Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Mércores, 20 de marzo de 2019 Páx. 14596

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2019 de cesamento e nomeamento de membros do Comité Autonómico de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G).

A presidenta do Comité Autonómico de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (en adiante, CEIm-G) enviou o día 25.2.2019 un escrito á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade en que comunica a renuncia de Jesús Alberdi Sudupe como membro do citado órgano.

Antecedentes:

Mediante a Resolución do 5 de decembro de 2017, publicada no Diario Oficial de Galicia do 13.12.2017, concedeuse a renovación da acreditación do Comité Autonómico de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G) e noméaronse os seus membros. Entre eles, figuraba Jesús Alberdi Sudupe, médico especialista en Psiquiatría da Xerencia de Xestión Integrada da Coruña.

Consideracións legais e técnicas:

O Decreto 63/2013, do 11 de abril, regula os comités de ética de investigación clínica de Galicia. No relativo á súa composición, o artigo 5.4 sinala que as persoas membros deste comité serán designados/as e nomeados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, garantindo en todo caso a representación equilibrada entre homes e mulleres.

O punto 7 do artigo 5 dispón que o nomeamento efectuarase por un período coincidente co de vixencia da acreditación do comité, aínda que poderá ser revogado ben por solicitude de baixa da persoa interesada, ben por se teren modificado as circunstancias que motivaron a súa designación de modo que supoña a perda dos requisitos para integrar o comité, ou ben por incumprimento notorio das súas funcións, a criterio do comité, e logo de audiencia do/a interesado/a.

Acerca da composición numérica, en concreto, o punto 1 do mesmo artigo sinala que estará formado por un mínimo de nove e un máximo de vinte e cinco membros, de maneira que se asegure a independencia, competencia e experiencia na toma de decisións e no cumprimento das súas funcións.

Na actualidade, o CEIm-G axústase na súa composición aos citados topes numéricos, e coa vontade de manter o mesmo número, propúxose o nomeamento de Jorge Prado Casal, da Subdirección Xeral de Sistemas e Tecnoloxías da Información da Consellería de Sanidade.

Logo de ver o que se expuxo, e de acordo coa proposta que efectuou a Secretaría Xeral Técnica desta consellería,

RESOLVO:

O cesamento, por petición propia, de Jesús Alberdi Sudupe, como membro do Comité Autonómico de Ética da Investigación con medicamentos de Galicia (CEIm-G), así como o nomeamento de Jorge Prado Casal, como membro do mesmo órgano.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade