Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2019 Páx. 16922

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 25 de marzo de 2019 pola que se regula a oferta de prazas para as estadías e o tratamento dentro do programa de Benestar a través de talasoterapia 2019 e se realiza a súa convocatoria.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece, no seu artigo 1, que os poderes públicos galegos deberán posibilitar que a liberdade e a igualdade das persoas sexa real e efectiva, facilitando a participación de todas e todos na vida política, económica, social e cultural.

A Consellería de Política Social, de conformidade co Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica posúe, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, entre outras, as competencias relativas á dirección, impulso, xestión, planificación, coordinación, control e supervisión das actuacións da consellería en materia de benestar destinadas á atención das persoas maiores, tendo entre as funcións encomendadas, o desenvolvemento de programas e actividades de promoción da autonomía persoal así como a promoción do envellecemento activo.

No marco desas competencias, e sendo conscientes de que na promoción da autonomía persoal está a clave para que as persoas maiores poidan gozar dunha vida máis saudable e independente, e tendo como precedente a Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia, elaborouse o novo documento marco de planificación: a Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020, marco de actuación para unha vida activa, saudable, independente e segura, que na súa primeira liña estratéxica, denominada «Aprendendo a envellecer», considera a persoa como responsable do seu propio proceso de envellecemento saudable e para iso prevé actuacións destinadas ao fomento de actitudes positivas cara ao coidado da saúde e á promoción da autonomía persoal, á promoción de hábitos de vida saudable desde a etapa adulta a través da xestión do autocoidado e ao impulso das terapias non farmacolóxicas para promover a autonomía persoal e o favorecemento de relacións sociais.

Neste sentido cómpre tamén sinalar que o aumento da esperanza de vida lles outorga ás persoas maiores un peso cada vez máis importante na nosa sociedade, demandando a súa participación plena e activa nos distintos ámbitos da nosa sociedade e manifestando o seu desexo de gozar do seu tempo de lecer en establecementos que lles permitan acadar unha mellora na súa calidade de vida. Así, estas persoas manifestan o seu desexo de pasar un período de vacacións nun establecemento que oferta talasoterapia, onde o tratamento e servizos ofertados, xunto co descanso e as relacións sociais que se establecen, lles proporcionan unha melloría na súa saúde e benestar e, en definitiva, unha mellor calidade de vida.

Por iso, e dando cumprimento ao establecido na primeira liña estratéxica da antedita estratexia, desenvólvese o programa de benestar a través da talasoterapia, coa finalidade de facilitarlles ás persoas maiores o acceso a establecementos que ofertan talasoterapia en épocas en que a climatoloxía non nos permite gozar directamente dos beneficios das augas mariñas.

En consecuencia e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, a conselleira de Política Social, conforme as facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto é a oferta de prazas para as estadías e os tratamentos dentro do programa de Benestar a través de talasoterapia 2019 e realizar á súa convocatoria (código do procedemento BS607B).

2. Para tal efecto, enténdese por talasoterapia o método terapéutico que se basea na utilización do medio mariño (auga de mar, algas, barro e outras sustancias extraídas do mar) e do clima como axente terapéutico.

Artigo 2. Persoas beneficiarias e requisitos

1. Serán persoas beneficiarias do programa de Benestar a través de talasoterapia aquelas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.

b) Estar empadroado e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Valerse por si mesmo para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa, agás no caso de fillos ou fillas que acudan en calidade de acompañantes.

d) Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.

e) Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos de talasoterapia.

f) Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos talasos e quendas solicitadas.

2. A persoa solicitante poderá ir acompañada:

a) Do seu ou da súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa con quen teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a) do número primeiro.

b) Dun fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).

c) Dunha persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.

3. As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Prazas e quendas convocadas

1. Convócanse 362 prazas para participar no programa de Benestar a través da talasoterapia da Xunta de Galicia 2019, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos que se relacionan no anexo IV.

2. As quendas teñen una duración de 6 días, con cinco noites cada unha, e comprenderán desde as catorce horas do día de chegada ata as doce horas do día de saída.

3. O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o mes de maio e o de novembro de 2019.

Artigo 4. Servizos e prestacións ofertados

1. A estadía inclúe os seguintes servizos e prestacións:

a) Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres, de uso compartido.

b) Acceso diario ao circuíto mariño.

c) Póliza colectiva de seguro turístico.

2. As persoas beneficiarias que estean interesadas en aloxarse en habitación individual, no caso de que houbese dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza do custo que supoña, e as que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude, nos termos do anexo I, e acreditalo ao incorporarse á quenda.

3. As persoas beneficiarias que estean interesadas en participar nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento hoteleiro ou residencial terano que facer polos seus propios medios e ao seu cargo.

4. O desprazamento desde o domicilio ata o talaso, así como o de regreso, será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o establecemento, de ser o caso.

Artigo 5. Prezo das prazas

1. O prezo que pagarán as persoas beneficiarias, por praza e quenda, é o que figura no anexo IV.

O dito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda, sen que proceda efectuar dedución ningunha se por calquera causa imputable á persoa beneficiaria do programa non goza da totalidade dos servizos.

2. A Consellería de Política Social contribuirá ao financiamento do prezo da estadía coa achega dun 31,08 % do custo da praza en cada talaso. O resto do importe ata completar o custo da praza será por conta da persoa beneficiaria.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal./tramites-e-servizos/chave365).

Artigo 7. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

As solicitudes formularanse no modelo normalizado que se indica no anexo I.

As persoas solicitantes deberán achegar xunto co anexo I os anexos II e III, se procede, e a seguinte documentación:

a) Copia compulsada do pasaporte, se procede, relativa á persoa solicitante e, se fose o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Copia do libro de familia da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.

c) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado non fose expedido pola Xunta de Galicia ou non estivese no poder desta.

d) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social nin pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se for o caso.

e) Informe médico actualizado no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial (tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, habitación individual...).

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

Artigo 8. Comprobación de datos

De conformidade coa normativa de protección de datos persoais, para a tramitación deste procedemento poderán consultarse os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identificación de estranxeiro (NIE), segundo proceda, relativo á persoa solicitante e, se for o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

b) Certificado de empadroamento relativo á persoa solicitante e, se for o caso, á que a acompaña: cónxuxe, parella de feito ou relación análoga á conxugal, filla ou fillo con discapacidade ou outra persoa.

c) Declaración do imposto da renda das persoas físicas correspondente ao último período en que se presente a solicitude ou certificado das pensións outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social ou pola Xunta de Galicia, da persoa solicitante e da acompañante, se fora o caso.

d) Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado fose expedido pola Xunta de Galicia.

No caso de que as persoas interesadas ou acompañantes se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude ou nos anexos II ou III, segundo de que se trate, e achegar os documentos correspondentes.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio de expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación elctrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar a solicitude será dun mes desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11. Instrución

1. O Servizo da Prevención da Dependencia, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, da Consellería de Política Social realizarán de oficio cantas actuacións consideren necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos que constan na solicitude e se exixen nesta orde e realizará a súa remisión á comisión encargada da valoración.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución ao abeiro do artigo 21 desta lei.

3. Os servizos de Dependencia e Autonomía Persoal das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social poderán asumir funcións de apoio á instrución deste procedemento.

Artigo 12. Comisión de valoración

1. Constituirase na Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade unha comisión de valoración para estes efectos que, de acordo cos criterios establecidos no anexo V, realizará a selección e emitirá o correspondente informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada.

2. A comisión de valoración estará integrada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Autonomía Persoal e Prevención da Dependencia ou persoa que a substitúa, que actuará como presidente/a, pola persoa titular do servizo de Prevención da Dependencia, e por dúas persoas do dito servizo, actuando unha destas como secretario/a e procurando acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres. A comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerce a presidencia, a que actúa como secretario/a e a metade dos seus membros. Se, por calquera causa, algunha das persoas que compoñen a comisión de valoración non puidese asistir cando esta se reúna, será substituída pola persoa ao servizo da Administración pública designada para estes efectos por quen exerza a presidencia.

3. Avaliadas as solicitudes, seguindo os criterios establecidos no anexo V, a comisión de valoración emitirá un informe con base no cal o Servizo de Prevención da Dependencia, nas súas competencias como órgano instrutor, elevará ao órgano competente unha proposta de resolución. Nesta proposta figurarán as solicitudes propostas para a concesión de praza, ata esgotar o número de prazas ofertadas. O resto das solicitudes que, reunindo os requisitos e por puntuación, non obteñan praza quedarán en lista de espera para seren atendidas no suposto de quedaren prazas vacantes por producirse algunha renuncia.

Artigo 13. Resolución, publicación e notificación

1. A resolución correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.

2. O prazo máximo para resolver e notificar as resolucións é de tres meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que desde a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade notifícase resolución expresa, as persoas solicitantes poderán entender desestimadas as súas peticións por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 25.1 Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, as resolucións e os actos administrativos que afecten as persoas interesadas. Non obstante e tendo en conta que a publicación destes actos pode lesionar dereitos e intereses lexítimos das persoas solicitantes, publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería (http://politicasocial.xunta.gal) unha sucinta indicación do acto xunto coas listas do artigo 16, conforme o establecido no artigo 46 da Lei 39/2015. A mencionada publicación terá efectos de notificación.

4. Adicionalmente, poderán practicarse as notificacións complementarias de resolucións e actos administrativos, preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a comunicarse coas administracións por medios electrónicos poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

5. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao dispositivo electrónico e/ou ao enderezo de correo electrónico que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

6. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

7. As notificacións complementarias por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Nas resolucións de concesión indicarase o talaso e quenda en que se lle outorga praza, o custo e o importe que se deberá pagar en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.

Artigo 14. Réxime de recursos

As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interporse potestativamente recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Política Social, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución, se esta fose expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, se fose expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 15. Confirmación das prazas e adxudicación definitiva

Unha vez notificada a concesión da praza, para poder facer uso dela as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, e no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación xunto co xustificante de pagamento da cantidade de 30 euros que en concepto de reserva de praza se deba facer efectiva no establecemento asignado.

No suposto de que non se cumpran as condicións establecidas no parágrafo anterior, quedaría sen efecto a resolución de adxudicación definitiva e entenderase que renuncia a ela, perderá a condición de persoa beneficiaria e incorporarase a praza á lista de vacantes.

Ningunha persoa solicitante que se teña beneficiado dalgunha quenda deste programa poderá participar en ningunha outra nin en calidade de acompañante, agás que se trate dunha praza para a cal non houbese ningunha outra persoa adxudicataria.

Artigo 16. Lista de espera e lista de vacantes

1. As persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2, non obtivesen praza, quedarán incluídas nunha lista de espera, que estará publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social http://www.xunta.gal./politica-social. No caso de que se produzan renuncias nas prazas adxudicadas, estas serán ofertadas por orde de puntuación segundo se vaian producindo as renuncias.

2. Así mesmo, publicarase conforme o establecido no punto primeiro unha lista de prazas vacantes que serán ofertadas por orde de puntuación das persoas solicitantes que manifestasen no anexo I o seu desexo de poder participar nesta lista.

3. As publicacións axustaranse ao previsto no artigo 13.3.

Artigo 17. Forma de pagamento das prazas

As persoas que formalizaran a súa adxudicación definitiva aboarán directamente no talaso, cando se incorporen á quenda, o importe resultante da diferenza entre a cantidade fixada como prezo para a praza e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva de praza.

Artigo 18. Devolución do importe da praza

1. Se unha vez obtida a praza e aboado o prezo correspondente, a persoa interesada non puidese asistir á actividade, só terá dereito á devolución deste nos casos e polas causas seguintes:

a) Cando por causas non imputables á persoa interesada non se preste o servizo ou a Administración anule a actividade.

b) Cando se produza o ingreso hospitalario ou outra causa médica grave que afecte a persoa solicitante e lle impida incorporarse ao talaso. Esta causa debe acreditarse con informes médicos e/ou do hospital en que estea ingresada a persoa solicitante.

c) Por falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata 2º grao. Esta causa debe estar acreditada con informes médicos e/ou do hospital onde estea ingresado o familiar, ou co certificado de defunción, de ser o caso.

2. Se a persoa beneficiaria abandonase a estadía unha vez iniciada, sexa cal for o motivo, non terá dereito a ningún tipo de devolución.

Artigo 19. Supervisión e seguimento do programa

Os establecementos nos que se leva a cabo o programa quedarán suxeitos á supervisión e seguimento directo e ao control da calidade dos servizos prestados por parte da Consellería de Política Social.

Artigo 20. Perda da condición de persoa beneficiaria do programa

Ademais das circunstancias establecidas no artigo 15, se non se confirma a adxudicación da praza concedida, tamén perderán a condición de persoa beneficiaria do programa aquelas que non abonen ao talaso, ao comezar a quenda, o resto da cantidade estipulada para a praza que se lle outorgou, previa tramitación do correspondente procedemento administrativo.

A consignación ou achega de datos ou documentos falseados ou inexactos para a obtención das prazas reguladas pola presente orde implicará a cancelación da praza obtida, no suposto de que non se participase na quenda, ou a obriga, por parte da persoa interesada, de aboar o prezo real da praza, sen prexuízo das accións que procedan en aplicación da normativa vixente, se xa gozase da quenda.

Artigo 21. Información básica sobre protección de datos persoais

Segundo a disposición adicional segunda do Regulamento (UE) 2016/679 xeral de protección de datos e o previsto na Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Política Social coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no exercicio dos poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo I e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Así mesmo, serán comunicados aos talasos en que se executa o programa, que se encargarán do correspondente tratamento da información, nos termos establecidos nos contratos asinados ao respecto.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para resolver a concesión ou denegación das solicitudes de participación no programa de Benestar a través da talosoterapia previsto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2019

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

Establecementos, prestacións, quendas e prezo da estadía

Establecementos

Prestacións

Datas e quendas

Prezo
da praza

Hotel Talaxo Louxo ****

Illa da Toxa. Pontevedra.

Parque mariño

(60 minutos/día)

Do 12 ao 17 de maio

201,00 euros

Do 19 ao 24 de maio

Do 22 ao 27 de setembro

Do 20 ao 25 de outubro

Do 27 de outubro ao 1 de novembro

Do 3 ao 8 de novembro

Do 10 ao 15 de novembro

Do 17 ao 22 de novembro

Thalasso Cantábrico ****

Aloxamento Hotel****/Restaurante

Wellness Thalasso

Viveiro. Lugo

Circuíto

(un acceso diario)

Do 12 ao 17 de maio

201,00 euros

Do 19 ao 24 de maio

Do 26 ao 31 de maio

Do 22 ao 27 de setembro

Do 27 de outubro ao 1 de novembro

Do 3 ao 8 de novembro

Do 10 ao 15 de novembro

ANEXO V

Baremo

Para a súa aplicación non se teñen en conta os datos relativos ao/a fillo/a con discapacidade, se for o caso.

1. Idade: máximo 10 puntos.

Con menos de 65 anos: 2 puntos.

Entre 65 e 74 anos: 4 puntos.

Entre 75 e 84 anos: 6 puntos.

Con 85 ou máis anos: 10 puntos.

Nesta variable computarase a idade da persoa solicitante e, se é o caso, a do/da cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

2. Situación económica: ingresos mensuais líquidos: máximo 40 puntos.

Con ingresos mensuais inferiores ou iguais a 450,00 €: 40 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 450,01 € e 600,00 €: 30 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 600,01 € e 785,00 €: 20 puntos.

Con ingresos mensuais comprendidos entre 785,01 € e 900,00 €: 10 puntos.

Con ingresos mensuais superiores a 900,00 €: 0 puntos.

Nesta variable valoraranse os ingresos líquidos da persoa solicitante e, se é o caso, os do/a cónxuxe (matrimonio ou parella) ou acompañante. Para o cálculo terase en conta a puntuación media.

Para calcular os ingresos medios mensuais computaranse todos os ingresos percibidos por cada unha das persoas solicitantes ao longo do ano polos diferentes conceptos e dividido entre 12 meses.

En caso de empate, daráselle prioridade ás persoas que teñan menores ingresos, seguidas das de maior idade.