Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 17 de abril de 2019 Páx. 19262

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Miñón, sito no concello de Vimianzo e promovido por Greenalia Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/07).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Power, S.L.U. en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Miñón (en diante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 26 de outubro de 2017, Greenalia Power, S.L.U. (en diante, a promotora) solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a aprobación do proxecto sectorial das instalacións do parque eólico Miñón.

Segundo. Tras verificar o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, o 31 de xaneiro de 2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas admitiu a trámite o parque eólico.

Terceiro. O 1 de marzo de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe a que fai referencia o artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. O 1 de marzo de 2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Quinto. O 17 de abril de 2018, a promotora solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 18 de maio de 2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Sexto. Mediante o Acordo do 9 de xullo de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Miñón.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1 de agosto de 2018 e no xornal La Voz de Galicia do 31 de xullo de 2018. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Vimianzo), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo desta resolución:

1. Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en relación coa titularidade e coa identificación catastral de parcelas.

2. Solicitude de ampliación da servidume afectada nunha das parcelas afectadas.

3. Solicitude de denegación das autorizacións, da declaración de utilidade pública, así como da aprobación do proxecto sectorial do parque eólico, polas afeccións económicas, urbanísticas, sociais, naturais, patrimoniais e culturais; pola tramitación administrativa separada do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, así como pola tramitación administrativa separada de parques eólicos situados na zona, aínda que estes sexan de distintos promotores.

Sétimo. O 2 de agosto de 2018, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Red Eléctrica de España, Cellnex Telecom, S.A., Retegal, Concello de Vimianzo e Unión Fenosa Distribución, S.A.

Oitavo. O 8 de agosto de 2018, Red Eléctrica de España emitiu o correspondente condicionado. O 4 de setembro de 2018, a promotora manifestou a súa conformidade.

Noveno. O 21 de agosto de 2018, Cellnex Telecom, S.A. emitiu o correspondente condicionado. O 4 de setembro de 2018, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo. O 23 de agosto de 2018, Retegal emitiu o correspondente condicionado en que establece a necesidade de desprazar o aeroxerador AE 04. O 17 de setembro de 2018, e a promotora comunicou que, para non prexudicar o servizo que realiza Retegal, renuncia á instalación do aeroxerador AE 04.

Décimo primeiro. O 19 de setembro de 2018, o Concello de Vimianzo emitiu o correspondente condicionado. O 26 de setembro de 2018, a promotora manifestou a súa conformidade.

Décimo segundo. O 19 de setembro de 2018 reiterouse a solicitude da emisión do correspondente condicionado técnico, feita pola xefatura territorial o 8 de agosto de 2018, a Unión Fenosa Distribución, S.A. Non se recibe en prazo ningún condicionado.

Décimo terceiro. O 6 de agosto de 2018, a xefatura territorial informou de que a poligonal do parque eólico afecta o perímetro outorgado da concesión de explotación Baio fracción primeira número 6950.1.

Décimo cuarto. O 5 de setembro de 2018, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo quinto. O 14 de setembro de 2018, a xefatura territorial emitiu informe en relación co Proxecto de execución do parque eólico Miñón e coa Addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón.

Décimo sexto. O 14 de setembro de 2018, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo sétimo. O 24 de setembro de 2018, a promotora achegou o documento Segunda addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón para os efectos de dar cumprimento ao condicionado técnico de Retegal, o que se fai referencia no antecedente de feito décimo desta resolución. O 9 de outubro de 2018, a promotora presentou o documento Fe de erratas á citada segunda addenda.

Décimo oitavo. O 27 de setembro de 2018, Greenalia Power, S.L.U. presentou declaración responsable de que considera que non se producirán afeccións diferentes ás xa consideradas polos organismos e empresas de servizo público a que se fai referencia no antecedente de feito sétimo desta resolución.

Décimo noveno. O 1 de outubro de 2018, esta dirección xeral remitiulle o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para a súa avaliación ambiental.

Vixésimo. O 9 de outubro de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático solicitou emenda de documentación do expediente do parque eólico.

Vixésimo primeiro. O 10 de outubro de 2018, a promotora achegou a Terceira addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón que substitúe á Segunda addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón coa súa Fe de erratas. O obxecto da citada terceira addenda é describir as modificacións realizadas no proxecto do parque eólico Miñón. Estas modificacións implican a eliminación do aeroxerador AE 04 e o cambio de modelo de aeroxerador, aumentando a potencia nominal dos outros seis ata os 3,83 MW (modelo General Electric, GE-130), fronte os 3,465 MW do modelo inicial (GAMESA G132).

Vixésimo segundo. O 10 de outubro de 2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico.

Vixésimo terceiro. O 11 de outubro de 2018, Greenalia Power, S.L.U. presentou declaración responsable de que considera que non se producirán afeccións diferentes ás xa consideradas polos organismos e empresas de servizo público a que se fai referencia no antecedente de feito sétimo desta resolución.

Vixésimo cuarto. O 11 de outubro de 2018, o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética emitiu informe en relación coa Terceira addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón.

Vixésimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para a potencia obxecto desta autorización, de acordo co informe do xestor da dita rede.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e coas características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. En canto ás pretensións formuladas sobre a posibilidade da ampliación da servidume afectada, non se consideran por entender que son demasiado xenéricas, ao non acreditarse que as servidumes impostas á parcela alteran as condicións fundamentais da súa explotación.

3. No que respecta á solicitude de denegación de utilidade pública, a promotora manifestou a súa vontade de alcanzar acordos cos titulares dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico. No caso de que non se chegue a un acordo entre a promotora eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

4. No relativo ás afeccións de carácter ambiental do proxecto, así como aos posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou, o 10 de outubro de 2018, a declaración de impacto ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

5. No que respecta á oposición á solicitude de aprobación do proxecto sectorial, seguíronse e estanse a seguir os trámites establecidos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, así como no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

6. Con respecto á fragmentación dos expedientes do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, así como dos parques eólicos sitos na zona, seguíronse e estanse a seguir os diferentes pasos exixidos na normativa sectorial de aplicación. En todo caso, exíxese a promotora que presente ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para o parque eólico Miñón, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido pola sociedade Greenalia Power, S.L.U., para unha potencia de 22,98 MW.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución do parque eólico composto polos seguintes documentos, todos eles asinados pola enxeñeira de minas María Moreno Martínez, colexiada nº 3229 do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste:

– Proxecto de execución do parque eólico Miñón. Visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 27 de xuño de 2018 (folio 36, asento 298).

– Addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón. Visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste o 13 de setembro de 2018 (folio 48, asento 404).

– Terceira addenda ao proxecto de execución do parque eólico Miñón (outubro 2018).

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Power, S.L.U.

Domicilio: praza María Pita, nº 10, 1º, 15001 A Coruña.

Denominación: parque eólico Miñón.

Potencia admitida a trámite: 24,255 MW.

Potencia para instalar: 22,98 MW.

Concello afectado: Vimianzo (A Coruña).

Produción media anual neta estimada: 107,77 GWh/ano.

Orzamento de execución material: 21.153.176,43 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

P.E. Miñón

vértices poligonal

Coordenadas UTM

(ETRS89, fuso 29)

X

Y

1

502.806

4.776.786

2

502.806

4.771.786

3

500.874

4.771.786

4

500.874

4.776.786

Localización dos aeroxeradores:

Coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29)

Nº aeroxerador

X

Y

AE 01

501.179

4.775.740

AE 02

501.246

4.775.492

AE 03

501.294

4.775.247

AE 05

501.443

4.772.668

AE 06

501.472

4.772.280

AE 07

501.578

4.771.990

Localización da torre meteorolóxica:

Coordenadas UTM (ETRS89, fuso 29)

Torre meteorolóxica

X

Y

TM.1

501.480

4.772.494

Características técnicas das instalacións:

– 6 aeroxeradores modelo GE-130, ou similar, cunha altura ata a buxa de 114 m e un diámetro de rotor de 130 m, con xerador asíncrono de 3,83 MW potencia nominal unitaria e cos seus correspondentes centros de transformación montados en góndola con potencia unitaria de 4.000 kVA de relación de transformación de 0,72/30 kV, montados sobre fuste tubular metálico.

– Rede eléctrica soterrada a 30 kV, de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e a subestación proxectada (SET Miñón) composta por dous circuítos con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV (Al) 1×(3×240) 240 mm2 nos correspondentes tramos. Da subestación proxectada sairá unha liña de evacuación cuxa tramitación é obxecto doutro expediente (IN408A 2018/015), e que está previsto que entronque coa LAT 66 kV PE Monte Tourado-eixe/Monte Tourado subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV (expediente IN407A 2017/166-1) para rematar na subestación colectora 20-66/220 kV para conexión de instalación de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV (expediente IN407A 2016/3040-1) e evacuar finalmente en transporte na SET Regoelle (expediente IN407A 2009/299-1), propiedade de REE.

– Subestación con transformador de potencia en intemperie, trifásico, de baño en aceite, de potencia nominal aparente 25/30 MVA ONAN/ONAF, relación de transformación 30/66 kV e grupo de conexión YNyn0d11, distribuído do seguinte xeito:

• Parque de 66 kV en intemperie, en configuración simple barra, con posición de liña, posición de transformador e medida.

• Parque de 30 kV en celas en interior de edificio, en configuración simple barra con conxunto de celas prefabricadas.

• No edificio onde se instalará o parque de 30 kV tamén se situará o centro de control, xunto coas comunicacións, proteccións e servizos auxilares coas seguintes características:

• Transformador de servizos auxiliares de tipo seco de 50 kVA e 30/0,42 kV.

• Rede de terras xeral con condutor Cu-50 mm2, de xeito que as instalacións electromecánicas e o centro de control/colector do parque eólico forman un conxunto equipotencial.

– 1 torre meteorolóxica de 98 m de altura.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 158.649 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade coa disposición transitoria cuarta, número 3, da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderase producir a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica, que lle resulten de aplicación.

6. Así mesmo, a promotora deberá ter en conta o regulado na disposición adicional terceira da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, modificada polo Real decreto lei 15/2018, do 5 de outubro, de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores, no que se refire á caducidade dos permisos de acceso e conexión. A caducidade destes permisos, no caso de producirse, poderá dar lugar á revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 10 de outubro de 2018, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental. En concreto, esta autorización queda condicionada a que, previamente ao inicio das obras, a promotora dea debido cumprimento ao indicado nas condicións particulares da citada declaración de impacto ambiental.

8. Previamente ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxías que inclúa as infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas.

9. Previamente ao inicio das obras, a promotora deberá dispor da autorización preceptiva da Axencia Estatal de Seguridade Aérea que recolla a modificación a que se fai referencia no antecedente de feito vixésimo primeiro desta resolución.

10. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 10 de outubro de 2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

11. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente no cal conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, e así mesmo deberá presentar, ante a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, un plano As Built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, xunto coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar, ante a dita xefatura territorial, o certificado do fabricante no cal conste a limitación de potencia das máquinas, que garanta que a potencia instalada non supera en ningún momento a potencia autorizada por esta resolución.

12. No caso de que se manifesten perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Power, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e dos requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2018

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito sexto:

Evaristo Suárez Corzón, o 3 de agosto de 2018 e o 17 de agosto de 2018; José Mato Domínguez, o 8 de agosto de 2018 e o 23 de agosto de 2018; Celestino Ferreira Rego, o 21 de agosto de 2018; Josefina Torrado Torrado, o 30 de agosto de 2018; Estrella Martínez Martínez, o 3 de setembro de 2018.