Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 2019 Páx. 19296

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 22 de marzo de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 22 de marzo de 2019 relativa ao acto de conciliación formulado polos representantes dos montes veciñais en man común Comunal de Ribas e Comunal de Servoi, no concello de Castrelo do Val.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC Comunal de Ribas e Comunal de Servoi, no concello de Castrelo do Val, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. Con data do 29 de agosto de 2013, o presidente da xunta reitora da CMVMC de Ribas e o presidente da xunta reitora da CMVMC de Servoi presentaron no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural en Ourense un escrito dirixido ao Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común.

Nel solicitaban que se aprobase o deslindamento realizado entre ambas as comunidades. Para tal efecto achegaron a conciliación realizada ante o xulgado de paz, certificacións de aprobación do deslindamento das respectivas asembleas e planos.

Segundo. O informe do Servizo de Montes do 17 de marzo de 2014 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. Na documentación non se achegou acta de deslidamento, pero enténdese que está recollida nas certificacións de aprobación e na documentación do xulgado de paz.

O límite queda claramente definido desde un punto de vista topográfico e da propiedade. Dúas das parcelas que conformaban o MVMC pertencen a Ribas, e unha pequena parte doutra pasan a formar parte do MVMC de Servoi.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento que se seguirá no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 7 de novembro de 2018:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Comunal de Ribas e Comunal de Servoi, no Concello de Castrelo do Val, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do día 17 de marzo de 2014.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 22 de marzo de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense