Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Luns, 29 de abril de 2019 Páx. 20693

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 28 de marzo de 2019 pola que se declara, de xeito definitivo, como espazo privado de interese natural o espazo Os Lagos de Lousada, no concello de Xermade.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, recoñece os espazos privados de interese natural (en diante EPIN) como unha das categorías en que se clasifican os espazos naturais protexidos. O artigo 18 desta lei establece a posibilidade de que as institucións e as persoas propietarias dos terreos en que existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres cuxa protección se considere de interese, poidan propoñer á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a súa declaración como EPIN.

A declaración dun EPIN é competencia da consellería competente en materia de conservación da natureza, mentres que a responsabilidade e competencia da súa xestión será das persoas propietarias acreditadas dos predios, promotores do ámbito declarado como EPIN. Así mesmo, a declaración dun EPIN non comporta a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos nin implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

A regulación dos EPIN recollida na Lei 9/2001, do 21 de agosto, foi desenvolvida polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura do espazo natural de interese local e a do espazo privado de interese natural. O artigo 4 deste decreto recolle a posibilidade que ten a consellería competente en materia de conservación da natureza de declarar, de xeito provisional, un EPIN por un prazo non superior a dous anos, prazo en que as persoas promotoras deben presentar, como requisito imprescindible para a declaración do dito EPIN o seu plan de conservación.

Mediante a Orde do 2 de novembro de 2017 declarouse de xeito provisional o EPIN Os Lagos de Lousada (DOG núm. 218, do 16 de novembro), localizado no concello de Xermade, por proposta de Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, persoas propietarias acreditadas dos predios e responsables da súa xestión. O expediente conta cunha memoria técnica que acredita que a paraxe posúe valores singulares e reúne as condicións adecuadas para ser declarada espazo protexido e axústase aos contidos establecidos no artigo 3.3 do Decreto 124/2005, do 6 de maio. O expediente de declaración conta, ademais, co compromiso formal por parte das persoas propietarias de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais deste espazo.

Durante a declaración provisional, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, as persoas promotoras debían presentar ante a consellería competente unha proposta adecuada de plan de conservación do espazo, o que realizaron o día 14 de xuño de 2017.

O plan de conservación presentado, logo de ser emendado e completado, é conforme cos contidos mínimos referidos no artigo 38 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, establecendo o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideran necesarias para a conservación do espazo, e cumpre, ademais, coa finalidade de adecuar a xestión do EPIN aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, polo que, tras a realización dos trámites referidos, se elevará ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación mediante decreto, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

Esta orde ten por obxecto declarar, de xeito definitivo, a paraxe Os Lagos de Lousada, no concello de Xermade, como EPIN, unha vez constatadas as singularidades que presenta este espazo natural que o fan merecente da protección dos seus valores naturais e tras a presentación do correspondente plan de conservación.

Polo exposto, e no uso das atribucións que me confire o o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración definitiva de Os Lagos de Lousada como EPIN

Declárase como EPIN o espazo denominado Os Lagos de Lousada, no concello de Xermade, por proposta de Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, persoas propietarias acreditadas dos predios, promotoras do ámbito declarado como EPIN e responsables da súa xestión.

Segundo. Límites

1. A extensión e límites do EPIN Os Lagos de Lousada son os sinalados no anexo desta orde.

2. O ámbito do EPIN Os Lagos de Lousada está constituído pola parcela con referencia catastral 27021A020001740000QQ, localizada no polígono 20, parcela 174 do concello de Xermade (Lugo), na parroquia de Lousada, lugar do Muíño Novo, e cinxirase ao formalmente definido polo Acordo de alteración catastral do procedemento de emenda de discrepancias, expediente 00113864.27/13, documento 01558046.

Terceiro. Xestión

Será responsabilidade ds persoas propietarias, Fernando Lías Rodríguez e María Lires Blanco, a xestión do espazo natural Os Lagos de Lousada de acordo co plan de conservación aprobado pola Xunta de Galicia.

Cuarto. Efectos

1. A declaración definitiva do espazo Os Lagos de Lousada como EPIN non leva unida a súa inclusión na Rede galega de espazos protexidos.

2. A declaración definitiva do espazo Os Lagos de Lousada non implicará a asignación de recursos económicos da Xunta de Galicia para a súa xestión e conservación.

3. Con posterioridade á aprobación desta orde procederase á aprobación do correspondente plan de conservación, aprobación que deberá ser realizada polo Consello da Xunta de Galicia, en cumprimento do artigo 40 da Lei 9/2001, do 21 de agosto.

4. A zona obxecto desta declaración contén terreos clasificados como dominio público hidráulico. A declaración definitiva do EPIN Os Lagos de Lousada non implicará a cesión do dominio público nin a súa utilización significará a cesión das facultades demaniais da Administración do Estado.

5. No ámbito declarado é de aplicación o réxime do solo rústico de protección de espazos naturais, de acordo co artigo 34.2.f) e 34.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Tamén lle resultará de aplicación o réxime xurídico de solo rústico de protección de augas.

Quinto. Extinción

1. Mediante orde da consellería con competencias en materia de conservación da natureza poderase poñer fin aos efectos da declaración definitiva do espazo Os Lagos de Lousada como EPIN se desapareceren as causas que motivaron a protección deste espazo e non foren susceptibles de recuperación ou restauración.

2. A consellería competente en materia de conservación da natureza poderá iniciar un expediente para retirar a condición de espazo protexido no caso de que non se cumpran as finalidades de conservación recollidas na declaración do espazo ou de que se detecten desviacións importantes respecto do plan de conservación aprobado.

Sexto. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente,Territorio e Vivenda

ANEXO

Límites do EPIN Os Lagos de Lousada

1. O ámbito territorial está constituído pola parcela con referencia catastral 27021A020001740000QQ, localizada no polígono 20, parcela 174 do concello de Xermade (Lugo), na parroquia de Lousada, lugar do Muíño Novo, e cínguese ao ámbito formalmente definido polo Acordo de alteración catastral da Xerencia Territorial do Catastro de Lugo (expediente 00113864.27/13).

2. Localízase na follas 23-III da cartografía 1:25.000 do Instituto Xeográfico Nacional e conta cunha superficie de 41,7 ha.

3. Os seus límites son os seguintes:

– Sur e leste: polígono 20 parcela 9014 (CP 22-6 de Roupar a Vilapedre). Base cartográfica PNOA2014 - cedido polo © Instituto Xeográfico Nacional-Xunta de Galicia).

– Norte: polígono 20, parcelas 175, 199 e 9002.

– Oeste: polígono 20, parcelas 114, 196, 104, 89, 91, 92, 90, 87, 76, 9510, 9001, 75, 74, 72, 71, 70, 69, 68, 67, 60, 59, 58 e 57.

4. Planos.

missing image file