Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 8 de abril de 2019 Páx. 17742

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2019 pola que se modifica a Resolución do 1 de marzo de 2019 pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais, ampliando o número de prazas convocadas.

O Decreto 22/2016, do 25 de febreiro, e o Decreto 161/2018, do 5 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para os anos 2016 e 2018 respectivamente (DOG núm. 45, do 7 de marzo de 2016 e DOG núm. 239, do 17 de decembro de 2018) autorizaron a convocatoria de setenta e cinco (75) prazas de persoal de servizos xerais.

Por Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos, do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 47, do 7 de marzo) convocouse concurso-oposición para o ingreso na dita categoría.

O Decreto 30/2019, do 14 de marzo, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde para o ano 2019 (DOG núm. 62, do 29 de marzo) autoriza a convocatoria, entre outras, de sesenta (60) novas prazas de persoal de servizos xerais.

En consecuencia, razóns organizativas, asistenciais e de eficiencia na xestión dos procesos de selección fan oportuno acumular nun único proceso a selección dos/das aspirantes para a cobertura das prazas da categoría de persoal de servizos xerais derivadas dos decretos de oferta de emprego público correspondentes aos anos 2016, 2018 e 2019, coa excepción das prazas reservadas para o seu acceso pola quenda de discapacidade intelectual, que serán obxecto de convocatoria diferenciada.

En virtude do exposto, este centro directivo, logo do seu tratamento na mesa sectorial de negociación e no uso das competencias que lle atribúe o artigo 4.1.b) da Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde,

RESOLVE:

Primeiro. Modificar o anexo I da Resolución do 1 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso na categoría de persoal de servizos xerais.

O número de prazas que se convoca neste proceso é o que se especifica no anexo desta resolución, con expresión diferenciada das prazas polo seu sistema de acceso.

Segundo. De conformidade coa base 1.3.5 da dita resolución, ao abeiro da habilitación conferida polo artigo 6 do Decreto 161/2018, do 5 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público de persoal estatutario para o ano 2018, as prazas reservadas neste decreto para o seu acceso pola quenda de discapacidade intelectual non se inclúen nesta resolución e serán obxecto de convocatoria independente e diferenciada.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2019

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Categoría

Subgrupo

Acceso libre

Promoción interna

Reserva discapacidade xeral

Total

Titulación

Persoal de servizos xerais

C2

56

63

7

126

Graduado/a en educación secundaria obrigatoria, técnico (formación profesional de grao medio) ou equivalente