Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 26 de abril de 2019 Páx. 20351

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 9 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan cen bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar estudos de formación profesional de grao superior que se inicien no curso académico 2019/20 nun centro de Galicia con ensinanzas sostidas con fondos públicos (código de procedemento ED333A).

O Estatuto de autonomía de Galicia, nos seus artigos 1.2 e 4.3, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia asume como tarefa principal a defensa da identidade de Galicia e a promoción da solidariedade entre todos os integrantes do pobo galego, configurando como un principio reitor da súa política social e económica facer efectivo o dereito das persoas galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece a competencia plena para regular e administrar o ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (BOE do 4 de maio), establece nos seus artigos 39 ao 44 os principios xerais, os obxectivos, os contidos, os títulos e as validacións da formación profesional integrada no sistema educativo español.

O obxectivo principal deste programa é incentivar o retorno dos/das galegos/as do exterior, non só dos/das emigrados/as, senón tamén dos/das seus/súas descendentes, favorecendo a súa incorporación e a dos/das seus/súas fillos/as nos centros de ensino secundario da nosa Comunidade Autónoma, así como no Sistema universitario de Galicia.

Trátase de que os/as mozos/as galegos/as que residan no exterior veñan a Galicia a cursaren un ciclo de grao superior de formación profesional que lles permita incorporarse ao mercado laboral galego logo de remataren os estudos.

A través deste programa preténdese tamén que a sociedade galega se enriqueza cos coñecementos e as experiencias profesionais internacionais que acheguen estes/as galegos/as que residiron ou naceron no estranxeiro e que agora retornan a Galicia, ao mesmo tempo que reforza a súa vinculación con esta comunidade autónoma.

Na súa virtude, no uso das atribucións que lle foron concedidas á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cen (100) bolsas para a mocidade do exterior, co fin de cursar un ciclo de grao superior de formación profesional sostido con fondos públicos nun centro da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Este procedemento habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código ED333A.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán concorrer a esta convocatoria os/as cidadáns/as galegos/as residentes no exterior e que cumpran o disposto no artigo 3.

2. Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa foran beneficiarias e desfrutaran desta bolsa na convocatoria anterior, así como aquelas persoas beneficiarias que causaran baixa ou renunciaran á referida bolsa.

Artigo 3. Requisitos

1. Requisitos que se deberán cumprir e acreditar no prazo de presentación de solicitudes:

a) Ser menor de 30 anos.

b) Estar en posesión da nacionalidade española.

c) Residir no estranxeiro.

d) Ter residido no estranxeiro os dous anos anteriores á data de presentación da solicitude.

e) Cumprir polo menos unha das seguintes condicións:

e.1) Ser emigrante nacido/a en Galicia ou ter residido en Galicia de xeito continuado durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

e.2) Ter nacido no estranxeiro e ser descendente dunha persoa que cumpra algunha das condicións da alínea e.1).

f) No caso das persoas nacidas no estranxeiro, estaren vinculadas a un concello galego. Este requisito poderase acreditar con posterioridade, pero sempre antes de que remate o prazo de emenda da documentación preceptiva.

2. Con carácter previo á concesión da bolsa, será necesario estar matriculado/a no curso 2019/20 no 1º curso dun ciclo de grao superior de formación profesional en réxime ordinario sostido con fondos públicos, no 1º ano dun proxecto de formación profesional dual ou nun mínimo de 800 horas no réxime para as persoas adultas en modalidade presencial.

A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá comprobar a situación da matrícula sen que sexa necesaria a presentación de ningunha documentación por parte da persoa solicitante.

Artigo 4. Dotación e contía da axuda

1. A consellería destinará a estas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 10.20.422M.480.1, un total dun millón de euros para as cen (100) bolsas, cunha contía de 10.000 euros cada unha. A dotación total da bolsa por ano é a seguinte:

a) 300.000 euros no ano 2019.

b) 500.000 euros no ano 2020.

c) 200.000 euros no ano 2021.

A distribución dos pagamentos será a que se amosa na táboa seguinte e estará condicionada aos requisitos de matriculación e rendemento académico:

Distribución dos pagamentos

Requisito

Curso 2019/20

(5.000 euros)

1º pagamento, do 60 %, no 1º trimestre

3.000 euros

Estar matriculado/a

2º pagamento, do 40 %, no 2º trimestre

2.000 euros

Ter aprobado o 70 % dos módulos da 1ª avaliación

Curso 2020/21

(5.000 euros)

1º pagamento, do 60 %, no 1º trimestre

3.000 euros

Estar matriculado/a

2º pagamento, do 40 %, no 2º trimestre

2.000 euros

Ter aprobado o 70 % dos módulos da 1ª avaliación

No caso de non cumprir os requisitos de promoción a 2º curso e, xa que logo, non poder matricularse no 2º curso do ciclo, non se percibirá a axuda do segundo ano.

Artigo 5. Forma, prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado que figura como anexo I desta orde a título informativo, dispoñible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Entendendo que as persoas ás que vai dirixida esta convocatoria teñen acceso e capacidade para realizar este trámite, establécese a obrigatoriedade de relacionarse exclusivamente por medios electrónicos para a tramitación deste procedemento de conformidade co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 31 da Lei 2/2007, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación.

As persoas solicitantes deberán cubrir os campos do formulario que figuren na aplicación informática e incorporar os documentos requiridos no artigo 6 desta orde. Rematado este proceso, deberán confirmar a solicitude que unha vez enviada non poderá ser modificada.

2. As persoas solicitantes residentes en Cuba e que así o desexen poderanse dirixir á Federación de Sociedades Galegas na Habana, na cal existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no anexo I.

3. A presentación da solicitude da bolsa implicará a aceptación do disposto nesta orde e responsabilizarase, de acordo co establecido no artigo 28.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, da veracidade dos documentos presentados; será unha infracción grave falsear calquera das condicións requiridas para a obtención da subvención solicitada, de acordo co artigo 37.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. Para calquera información adicional, os/as interesados/as poderanse dirixir ao correo electrónico: retornafp@edu.xunta.gal.

5. O prazo para presentar solicitudes será de 45 días hábiles, que se contarán desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) e finalizará ás 23.59 horas (hora peninsular española) do día en que finalice o dito cómputo.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán presentar por vía electrónica, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Pasaporte ou outro documento acreditativo da identidade e nacionalidade española, para as persoas solicitantes que non teñan DNI (documento nacional de identidade español).

b) Documentación acreditativa da residencia actual no estranxeiro.

c) Documentación xustificativa do tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos ininterrompidos inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.

d) Documentación acreditativa da súa vinculación con Galicia: do nacemento en Galicia ou da residencia nesta comunidade autónoma de xeito continuado durante dez (10) anos, con nacionalidade española antes de emigrar ou, de ser o caso, do seu nacemento no estranxeiro e de ser descendente dunha persoa que cumpra algunha destas condicións.

e) Para as persoas solicitantes nacidas no estranxeiro, documentación acreditativa da súa vinculación cun concello galego no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE), ou calquera outra documentación acreditativa deste aspecto.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As copias de documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional poderá requirir calquera outra documentación ou dato adicional que considere necesario para completar o expediente ou para unha mellor valoración del.

5. Todos os documentos que se acheguen deberán ser oficiais e estar expedidos polas autoridades competentes, de acordo co ordenamento xurídico do país de que se trate. Cando os documentos achegados ao expediente polas persoas solicitantes estean nun idioma distinto do galego ou do español, deberase presentar tradución deles en calquera destes idiomas.

Artigo 7. Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

– Datos do proceso de admisión.

– Expediente académico.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no formulario de inicio e achegar o documento correspondente.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación do documento correspondente.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes realizarase de maneira electrónica a través da aplicación accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Artigo 9. Órganos competentes e instrución do procedemento

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas, e correspóndelle á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional ditar a correspondente resolución.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes e examinadas estas e a documentación complementaria, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional exporá as listaxes provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, nas cales se sinalarán os motivos de exclusión, a través da publicación na súa páxina web.

3. As persoas excluídas disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao desta publicación na páxina web, para emendaren a falta ou achegaren os documentos preceptivos. Transcorrido este prazo sen que se emenden os erros ou se achegue a documentación preceptiva, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición, nos termos e nas condicións que se establecen no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo.

2. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

– Catro vogais, con categoría de subdirector/a xeral, xefe/a de servizo ou membro da Inspección Educativa.

– Secretaría: actuará como secretario/a unha persoa asesora da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, con voz pero sen voto.

3. A Comisión de Valoración constituirase na sede da Subdirección Xeral de Formación Profesional. O seu funcionamento rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Criterios de valoración e procedemento de selección

1. Para a concesión das bolsas farase unha comparativa entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria e establecerase unha prelación entre elas, de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. A Comisión de Valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados. A puntuación máxima será de 18 puntos, conforme este baremo:

a) Posuír o título de bacharelato ou equivalente para os efectos de acceso a ciclos ou o título de técnico de grao medio de formación profesional: 9 puntos.

b) Posuír a certificación de superación das probas de acceso a ciclos superiores ou probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos: 5 puntos.

c) Outras titulacións: 1 punto.

– Título universitario.

– Título de técnico superior ou de técnico especialista.

d) Vinculación con Galicia ata 3 puntos coa seguinte distribución:

1) Nado/a en Galicia ou que reside en Galicia de xeito continuado durante dez anos antes de emigrar: 3 puntos.

2) Nado/a no estranxeiro e fillo/a dunha persoa que cumpra o referido na alínea d.1): 2 puntos.

3) Outras persoas descendentes de persoas sinaladas na alínea d.1): 1 punto.

3. Unha vez avaliados o resto dos méritos acreditados documentalmente, a Comisión de Valoración emitirá un informe no cal se concretará o resultado da avaliación efectuada establecendo unha orde das persoas solicitantes segundo as puntuacións outorgadas. Para o caso de empate na puntuación obtida, daráselle prioridade a quen teña unha nota media máis alta no requisito de acceso a ciclos; en segundo lugar, a maior vinculación con Galicia e, en terceiro lugar, a data de nacemento máis recente.

4. A lista de persoas candidatas ordenada polas puntuacións outorgadas publicarase na páxina web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. No prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do seguinte ao da dita publicación, as persoas interesadas poderán presentar as reclamacións oportunas.

Artigo 12. Adxudicación das axudas

1. Resoltas as reclamacións, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa elaborará a correspondente proposta de adxudicación das axudas coa seguinte distribución:

a) Lista das 100 persoas candidatas que obtivesen a maior puntuación, que serán propostas como admitidas definitivas.

b) Lista das persoas candidatas que, cumprindo os requisitos, acaden puntuacións inferiores ás 100 primeiras clasificadas, que serán propostas como suplentes.

c) Lista de persoas candidatas excluídas por non acreditar o cumprimento dos requisitos exixidos.

2. A proposta de adxudicación elevarase á conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, que resolverá o que proceda, nos termos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13. Publicación das axudas

1. Publicarase no DOG, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a resolución pola cal se resolve a convocatoria destas bolsas, coa lista de persoas beneficiarias, a lista de suplentes, así como a lista de solicitudes denegadas.

2. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través do portal da formación profesional http://www.edu.xunta.es/fp.

3. Estas publicacións, tanto no DOG como no portal da formación profesional, producirán efectos de notificación aos interesados.

Artigo 14. Xustificación e pagamento das axudas

1. O pagamento das bolsas farase logo de publicada a resolución da concesión das bolsas no DOG.

2. As axudas faranse efectivas en dous pagamentos, segundo consta no artigo 4 desta orde, directamente á persoa beneficiaria, a través da conta bancaria aberta en España. A certificación desta conta bancaria deberá achegarse por vía electrónica con data límite do 15 de outubro.

3. A persoa beneficiaria presentará, no momento da solicitude, unha declaración responsable complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a mesma finalidade (anexo I), das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

4. A persoa beneficiaria está obrigada a comunicarlle á entidade concedente ou, de ser o caso, á entidade colaboradora a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 15. Aceptación ou renuncia

1. A persoa beneficiaria terá a obriga de aceptar a bolsa segundo o modelo aloxado dentro da aplicación e que deberá ser presentado a través desta.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para o cal se poderá utilizar o anexo II.

3. No caso de que se comunicase a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. No caso de que as persoas adxudicatarias renuncien á bolsa ou causen baixa por calquera outro motivo, poderán ser substituídas pola persoa seguinte na orde de puntuación que figure na lista de suplentes.

Artigo 16. Prazo de duración do procedemento de concesión

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de seis meses, que comezará a contar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, a solicitude poderase entender rexeitada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das bolsas convocadas nesta orde quedan obrigadas a:

a) Incorporarse aos estudos no 1º curso dun ciclo de grao superior de formación profesional sostido con fondos públicos, en réxime ordinario, no 1º ano dun proxecto de formación profesional dual ou nun mínimo de 800 horas no réxime para as persoas adultas en modalidade presencial na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Destinar a axuda á finalidade para a que se concede, asistir ás actividades lectivas e ter o rendemento académico establecido no artigo 4.1.

c) Comunicar o enderezo para os efectos de notificacións, correo electrónico e teléfono de contacto en Galicia, así como os cambios que se poidan producir neles.

d) Comunicar por escrito por vía electrónica (anexo II) á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a renuncia á bolsa, así como calquera modificación substancial que afecte as condicións desta.

e) Abrir unha conta bancaria en España na cal figure como titular.

f) Participar nas accións de fomento do emprego ou de inserción laboral que se desenvolvan nesta comunidade autónoma.

g) Asistir ás reunións ou actividades que organice a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para o desenvolvemento do programa.

h) Someterse aos requisitos legais e regulamentos que recolle a normativa xeral de aplicación ás axudas e subvencións de Galicia, en concreto ás recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación que respecto da xestión de fondos pode efectuar o departamento que concede a subvención, ás de control financeiro que realice a Intervención da Comunidade Autónoma e aos procedementos fiscalizadores do Consello de Contas e do Tribunal de Contas.

i) Comunicarlle á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

j) Subministrar á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. A persoa beneficiaria está obrigada ao reintegro, total ou parcial, da subvención ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, logo do procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. A persoa beneficiaria está obrigada a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles correspondan.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, o órgano ou entidade responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial as persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no DOG.

Artigo 19. Compatibilidade das axudas

Estas axudas son compatibles con outras de carácter xeral, aínda que o importe total recibido nunca poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade subvencionada.

Artigo 20. Perda das axudas

1. A falsidade dos datos ou a falsificación dos documentos que se presenten, calquera que sexa o momento en que se demostre a inexactitude, terá como consecuencia a perda de todos os dereitos das persoas solicitantes que incorran en tal situación e a devolución total da contía percibida, ademais das responsabilidades que procedesen, seguindo o procedemento establecido no artigo 77 e seguintes do citado Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 21. Devolución voluntaria da bolsa

De acordo co establecido no artigo 64 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a persoa beneficiaria poderá realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención. O importe da devolución incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei de subvencións de Galicia, ata o momento en que se produza a devolución efectiva por parte da persoa beneficiaria.

Artigo 22. Adaptación

Esta orde adáptase ás normas que lle son aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como ás que figuran no regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas e os actos necesarios para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file