Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 3 de abril de 2019 Páx. 17055

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 20 de marzo de 2019 pola que se clasifica de interese deportivo a Fundación Lucus Sport Advance.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Lucus Sport Advance con domicilio no Estadio Anxo Carro, avenida dos Deportes, s/n, 27004 Lugo.

Feitos:

1. O 31 de xaneiro de 2019, Constantino Saques Pereira, presidente do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Lucus Sport Advance constituíse en escritura pública outorgada en Lugo o 21 de xaneiro de 2019, ante o notario Manuel Ignacio Castro-Gil Iglesias, con número de protocolo 203, por Constantino Saques Pereira, Club Deportivo Lugo, S.A.D. e Frisaques, S.L.U.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto primordial «fomentar os valores inherentes á práctica deportiva, en especial do fútbol e as súas especialidades, e a promoción desta como instrumento educativo susceptible de contribuír ao desenvolvemento integral da personalidade de quen o practica, e tamén como factor de integración social en beneficio de quen padece calquera tipo de marxinación, así coma promover e difundir todos os aspectos culturais vencellados ao deporte».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Constantino Saques Pereira, como presidente; Nacor Saques Salgado, como vicepresidente; María Paz Bergantiños Cruz, como secretaria, e Raquel Saques Salgado, como vogal.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Lucus Sport Advance, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese deportivo e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 15 de marzo de 2019

DISPOÑO:

Clasificar de interese deportivo a Fundación Lucus Sport Advance, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza