

g) Elaborar unha memoria anual que recolla todas as actividades desenvolvidas pola Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria, que deberá ser entregada ao órgano directivo con competencia en materia de asistencia sanitaria ou á Presidencia da Comisión logo da súa aprobación por ela.

h) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición da Secretaría.

Artigo 7. Causas de cesamento e substitución dos membros electivos da Comisión

1. Serán causas de cesamento dos membros electivos (vogais e secretario/a) da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria as seguintes:

a) Transcurso do tempo para o cal foi realizado o seu nomeamento.

b) Renuncia expresa presentada por escrito ante a Presidencia da Comisión.

c) Revogación do seu nomeamento pola Xerencia do Servizo Galego de Saúde por proposta da Comisión ou da súa Presidencia.

d) Calquera outra causa prevista na lexislación vixente.

2. Cando un dos membros electivos da Comisión cese por algunha das causas indicadas anteriormente, designarase un novo membro na forma establecida no artigo 4.2.

Artigo 8. Dereitos e obrigas dos membros

1. Os membros da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria terán os seguintes dereitos:

a) Recibir, cunha antelación mínima de corenta e oito horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos membros coa referida antelación.

b) Participar nos debates das sesións.

c) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido deste e os motivos que o xustifican.

d) Propoñer liñas de traballo.

e) Formular rogos e preguntas.

f) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición.

2. Os membros da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria terán as seguintes obrigas:

a) Asistir ás sesións ás cales foron convocados e participar nos seus debates.

b) Adecuar a súa conduta ás normas contidas nesta orde e ás directrices e instrucións que, no seu desenvolvemento, acorde o Pleno da Comisión.

c) Gardar a debida reserva en relación coas actuacións e informacións que se traten na Comisión.

Artigo 9. Funcionamento

1. A Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria funcionará en pleno, sen prexuízo de que se poida acordar a creación de subcomisións ou grupos de traballo para o estudo de temas concretos. No acordo de constitución faranse constar a composición, as funcións e as finalidades da subcomisión ou grupo de traballo.

2. A Comisión poderá nomear persoal consultor e asesor externo que colaborarán na súa condición de persoas expertas en áreas específicas de coñecemento. Na súa participación nas reunións da Comisión, subcomisións ou grupos de traballo, as persoas expertas disporán de voz pero non de voto.

3. O Pleno da Comisión Galega de Vixilancia, Prevención e Control da Infección relacionada coa Asistencia Sanitaria reunirase en sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao semestre. As sesións extraordinarias serán convocadas pola Presidencia, por propia iniciativa ou por proposta da maioría simple dos membros do Pleno.

4. O Pleno quedará constituído en primeira convocatoria coa presenza da maioría absoluta dos seus membros. De non alcanzarse este quórum, o Pleno poderá constituírse en segunda convocatoria, media hora máis tarde da primeira, coa asistencia de dúas quintas partes dos seus membros. Nos dous casos é indispensable a presenza das persoas que ocupan a presidencia e a secretaría ou, de ser o caso, da persoa que as substitúa.

5. Non poderán ser obxecto de deliberación nin acordo os asuntos que non figuren incluídos na orde do día correspondente á sesión, agás que, presentes todos os membros da Comisión, acorden a declaración de urxencia do asunto co voto favorable da maioría.

6. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. En caso de empate, a Presidencia decidirá co seu voto de calidade.

7. De cada sesión elaborarase a correspondente acta, que será asinada pola persoa titular da Secretaría e contará co visto e prace da Presidencia. Na acta faranse constar, como mínimo, a relación de asistentes, o lugar, a data e hora da sesión, asuntos da orde do día, principais intervencións, resultados das votacións e os acordos adoptados. A acta remitiráselles aos membros da Comisión xunto coa convocatoria e a orde do día da seguinte sesión, para os efectos da súa aprobación, se procede, sen prexuízo do disposto no artigo 20.5 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico en Galicia.

Artigo 10. Tratamento de datos de carácter persoal

O tratamento dos datos de carácter persoal que se realice como consecuencia do desenvolvemento e aplicación desta norma efectuarase de acordo co establecido na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e o resto da normativa que resulte de aplicación.

A dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria, en coordinación coa unidade responsable da seguridade da información na consellería competente en materia de sanidade, adoptará as medidas de seguridade que sexan necesarias para asegurar a confidencialidade, seguridade e integridade dos datos, velando por que o uso destes teña unha finalidade estritamente sanitaria e se axuste ao disposto na normativa europea e estatal na materia.

Disposición derradeira primeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de abril de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade