Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Venres, 26 de abril de 2019 Páx. 20585

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2019, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se concede autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Lugo (expediente IN407A 2018/8698 AT).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e de construción da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Barras Eléctricas Galaico-Asturianas, S.A.

Domicilio social: parque empresarial As Gándaras-rúa Aller Ulloa, Ramón María, nº 9, 27003 Lugo.

Denominación: modificación do CT Lopolías 14239.

Situación: concello de Lugo.

Características técnicas:

Reforma do CT non prefabricado Lopolías, cunha potencia máxima admisible de 630 kVA e unha potencia instalada de 400 kVA, consistente en:

– Obra civil

Saneamento, receba e pintura de paredes, teito e chan, realización dun depósito de recollida de aceite, instalación de anteparo de protección do transformador e instalación de reixa de ventilación na porta de acceso ao local.

– Obra eléctrica

Instalación dun novo transformador de 400 kVA, instalación de dúas novas celas de liña e unha de protección, instalación de dous novos cadros de BT e a súa ampliación, realización de novas pontes entre o CT e o cadro de baixa e entre o CT e as celas de MT, e instalación de circuítos de iluminación e emerxencia.

Unha vez cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro (BOE núm. 310), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; no Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, e na Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial, tendo en conta a Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, e as competencias que resultan dos decretos 135/2017, do 28 de decembro, polo que se crea e establece a estrutura orgánica da consellería, e o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia, resolve:

Concederlles a autorización administrativa previa e de construción ás ditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no seu proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente, independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución. Tamén se poderá interpor calquera outro recurso que xulgue pertinente ao seu dereito.

Lugo, 2 de abril de 2019

Pilar Fernández López
Xefa territorial de Lugo