Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 64 Martes, 2 de abril de 2019 Páx. 16946

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade da convocatoria para a provisión dun posto no Concello de Santiago de Compostela polo procedemento de libre designación.

Mediante Decreto da Alcaldía do 8 de febreiro de 2019, o Concello de Santiago de Compostela aprobou a convocatoria e as bases para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de intervención de clase 1ª denominado interventor/a xeral municipal, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que tras a tramitación do oportuno expediente a remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior remisión ao Ministerio de Política Territorial e Función Pública para os efectos da publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa memoria proposta da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Local e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 15.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e o artigo 22 do Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que rexerán esta, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión polo sistema de libre designación, do posto de interventor/a xeral municipal, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional cuxas bases se anexan a este anuncio:

Corporación: Concello de Santiago de Compostela.

Posto: interventor/a xeral municipal.

Subescala: intervención-tesouraría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 36.496,88 euros.

Requisitos: os recollidos nas bases que figuran como anexo.

Coñecemento lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2019

Marta Fernández-Tapias Núñez
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases que rexerán a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de interventor/a xeral municipal

1. Obxecto:

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, nos artigos 19 e 36 e seguintes do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, e no artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 26 de febreiro, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional; o posto de interventor/a xeral do Concello de Santiago de Compostela, reservado a funcionario/a de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de intervención-tesouraría, categoría superior.

2. Corporación:

Concello de Santiago de Compostela.

3. Denominación e clase do posto:

Interventor/a xeral municipal, reservado a funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de intervención-tesouraría, categoría superior.

4. Características do posto:

4.1. O posto a prover está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Xunta de Goberno local, e publicada no BOP da Coruña o 27 de maio de 2011.

4.2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30, e o seu sistema de provisión o de libre designación.

4.3. O complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2019, é de 36.496,88 € brutos.

5. Requisitos para o seu desempeño:

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

– Estar integrado/a na subescala de intervención-tesouraría, categoría superior. Non poderán concorrer á convocatoria os/as funcionarios/as que se atopen nas circunstancias establecidas nas letras a) e b) do artigo 28.2 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro.

– Acredita-lo coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega 4 (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Na súa falta, o interesado deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, a valorar como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

6. Solicitudes:

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo), debendo indicarse nestas, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada Lei 39/2015, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se atope o/a solicitante e o seu destino; e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base 5.

Xunto coas solicitudes, os/as aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, en que constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que xulguen oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

7. Nomeamento:

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía Presidencia procederá, no prazo dun mes, de ser o caso e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento, a competencia para o nomeamento, os concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento, e as condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade do/da funcionario/a nomeado/a, e da cal dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao Ministerio de Facenda e Función Pública para a publicación no BOE (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo).

8. Toma de posesión:

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009 e 41 do Real decreto 128/2018, de 16 de marzo; en consecuencia, será de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade; ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes á publicación da resolución sobre o nomeamento no BOE.

9. Impugnación:

Contra a presente resolución e cantos actos administrativos se deriven dela, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela, nos termos e prazos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación); ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (dous meses contados a partir da mesma data).