Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 26 de marzo de 2019 Páx. 15955

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2019 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade do 8 de marzo de 2019, para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade, do 8 de marzo de 2019, coas seguintes características:

1. A actividade obxecto da encomenda é realizar os traballos de apoio para a realización das probas selectivas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario, que terán lugar os días 9 e 10 de marzo, 7 de abril e 12 de maio de 2019, de conformidade cos requirimentos técnicos que se detallan na correspondente resolución, relativos ás obrigas da entidade encomendante, as directrices de execución e o cronograma das actividades que se desenvolverán.

As categorías convocadas son: celador/a, grupo auxiliar da función administrativa e enfermeiro/a.

2. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico, de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da citada Lei 16/2010, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

3. As probas selectivas a que se refiren as actividades encomendadas desenvolveranse os días 9 e 10 de marzo, 7 de abril e 12 de maio de 2019.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2019

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde