Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 16 de abril de 2019 Páx. 19035

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2019 pola que se publica a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador para o ano 2019.

Conforme o disposto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público; no artigo 19 da Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018; nos artigos 12 e 36 da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019; no artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, así como nos estatutos da Universidade da Coruña (UDC) e no Acordo do Consello de Goberno do 27 de febreiro de 2019 polo que se aproba a oferta pública de emprego para o ano 2019 de prazas estables de persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, logo da negociación cos órganos de representación do persoal docente e investigador e unha vez obtida a autorización da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, con data do 3 de abril de 2019, tal e como se determina nos artigos 12 e 36 da Lei 2/2018,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar a oferta de emprego público (OEP) do persoal docente e investigador da UDC para o ano 2019.

Segundo. En aplicación do artigo 19.un.3.I.) da Lei 6/2018, dentro do límite da taxa de reposición correspondente ao corpo de profesores titulares de universidade e aos profesores contratados doutores destínanse dez prazas (catro de profesor/a titular e seis de contratado/a doutor/a) para a incorporación de persoal investigador doutor que finalizase o Programa Ramón e Cajal e obtivese o certificado I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais que obtivesen o certificado I3.

Terceiro. As convocatorias dos concursos de acceso derivados desta oferta publicaranse no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, para garantir a publicidade exixida nos artigos 62 e 48.3 da Lei 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e executaranse dentro do prazo máximo previsto no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público.

Esta oferta de emprego inclúe as necesidades de recursos humanos de carácter permanente no ámbito docente e investigador con asignación orzamentaria que non poden ser cubertas cos efectivos de persoal existentes, segundo se detalla no anexo.

Na actualidade non se aprobou a Lei de orzamentos do Estado para o ano 2019, atopándose prorrogados os orzamentos do ano 2018. Esta oferta realízase conforme os requisitos establecidos na Lei 6/2018, do 3 de xullo, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2018. A disposición adicional décimo cuarta da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2019, establece que a oferta pública de emprego adaptárase aos límites máximos e aos restantes requisitos que se establezan na normativa básica estatal. En consecuencia, esta oferta, de ser o caso, poderá modificarse para axustarse ao disposto na dita normativa básica.

A OEP das mencionadas prazas non afecta o cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria establecidos para a Universidade da Coruña, nin aos demais límites fixados na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.

A Coruña, 8 de abril de 2019

Julio Ernesto Abalde Alonso
Reitor da Universidade da Coruña

ANEXO

Oferta de emprego público do persoal docente e investigador
da Universidade da Coruña para o ano 2019

1. Sistema de acceso libre.

1.1. Persoal docente e investigador dos corpos docentes universitarios.

Corpo

Número de prazas

Profesor/a titular de universidade

42

Catro das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais e que obtivesen o certificado I3.

1.2. Persoal docente e investigador contratado.

Categoría

Número de prazas

Profesor/a contratado/a doutor/a

22

Seis das prazas resérvanse para persoal investigador doutor que finalizase o programa Ramón y Cajal e dispoña da certificación I3. No caso de que non se utilicen todas as prazas previstas nesta reserva, estas poderanse ofertar a outros investigadores de programas de excelencia, nacionais ou internacionais e que obtivesen o certificado I3.

2. Sistema de acceso promoción interna.

En aplicación do disposto na disposición derradeira segunda do Real decreto lei 10/2015, do 11 de setembro, que modifica o artigo 62.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, inclúense na OEP para o ano 2019 as seguintes prazas polo procedemento de promoción interna:

Corpo

Número de prazas

Catedrático/a de universidade

20