Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 25 de marzo de 2019 Páx. 15700

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 13 de marzo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pola que se dá publicidade a unha encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega de Infraestruturas relativa aos expedientes de contratación para a adxudicación dos contratos de servizo de dirección de obra e servizos de dirección de execución de obra e coordinación de seguridade e saúde da obra da terminal de autobuses integrada na Estación Intermodal de Santiago de Compostela.

De conformidade cos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á Axencia Galega de Infraestruturas para a realización das actuacións de carácter técnico que se susciten nos expedientes de contratación relativos ao servizo de dirección de obra e aos servizos de dirección de execución de obra e coordinación de seguridade e saúde da obra da terminal de autobuses integrada na Estación Intermodal de Santiago de Compostela, que ten as seguintes características:

– Obxecto: encomenda de xestión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade á AXI para a realización dos seguintes traballos:

• Na fase de preparación do expediente de contratación:

– Elaboración dos pregos de prescricións técnicas.

• Na fase de licitación do contrato dos servizos:

– Elaboración do informe técnico de valoración das ofertas técnicas presentadas, incluídos os informes relativos a posibles baixas desproporcionadas.

• Na fase de execución dos contratos de servizos:

– A dirección do contrato, como responsable deste, correspondéndolle as facultades atribuídas polo artigo 52 do TRLCSP.

Calquera outro informe de carácter técnico que, en relación con estes contratos de servizos, sexa solicitado polo órgano xestor.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: esta encomenda ten natureza intersubxectiva ao realizarse entre órganos (Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e Axencia Galega de Infraestruturas) dotados de personalidade xurídica propia e ser a Axencia Galega de Infraestruturas medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dependentes dela.

– Prazo de vixencia: a vixencia da presente encomenda entenderase desde a súa sinatura ata a extinción do contrato.

– Supostos en que procede a finalización anticipada da encomenda: incumprimento total ou parcial dalgunha das partes ou mutuo acordo.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2019

Joaquín Macho Canales
Secretario xeral técnico da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade