Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Martes, 23 de abril de 2019 Páx. 19724

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos por este instituto, e se abre a súa convocatoria para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 450424.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ter a condición de beneficiarias destas subvencións as comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas que estean contemplados no seu ámbito de aplicación, sempre que non recibisen outra axuda do IGVS para a realización de obras do mesmo concepto nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria e, ademais, cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que sexan seleccionadas conforme á prelación realizada en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo cuarto desta resolución e conforme á disposición orzamentaria existente.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán o procedemento de concesión das subvencións para a reparación, rehabilitación e/ou adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), correspondente ao código VI420A.

Así mesmo, por medio desta resolución procédese á convocatoria destas subvencións para o exercicio económico de 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Esta convocatoria de axudas rexerase polo disposto na Resolución do 4 de abril de 2019, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, ás comunidades de propietarios/as para a reparación, a rehabilitación e/ou a adaptación dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Cuarto. Importe

O importe máximo das subvencións reguladas nesta resolución instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2002 06712 e á aplicación 2019 07 83 451A 781.0 dos orzamentos do IGVS. A contía será de 1.000.000 euros, repartidos en 100.000 euros na anualidade 2019 e 900.000 euros na anualidade 2020.

A intensidade da axuda desta convocatoria será dun importe igual ao correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable, ata un máximo de 5.000 euros por vivenda.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e no mes de vencemento. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2019

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo