Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Xoves, 2 de maio de 2019 Páx. 21329

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 4 de abril de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Serra do Punago-Vacariza como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 4 de abril de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado parque eólico Serra do Punago-Vacariza, nos concellos de Castroverde, Baralla e Baleira (Lugo), promovido por Fenosa Wind, S.L.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, os planeamentos nos concellos de Castroverde, Baralla e Baleira quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial denominado parque eólico Serra do Punago-Vacariza.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Adecuación ao plan local vixente e prazo para realizala.

A continuación procédese a analizar a normativa urbanística vixente no termo municipal afectado, propoñendo as modificacións que compatibilizan os usos do parque eólico cos previstos no plan vixente, mentres non se adecúe ao proxecto sectorial.

1.1. Adecuación ao plan local vixente.

1.1.1. Análise da normativa vixente e proposta de modificacións que compatibilizan os usos do parque cos previstos no plan vixente.

O plan urbanístico vixente do ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico de Serra do Punago-Vacariza que afectan os termos municipais de Castroverde, Baleira e Baralla, é o seguinte:

• Concello de Castroverde:

– Plan xeral de ordenación municipal. Aprobado definitivamente por Orde da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o 14 de marzo de 2008, que clasifica os terreos afectados polas infraestruturas como solo de núcleo rural e como solo rústico de protección agropecuaria (SPRA), forestal produtor (SRPF/PD) e forestal protector (SRPF/PT).

• Concello de Baleira:

– Plan xeral de ordenación municipal. Normas subsidiarias de plan aprobadas definitivamente o día 14 de xullo de 1988, que clasifica os terreos afectados polas infraestruturas como solo non urbanizable, non protexido e solo non urbanizable de protección rural.

• Concello de Baralla:

– Plan xeral de ordenación municipal. Normas subsidiarias de plan aprobadas definitivamente o día 18 de xuño de 1986, que clasifica os terreos afectados polas infraestruturas como solo non urbanizable de réxime normal.

O ámbito territorial afectado pola construción do parque eólico afecta solos clasificados nos plans dos concellos anteriores como:

• Concello de Castroverde:

– Solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG).

– Solo rústico de protección forestal (produtor) (SRPF/PD).

– Solo rústico de protección forestal (protector) (SRPF/PT).

– Área de circunscrición de núcleo rural.

• Concello de Baleira:

– Solo non urbanizable (SNU).

– Solo rústico non urbanizable de protección rural.

• Concello de Baralla:

– Solo non urbanizable (SNU).

Debido a que se trata de plans non adaptados á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG), ao amparo da súa disposición transitoria 1ª, aos terreos incluídos na área de afección urbanística do parque aplicaráselles o seguinte réxime:

– Aos terreos situados en Baleira e Baralla (plans non adaptados á LOUG), acorde á DT1ª.2 da LSG aplicaráselles o disposto na LSG para o solo rústico. Por tanto, aos terreos no Concello de Baleira, correspóndelles o réxime do solo rústico de protección ordinaria e de especial protección agropecuaria (concentración parcelaria de Esperela), forestal (MVMC Puñago e MVMC Quintá e Queirogal) e de infraestruturas (afección a Lu-530).

– Aos terreos no concello de Baralla, correspóndelles o réxime do solo rústico de especial protección agropecuaria (concentración de parcelaria Camporredondo) e forestal (MVMC Barrosa).

– Aos terreos situados en Castroverde (plan adaptado á LOUG), acorde á DT1ª.1 da LSG, aplicaráselles o disposto na LSG para o solo rústico mantendo, en todo caso, a vixencia das categorías contidas no PXOM.

Resulta necesario adecuar a normativa urbanística dos concellos lucenses de Castroverde, Baleira e Baralla, para que así sexa viable a implantación das instalacións do parque eólico, nos termos recollidos na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia. Con todo, modificarase o plan exclusivamente na área onde localízanse as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan.

1.1.2. Proposta da normativa.

Cando se revisen os plans municipais dos concellos de Castroverde, Baleira e Baralla e/ou se adapte a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, incluiranse as delimitacións sinaladas no plano da planta xeral sobre plan modificado pola adecuación, cualificándoas como solo rústico de protección de infraestruturas coa seguinte normativa:

Ámbito:

Comprende esta categoría de solos as zonas delimitadas nos planos como solo rústico de protección de infraestruturas exclusivamente na área onde localízanse as infraestruturas previstas no proxecto sectorial sen alterar o resto do plan co uso permitido de parques eólicos.

O ámbito en que se engadirá o novo réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas proposto superpoñerase complementariamente aos doutras categorías que concorran.

Uso do solo:

O uso permitido ou autorizable é o de parques eólicos e someterase a un estudo de impacto ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, e á aprobación dun proxecto sectorial en conformidade co Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Os usos compatibles do terreo serán os do aproveitamento existente coas seguintes restricións co fin de garantir que non se vai a alterar o potencial eólico e con iso o funcionamento e rendemento enerxético do parque eólico:

– Prohibición de levantar edificacións, fóra dos edificios Almacén de Residuos e Centro de Seccionamiento a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

– Prohibición de plantar árbores a unha distancia inferior a 200 metros do centro de cada aeroxerador.

Condicións de edificación:

As condicións de edificación que se propoñen para o edificio de control e subestación do parque eólico Serra do Punago-Vacariza serán as seguintes:

Parcela mínima: a superficie de parcela mínima para poder edificar deberá ser de 5.000 m2, sendo neste caso de 140.641 m2 aproximadamente, correspondente á superficie de ocupación e afección das instalacións do edificio de control e subestación do parque eólico.

Edificabilidade máxima:

Edificio: 253 m2.

Parque subestación: 1.800 m2.

Ocupación máxima:

2.750 m2 da superficie das parcelas en que se empracen os edificios e contornos pechados (edificio de control e subestación) distribuída da seguinte maneira:

Edificio: 253 m2.

Beirarrúa: 95 m2.

Parque subestación: 1.800 m2.

Parking e adicional explanación: 602 m2.

Total aproximado: 2.750 m2.

Recuamentos:

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5 m respecto aos lindeiros.

Altura máxima:

A altura máxima medida desde a rasante natural do terreo ao arranque inferior da vertente da cuberta medido desde o centro da fachada é de 4,27 m.

En todos os casos os recuamentos das construcións son superiores a 5,0 m respecto aos lindeiros.

Condicións estéticas:

En conformidade co artigo 91.c) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, a tipoloxía das construcións e materiais e cores empregadas no edificio de control terán unha fachada e cuberta similar á das construcións da zona coa finalidade de integrarse na paisaxe.

A fachada construirase con acabado en granito e a cuberta será de lousa da zona. O devandito edificio, construirase con estruturas de formigón, forxado unidireccional e cimentación mediante zapatas illadas, convenientemente arriostadas e co dimensionamento adecuado para os esforzos a que será sometido. O desaugadoiro de augas pluviais efectúase mediante baixantes exteriores ao edificio. As citadas augas non se recollen na rede horizontal de saneamento, senón que verten directamente sobre o terreo. Ademais, dotarase ao edificio da súa rede perimetral de drenaxe.

Condicións de servizos:

En conformidade co previsto no artigo 39 da Lei 2/2016, a promotora da infraestrutura enerxética resolverá á súa costa os servizos de: acceso rodado, abastecemento de augas, saneamento e depuración e enerxía eléctrica, así como a dotación de aparcadoiros, logo de xustificación da superficie que se propoña.

1.2. Eficacia.

De acordo co establecido no artigo 29 da normativa do Plan sectorial eólico de Galicia, a aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta, á marxe de cando adecúen o plan, implica para o concello afectado a obrigación de conceder a licenza de obras para as consecuentes instalacións, seguindo os trámites previstos na lexislación de réxime local e do procedemento administrativo común.

1.3. Prazo.

A adecuación do plan urbanístico vixente ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para esta adaptación.

– A revisión do plan urbanístico municipal vixente.

1.4. Cumprimento das normas de aplicación directa.

O deseño do proxecto parque eólico de Serra do Punago-Vacariza, mostrado na presente memoria e planos complementarios, realizouse de forma que se cumpre coas normas de aplicación directa especificadas no título III, da Lei 2/2016, do solo de Galicia e do Decreto 143/2016 polo que se aproba o seu regulamento.

2. Cualificación das obras e instalacións como de marcado carácter territorial.

De acordo co establecido na modificación Plan sectorial eólico de Galicia, as obras e instalacións do parque eólico, obxecto deste proxecto sectorial, se cualifican expresamente como de carácter territorial e en consecuencia quedan exentas das autorizacións urbanísticas a que se refire o artigo 11.4 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal e, en consonancia con este, o artigo 34.4 da Lei 2/2016, do 10 febreiro, do solo de Galicia.