Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 25 de marzo de 2019 Páx. 15774

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, e se convocan para o ano 2019.

BDNS (Identif.): 445031.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán optar a estas axudas as persoas físicas e xurídicas, dedicadas profesionalmente á actividade de creación e produción no ámbito audiovisual galego, que leven a cabo algunha das actividades descritas como subvencionables.

Só poderán participar nesta convocatoria aquela persoas físicas ou xurídicas que teñan unha participación igual ou superior ao 20 % do proxecto audiovisual. En canto á participación de entidades produtoras, será preciso que a empresa estea dada de alta no IAE na epígrafe 96.1.1.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por finalidade fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para a promoción e difusión do cine a través da participación de filmes galegos en festivais e mostras de cine de prestixio nacional e internacional que se realicen fóra de Galicia, dentro do marco das competencias deste organismo, e realizar a súa convocatoria para o ano 2019.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de marzo de 2019 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, e se convocan para o ano 2019.

Cuarto. Importe

O importe global máximo para o financiamento da presente convocatoria será de 40.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 2019.11.A1.432B.470.0. do orzamento da Axencia Galega das Industrias Culturais, código de proxecto 2015-00003.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes para os eventos que xa tiveron lugar será dun mes desde o día seguinte á publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Para os que teñan lugar con posterioridade á publicación da presente convocatoria, será dun mes contado desde que se produza a comunicación oficial por parte do festival da selección da obra e, en calquera caso, non poderá exceder o 15 de novembro de 2019.

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega
das Industrias Culturais